Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Rafael Carracedo recupera a historia e os sons orixinais da requinta da Ulla
Xénero:
| 9 / 1 / 2018O libro-cd A requinta da ulla. Obradoiro Riobó de Rafael Carracedo Crespo, contén a historia dos inicios e o desenvolvemento deste tipo de frauta tradicional no Val do Ulla, así como a historia do Obradoiro García Riobó (A Estrada), o taller de gaitas e requintas máis antigo de Galicia aínda en funcionamento. O volume de 192 páxinas, que acaba de saír publicado pola editorial Embora e en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, inclúe fotos de instrumentos antigos e modernos, de agrupacións tradicionais e bandas de música e máis de oitenta partituras transcritas a partir do cancioneiro de melodías que foran interpretadas no repertorio dos vellos requinteiros. O CD que acompaña o texto contén exemplos das pezas transcritas nas partituras e os sons das vellas gaitas, requintas e percusións.
A Roda celebra 40 anos co seu primeiro disco ao vivo
Xénero:
| 19 / 12 / 2017Tiveron que pasar catro décadas de traballo para que o grupo vigués A Roda se decidise a publicar un álbum en directo. Agora, a conmemorar eses corenta anos de traballo, a formación acaba de presentar A Roda Live / A Roda ao vivo en Ortigueira, un álbum que recolle a actuación que realizou no Festival Internacional do Mundo Celta deste 2017. Xan Barcón, David Cabaleiro, Alfredo Dourado, Christian García, Alex Nores e Manoele de Felisa, a actual formación co combo, achegan ao volume dezaseis temas clásicos da banda canda a catro inéditos, cos bonus tracks de estudio 40 anos máis e Os cabaleiros da roda, da man de Inquedanzas Sonoras.
O Museo do Pobo presenta Dispostas para cantare
Xénero:
| 19 / 10 / 2017O musicólogo Sergio de la Ossa foi o responsable de seleccionar as vinte e catro pezas que conforman Dispostas para cantare. O Museo do Pobo Galego presentaba onte este libro-CD no que recupera unha selección de pezas sonoras dos milleiros que custodia o seu Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade (APOI). Romances, coplas, cancións de voda ou de sega, xotas ou muiñeiras cantadas polos propios informantes en diferentes recollidas de sons populares conforman este interesante traballo sobre a tradición musical galega que sae á luz en colaboración con Bodegas Martín Códax.
Xabier Díaz e Luar na Lubre encabezan a numerosa presenza galega no festival de Lorient
Xénero:
| 3 / 8 / 2017O Festival Interceltique de Lorient, na Bretaña francesa, leva 47 anos sendo o máis importante do mundo no que se refire á música folk bretoa e das denominadas nacións celtas das Illas Británicas (Escocia, Gales, Cornualles, Illa de Man e Irlanda) e o norte de España (Galicia e Asturias). Este ano, o festival contará con numerosa presenza desde Galicia, con arredor de 150 músicos ou bailadores, entre os que os máis coñecidos poden ser Xabier Díaz &Adufeiras de Salitere ou a veterá banda Luar Na Lubre. Nos dez días de festival, do 4 ao 13 de agosto, chegan á vila bretona máis de 4.500 artistas para participar nos máis de 120 espectáculos que se desenrrolan nos distintos espazos do festival, chegando a haber 100.000 espectadores de pago e 700.000 visitantes, o que o convirte no máis importante festival de Francia e do mundo. Nesta edición o primeiro grupo galego en tocar serán Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, o domingo 6 no Grande Teathrè. Tamén chegarán ao Interceltique TRIM. Este trío instrumental formado por Fernando Barroso, Pedro Fariñas e Luís Peixoto fará unha das súas primeiras aparicións europeas, nun festival no que o seu gaiteiro, Pedro, é xa coñecido ao gañar o certame MacCrimmon no ano 2011. O Espace Marine é o recinto máis grande do festival, reservado para as producións con maior sona do mesmo. Nel tocarán a noite do mércores 9 os coruñeses Luar na Lubre. Coa súa renovada formación amosarán ao público bretón a súa proposta encadrada no 30º aniversario do grupo.
Falece Emilio de Pando, o grande recuperador da trompa galega
Xénero:
| 30 / 6 / 2017O pasado 29 de xuño falecía na Coruña aos 85 anos de idade Emilio Álvarez Pérez, Emilio do Pando. O seu nome foi fundamental na recuperación na trompa galega ou berimbau, da que era un consumado intérprete, ademais de gaiteiro. Veciño da Fonsagrada, Emilio do Pando foi considerado un mestre por músicos como Rodrigo Romaní ou Bieito Romero, con quen compartiu escenarios en diferentes ocasións. Ademais, participou activamente no desenvolvemento do Museo Etnográfico da Fonsagrada e na creación e consolidación da Asociación “Antaruxas e Sorteiros” fundada en 1979. Polo seu labor recibiu numerosas homenaxes e recoñecementos, como foi o título de Mestre da Memoria da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
O Festival de Pardiñas chega á súa 38 edición
Xénero:
| 27 / 6 / 2017A Asociación Cultural Xermolos celebra este mes agosto a 38 edición do Festival de Pardiñas, a cita musical que desde hai máis ano se celebra de xeito ininterrompido no noso país. O evento, que se desenvolverá entre o 4 e o 6 de agosto nesta parroquia de Guitiriz, integra ademais a quinta edición do certame de cantos de taberna e a vixésimo cuarta mostra de instrumentos tradicionais e mais a de artesanía. Davide Salvado, Abóbriga, os canadienses Yves Lambert Trio, Os Melidaos, o encontro entre o vasco Kalakan e o portugués Luís Peixoto ou os irlandeses Cúig son algúns dos nomes máis destacados desta xeira, que presentaba onte o seu programa. Fina Casalderrey será a encarregada de dar o pregón daa cita, mentres Antón Corral fará o mesmo na mostra de artesanía.
