Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Talabarte fai pleno en todas as candidaturas aos Premios Opinión

SETE DISCOS CONSEGUEN OPCIóNS NALGUNHA DAS TRES CATEGORíAS DA XVIª EDICIóN DOS PREMIOS DA MúSICA DE RAíZ

Talabarte fai pleno en todas as candidaturas aos Premios Opinión

FOLK | marzo 10, 2017

imaxe non dispoñible

A XVIª edición dos Premios Opinión da Música de Raíz, vencellados ao xornal La Opinión de Coruña, ven de desvelar as candidaturas finalistas que optarán a galardón. Sete discos lograron obter un lugar entre algunha das candidaturas elaboradas polo xurado, composto por oito persoas que falan sobre música de raíz en diferentes medios de comunicación. O disco Fake de Talabarte conseguiu ser o único presente nas tres categorías dos premios por mellor álbum, mellor tema orixinal e lograr Pedro Pascual os votos necesarios para ser finalista na categoría de mellor artista. Ademais dalgúns nomes que xa concorreron en edicións anteriores cos seus proxectos musicais outros artistas, mesmo con anos de carreira logran por vez primeira entrar nas candidaturas, é o caso de Rosa Cedrón e Xoán Curiel. Caxade consegue dous nomeamentos entre a lista de finalistas, pola canción Nábia e como artista. Nesta última categoría é a terceira vez que aparece na historia dos galardóns, dos que xa resultou gañador na décimo terceira edición.

Outro nome que apareceu varias veces estes anos entre os músicos destacados nos premios é Fernando Barroso, quen debutou o ano pasado como solista con Intropía e agora engade a súa primeira presenza na categoría de mellor artista. Neste mesmo apartado tamén opta ao premio Germán Díaz m que x levara este recoñecemento con anterioridade. Ademais, o disco elaborado coa Brigada Bravo&Díaz tivo o beneplácito dos membros do xurado para coarse entre os elixidos cunha obra baseada en pezas populares que tiveron repercusión no período en que aconteceu a I Guerra Mundial, á que o dúo achega os seus arranxos particulares con zanfona e guitarra como protagonistas. A canción Benditas feridas de Rosa Cedrón para o seu disco Nada que perder opta a mellor tema orixinal. Xoán Curiel editou en 2016 Ecuacións, o seu cuarto traballo discográfico, co que aparece por primeira vez entre os finalistas e, ademais, é quen de facelo por partida dobre, ao ter disco e canción entre as candidatas a alzarse cun dos galardóns. Xosé Lois Romero tamén é un nome coñecido nos premios, polo seu labor con Nova Galega de Danza, e o seu novo proxecto con Aliboria entrou con posibilidades de vitoria como mellor disco de raíz do ano.