Rodrigo Romaní preséntase en Trío co disco 'Fíos de ouro no ar'
abril 16, 2018
Rodrigo Romaní presenta o seu cuarto traballo discográfico Fíos de ouro no ar (Altafonte Music), e faino anovando esta vez no formato, presentándose como Rodrígo Romaní Trío na compaña de Bea Martínez (arpa) e Xulia Feixoo (percusión), dúas intérpretes do panorama do novo folk galego. O arpista fundador de Milladoiro non deixa de achegar renovación ao panorama tradicional, neste caso cun álbum concibido para recrear un xogo sónico de luces e sombras, de penumbras estilísticas, con alusións a músicas de diversas orixes nas que a tradición oral da musica popular vertebra un produto inconfundiblemente galego. As dez pezas deste Fíos de ouro no ar revelan un abano de sonoridades delicadas ao mesmo tempo que definidamente rítmicas, evocadas pola complexidade de dúas arpas combinadas con elementos electrónicos e percusións acústicas unidas ao canto e a ocarina. Para este traballo Romaní contou con valiosas colaboracións que se deixan sentir no álbum como o acompañamento elegante do cuarteto clásico de corda Cuarteto Novecento. A eles xúntanse as voces invitadas de Inés Lorenzo (As Arpas de Breogán) e Guillerme Ignacio (Quempallou). O disco presentarase en concerto o vindeiro 27 de abril no Teatro Rosalía de castro da Coruña, as entradas xa están á venda. Fíos de ouro no ar está dispoñible en todas plataformas dixitais e tamén en formato CD DIGIPACK nas tendas de discos.
Tamén che pode interesar:
- 16/ 12/ 2013 | A Orquestra Sondeseu estrea as súas Danzas brancas
- 13/ 6/ 2013 | Rodrigo Romaní é elixido presidente do Consello Territorial da SGAE
- 27/ 5/ 2013 | Rodrigo Romaní foi o gran vencedor dos XII Premios Opinión de música folk
- 22/ 2/ 2013 | Coñécense os finalistas aos XII Premios Opinión
- 3/ 12/ 2012 | Rodrigo Romaní presenta As arpas de Breogán