Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Rodrigo Romaní preséntase en Trío co disco 'Fíos de ouro no ar'
Xénero:
| 16 / 4 / 2018Rodrigo Romaní presenta o seu cuarto traballo discográfico Fíos de ouro no ar (Altafonte Music), e faino anovando esta vez no formato, presentándose como Rodrígo Romaní Trío na compaña de Bea Martínez (arpa) e Xulia Feixoo (percusión), dúas intérpretes do panorama do novo folk galego. O arpista fundador de Milladoiro non deixa de achegar renovación ao panorama tradicional, neste caso cun álbum concibido para recrear un xogo sónico de luces e sombras, de penumbras estilísticas, con alusións a músicas de diversas orixes nas que a tradición oral da musica popular vertebra un produto inconfundiblemente galego. As dez pezas deste Fíos de ouro no ar revelan un abano de sonoridades delicadas ao mesmo tempo que definidamente rítmicas, evocadas pola complexidade de dúas arpas combinadas con elementos electrónicos e percusións acústicas unidas ao canto e a ocarina. Para este traballo Romaní contou con valiosas colaboracións que se deixan sentir no álbum como o acompañamento elegante do cuarteto clásico de corda Cuarteto Novecento. A eles xúntanse as voces invitadas de Inés Lorenzo (As Arpas de Breogán) e Guillerme Ignacio (Quempallou). O disco presentarase en concerto o vindeiro 27 de abril no Teatro Rosalía de castro da Coruña, as entradas xa están á venda. Fíos de ouro no ar está dispoñible en todas plataformas dixitais e tamén en formato CD DIGIPACK nas tendas de discos.
aCentral Folque recupera o legado de Maruxa das Cortellas
Xénero:
| 14 / 3 / 2018"Foi a única muller da súa xeración que tivo interese en apender a tocar o pandeiro ao xeito das antigas da aldea. De non ser por ela, esta tradición non tería chegado ata nós". Así introduce aCentral Folque o seu último lanzamento Maruxa das Cortellas. Tocadora do pandeiro…. Xulia Feixóo foi a responsable do texto deste libro-CD que repasa en 130 páxinas a figura, a técnica e o repertorio desta música tradicional que se fixo coñecida pola súa presenza no programa Luar a finais dos anos 90 e mais pola súa participación en diferentes seráns urbanos. O álbum recolle un total de 30 pezas que amosan a súa capacidade e versatilidade con este instrumento de percusión na que é a primeira publicación sobre o adufe que se publica en galego. Xotas, ribeiranas, valses, pasodobres, chiqui-chiquis e rumba fan parte dos temas recollidos neste proxecto, que se presentou ao público o pasado 11 de marzo no Castelo de Soutomaior.
Dous e Uxía aparecen como favoritos nos XVII Premios Opinión
Xénero:
| 23 / 2 / 2018O xornal La Opinión publica hoxe os traballos que aspiran aos XVII Premios Opinión de Música de Raíz. Nesta xeira, destacan de xeito especial as candidaturas de Uxía e de Dous, presentes en todas as categorías dos galardóns. Así, as dúas propostas compiten polo galardón ao mellor disco, a primeira con Uxía-o e os segundos con A vaixe de Yoyo, nunha categoría na que tamén están presentes Samarúas con Prólogo e Pancho Álvarez co seu Celtis Australis.
aCentral Folque publica unha escolma das recollidas musicais de Gustav Henningsen
Xénero:
| 21 / 2 / 2018Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968 é último título da colección "A chave mestra" que publica aCentral Folque. O novo libro CD recolle unha escolma de 38 cortes das gravacións de carácter musical que este antropólogo dinamarqués realizou durante o seu traballo de campo no noso país, maiormente na comarca de Ordes. Os etnomusicólogos Xavier Groba e Sergio de la Ossa foron os responsables de escolmar o material dun estenso arquivo fonográfico que ata hoxe estaba inédito. Ademais do CD, a publicación inclúe un ensaio divulgativo, a transcrición das melodías e unha escolma de fotografías inéditas realizadas por Henningsen.
O compás de Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre sinala o futuro do norte
Xénero:
| 6 / 2 / 2018O novo álbum de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre leva por nome Noró (algunhas músicas do Norte) (Músicas de Salitre, 2018) e chega hoxe a todas as tendas e plataformas marcando coa súa saída unha das datas relevantes do ano no que á musica galega se refire. Noró ofrécenos 13 temas de carácter tradicional pero de composición propia que sitúan o combo formado por Díaz e as Adufeiras de novo na punta da contemporaneidade con raíz.