Xacarandaina abre en Carral o Ciclo Danza 3
Xénero:
| 9 / 6 / 2017Mañá, sábado, ás 11 horas comezará o Ciclo Danza 3 unha nova andaina coa actuación de xacarandaina no Campo da feira de Carra. Con esta actuación ábrese unha nova edición deste programa que xa ten máis de oito anos creado polas agrupacións integrantes do colectivo XOC –Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos– para a difusión da música e o baile tradicionais. O ciclo, que conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), inclúe tanto actuacións na rúa como en recintos pechados e ofrecerá durente este verán outras 11 citas noutros tantos concellos: Baltar, Carballo, O Irixo, Mos, Muros, Ribadeo, Oroso, Ortigueira, Redondela, Sanxenxo e Vilalba. O colectivo XOC suma máis de 1.500 socios
Luar na Lubre encabeza o cartel no XVIII Festival Folk de Raíz
Xénero:
| 29 / 5 / 2017A décima oitava edición do festival Folk de Raíz xa ten o cartel da súa proposta musical. O festival que se celebra en Callobre, no Concello da Estrada, o sábado 1 de xullo, contará con catro actuacións musicais ademais da animación e gastronomía, xunto coa zona de acampada. Luar na Lubre, que está este ano celebrando en xira o seu XXX aniversario, será un dos pratos fortes do cartel. Polo escenario do Folk de Raíz en Callobre tamén pasarán Zurrumalla, que leva en activo un ano menos que o propio festival; o grupo de música tradicional Sons da Mina, de Fontao (Vila de Cruces) e a formación propia da Asociación Cultural Retranqueiros, organizadores deste evento de música tradicional e que neste caso actúan como anfitrións. Desde a organización non descartan que haxa máis incorporacións sobre o escenario.
O Festival do Mundo Celta de Ortigueira presenta programa
Xénero:
| 19 / 5 / 2017O Concello de Ortigueira ven de presentar a programación da que será a 33ª edición do Festival do Mundo Celta. Entre o 13 e o 16 de xullo case vinte agrupacións folk de diferentes partes do mundo pasarán polo Escenario Estrella Galicia entre as 21 horas e a madrugada. A fase final do Proxecto Runas abrirá o festival coas actuacións das tres bandas seleccionadas para esta competición na que se decidirá cal delas volverá para a seguinte edición do evento. As formacións finalistas son: os xaponeses Koji Koji Moheji, os eslovenos Noreia e o irlandés Gabriel G. Diges. Un deles gañará un posto no cartaz do Festival de Ortigueira 2018 e un premio en metálico de 3.000€. Entre as novas liñas do festival destaca que as actuacións da tarde do domingo serán exclusivamente a cargo de formacións galegas, neste caso Gamelas e Anduriñas; Os Carecos e Amigos; Treixadura e Cantigas e Agarimos e A Roda. Pero a presenza musical galega non estará limitada a esta tarde xa que no resto do programa tamén están a banda Crebinsky,a Escola de Gaitas de Ortigueira, o gaiteiro Óscar Ibáñez &Tribo e os galego-iralnadeses Böj. Compartíndo as táboas con eles o cartel deste ano ofrece as actuacións de outros músicos de primeiro nivel internacional no escenario Estrella Galicia coma Usher’s Island; Harmonica Creams; Sckerryvore; Scoot Wood Ban; The California and District Pipe Band; Michael McGoldrick Band e os asturianos Tejedor. Así mesmo, presentáronse o concurso internacional de cuartetos tradicionais e os obradoiros de baile tradicional.
Xulio Lorenzo presenta o seu primeiro traballo en solitario 'Cantos da ialma'
Xénero:
| 15 / 5 / 2017O gaiteiro e compositor Xulio Lorenzo presentará en concerto o vindeiro sábado en Vigo o seu primeiro disco en solitario Cantos da ialma. Doce temas de composición propia xurdidos en distintos momentos da súa extensa traxectoria tanto no país como nas súas experiencias internacionais desde 2011 e nos que Lorenzo lúcese cos súas composicións na gaita, na frauta ou no whistle. Foi ao rematar 2015, despois de dúas xiras por Brasil cona agrupación Gaiteiros de Lume (coa que participa na gravación do segundo álbum) e polo sur de Italia da man do grupo Napolitano Brigan, cando Xulio Lorenzo, natural de Mos, decide comezar a deseñar o seu primeiro traballo discográfico que este mes presenta en concerto aínda que xa leva un tempo dispoñible en tendas. Para a elaboración deste disco Lorenzo rodeouse dunha banda formada por Paco Dicenta (baixo eléctrico), Ioana Pérez (violín), Diego Bea (guitarra), Roberto Comesaña (acordeón), David Outumuro (percusións)e Alberto Vilas (piano). Pero ademais no álbum conta con importantes colaboracións nalgúns temas como Bieito Romero (Luar na Lubre), Marcos Campos ( Crema de Gaita, Riobó), Pedro Fariñas (Trim, Transilvanians), Noelia Alvarez Rodriguez-Osorio ( Two in the Mirror, Aretha Franklin Tribute Band), Marisé Balado (Arume, Orquesta folk Sondeseu), Francesco Di Cristofaro (Brigan Italia), Alberto Vilas ( Tangata, Alberto Vilas Quartet) e a Banda de gaitas Xarabal. O vindeiro sábado día 20 Xulio Lorenzo e compañía estará presentando en directo Cantos de ialma Teatro Afundación Vigo ás 21 horas.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos