Pesdelán pon a bailar o Entroido
febreiro 6, 2017
A agrupación Pesdelán presenta estes días o seu segundo traballo editado, o DVD Entroidanzas . Mantendo o seu obxecto de espectáculo e proxecto didáctico Pesdelán pretende con este traballo achegar os xeitos en que distintas zonas do mundo celebran con música e danza os seus entroidos. Tras unha pesquisa global e un traballo de documentación importante a agrupación seleccionou once temas con músicas e danzas que se puidesen reproducir nos seus espectáculo e sempre cos parámetros de poder ser bailadas por xentes de todas as idades. Italia, Grecia, Colombia, Arxentina, Perú Brasil e Venezuela están representadas nesta compilación de celebracións do carnaval tradicional deses países. Do folclore galego Pesdelán seleccionou dúas pezas: a Mazurca-Valse de Meira (Moaña) e os Folións de Ourense. No DVD, xa a venda en puntos de venda físicos e a través de Internet, Pesdelán amosa cada danza explicando didacticamente o xeito no que se leva a cabo, contando co aparticipación de máis de 50 persoas que tomaron parte nestas gravacións. Para aqueles interesados só na parte musical o grupo tamén pon á venda as pistas en MP3 do DVD a través do correo electrónico. Con este traballo Pesdelán estará presente este ano no Entroido ofrecendo obradoiros e actuacións en vivo, en Lugo e Compostela inicialmente.