Outro que tal baila é o terceiro álbum de Tiruleque
Xénero:
| 30 / 1 / 2018O vindeiro 17 de febreiro chega ás tendas e preséntase ao vivo na Sala Capitol de Compostela Outro que tal baila, terceiro álbum de Tiruleque. Cinco anos depois de Mu!, o grupo lanza dez temas novos nos que continúa a explorar as posibilidades da música de raíz para a festa e o baile. O álbum autoeditado recolle tres temas propios, "nos que se xoga cos límites dos xéneros", segundo explica a presentación do proxecto, canda a "seis versións de temas tradicionais recollidos por investigadores como Pablo Carpintero ou o americano Alan Lomax. Os temas propios son Ribazo de Razo, definida como unha muiñeira contemporánea de corte tradicional; Mazo té, mazo, xota para dúas gaitas e resto de instrumentos, ou Rumbanera, composición a medio camiño entre a rumba e a habanera. Nas versións, destacan temas tradicionais como a Muiñeira dos dous golpes, o Romance dos paragüeiros ou Asubíame de lonxe.
Cristian Silva presenta Manual ególatra básico
Xénero:
| 29 / 1 / 2018A editorial Ton e Son está a presentar o terceiro volume da súa colección 20 pezas para gaita galega. Depois dos libros-CD de Carlos Estévez e de Xurxo Jachía, Cristián Silva continúa a serie con Manual ególatra básico. O volume recolle as transcricións dunha vintena de pezas para dúo, trío de gaitas e solista, moitas delsta a incluír tamén cifrados para facilitar o acompañamento con outros instrumentos. A nivel sonoro, o CD recolle cinco dos temas do volume interpretados polo propio Silva. O álbum gravouse nos Estudos atárxicos e ChisPún! Estudio.
Samarúas bota a andar con Prólogo
Xénero:
| 22 / 1 / 2018Tardaron case seis anos, e moitos concertos, en entrar no estudio de gravación. Samarúas acaba de presentar este mes de xaneiro Prólogo, o seu primeiro álbum autoeditado. Sete temas compoñen este lanzamento que aposta polo instrumental, con só tres temas cantados que adaptan poemas de Celso Emilio Ferreiro, Xosé Iglesias e unha letra propia. A formación achega un son complexo que combina "temas propios cos tradicionais nun folk fresco con personalidade propia" mercé ao traballo dos seus sete membros. Miguel Vázquez (Gaita e saxo), Antonio Prado (Percusión), Tania Caamaño (Voz e percusión), Fran Barcia (Acordeón), María Blanco (Violín), Carlos Barcia (Guitarra) e Isaac Pérez (Batería). O álbum ten como capa unha obra de Manfred Gnädinger Man.
O Festival de Ortigueira cumpre 40 anos
Xénero:
| 22 / 1 / 2018A vila de Ortigueira acollerá entre os vindeiros 12 e 15 de xullo unha edición especial do Festival Internacional do Mundo Celta. O evento cumpre na súa xeira de 2018 corenta anos de existencia, que non corenta edicións, xa que houbo pausas na súa celebración. Para conmemorar a efeméride, o programa recupera dous nomes xa clásicos no evento, como son Milladoiro e Carlos Núñez. Canda a eles, os escoceses Imar e os canadenses Yves Lambert Project marcan un programa no que tamén estarán presentes Kila, Rubén Alba ou Os D’abaixo. A Feira Internacional de Turismo (FITUR) de Madrid acolleu esta fin de semana a presentación da nova xeira cun cartel deseñado polo ilustrador Fernando Ruibal, que se impuxo no certame para lle pór imaxe ao evento.
Manolo Bacalhau leva ao disco os cantos da taberna con Sondobar
Xénero:
| 19 / 1 / 2018Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding, o ferrolán Manolo Bacalhau debuta no mercado discográfico con Sondobar. A seguir a súa traxectoria de colaboracións no campo da música da raíz, este cantor aposta pola reivindicación dos cantos de taberna para o seu primeiro traballo. Temas populares galegos e portugueses, poemas musicados de Rosalía ou Curros ou unha versión de Zeca Afonso danse cita nos dez cortes que achega este traballo. Ademais do CD, o proxecto comprende un DVD cun documental sobre o músico e varios temas gravados ao vivo. O Teatro Jofre de Ferrol acolleu o pasado 13 de setembro o multitudinario recital de presentación.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos