Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Os Carunchos presentan o seu sexto disco 'Cantares'
Xénero:
| 28 / 12 / 2016Os Carunchos presentan este venres en Vincios, Gondomar, o que é o seu sexto traballo discográfico ao longo dos seus 22 anos de traxectoria, de título Cantares. Dezasete pezas conforman este disco editado co selo Inquedanzas Sonoras, con melodías cantadas arredor da poesía popular, letras propias e tamén musicando as poetas. Rosalía de Castro, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Darío Xohán Cabana, Manolo Pipas e Carlos Fontes están presentes en temas deste traballo que segundo afirma o grupo nun comunicado, “quere ser humilde resposta, o pago ao inmenso amor á nosa cultura e lingua que estes e outros autores espallan en poemas.” Os Carunchos” presentarán en concerto o novo sexto disco o vindeiro 30 de decembro ás 21:00h, no Centro Cultural de Vincios (Gondomar). O grupo naceu a finais de 1994 coa idea de mesturar temas cantados co repertorio de gaiteiros solistas, conseguindo naquel momento unha formación nova e orixinal coa que Os Carunchos participan nos máis importantes festivais folk do país. O seu anterior traballo foi TI QUE? (PAI Música) en 2013, no que trataron temas de denuncia social de actualidade.
Radio Cos culminan un ano de éxito presentando o seu novo disco
Xénero:
| 26 / 12 / 2016Inspirándose para o seu nome no betanceiro Parque do Pasatempo a formación Radio Cos presentou estes días en sucesivos directo por Santiago, Coruña e Vigo este novo disco, o segundo da banda tras Radio Cos (BOA, 2013). En Pasatempo Radio Cos volven a traballar sobre o repertorio tradicional reinterpretándoo e facéndoo evolucionar co seu estilo propio. Desde o traballo de investigación etnográfica realizado desde hai moitos anos por Quique Peón e Xurxo Fernandes, cantantes e percusionistas de Radio Cos, veñen estas melodías recollidas nos seus arquivos de gravacións de campo. Xan Pampín ao acordeón, Pedro Lamas coa gaita e saxo tenor e o violín de Nikolay Velikov completan o quinteto.Radio Cos levan a metade do ano xirando co estas cancións dando concerto por toda a xeografía española e foron os representantes da música tradicional galega nos concertos oficiais do WOMEX 2016. Este ano tamén compartiron escenario e mesmo melodías coa formación balcánica Fanfare Ciocarlia no festival feito a Man experimentando con eles mesturas galego-balcánicas. O irmanamento de culturas e son está no cerne deste novo traballo e daí parte a idea de chamalo como ao famoso recinto creado polos irmáns Naveira en Betanzos.
Ialma saca hoxe á rúa o seu quinto disco, ‘Camiño’
Xénero:
| 16 / 12 / 2016Hoxe sae á rúa o quinto álbum do grupo de pandereteiras galego-belgas Ialma, titulado Camiño. Case vinte anos despois de comezar a xuntarse para cantar e cinco despois do anterior Simbiose (2011), volven de novo cun novo disco debaixo do brazo no que contan a súa historia e a das súas familias e no que queren facer unha homenaxe aos galegos e galegas da emigración. Camiño, que leva como subtítulo De Bruxelas a Santiago, é a historia da súa emigración e da dos seus pais, pero que segue a evolucionar "porque un camiño nunca se para", din. "É un camiño de loita, cultural, de diversidade, de descubrir e de contactar co público e coa xente doutras culturas. É un camiño que levamos percorrendo moitos anos e que cantamos a través das nosas cantigas". O novo disco tamén é un canto á diversidade: "Descubrirmos novas culturas musicais permítenos enriquecernos e coñecernos mellor", afirman, definindo así a evolución que fixo o grupo que contribuíu a perpetuar, renovar e facer evolucionar a música tradicional galega.
Carlos Núñez celebra 20 anos de 'A Irmandade das Estrelas' cunha xira internacional
Xénero:
| 15 / 12 / 2016Por estas datas do ano 1996 Carlos Núñez presentaba o seu primeiro disco asinado en solitario A irmandade das estrelas, no que o gaiteiro vigués reunía as colaboracións de grandes personalidades musicais a moitas das cales xa estaba unido anteriormente no seu percorrido profesional. O disco foi un enorme éxito e marcou un momento especial, achegando a música de raíz celta feita en Galicia non só a España se non tamén ao circuíto internacional. Agora Carlos Núñez celebra o vinte aniversario deste fito cunha xira internacional na que invita a artistas novos de toda a península para crear un novo espectáculo. A xira, que comezou o pasado día 8 de decembro en Málaga, percorrerá 17 cidades de España e 15 dos EE.UU. rematando o 9 de abril no Fairmount Theater de Montreal, en Canadá. Tres das datas principais, arredor do Nadal, terán lugar en Galicia: o día no Teatro Rosalía da Coruña; o 23 na súa cidade natal no teatro AFundación; o día 26 no Teatro Jofre de Ferrol.
Cristina Pato finalista en dúas candidaturas aos Grammy co Silk Road Ensemble
Xénero:
| 12 / 12 / 2016As candidaturas aos prestixiosos premios da música do mercado estadounidense, os Grammy, trouxeron este ano na súa 59ª edición, dúas candidaturas nas que estará presente a ourensá Cristina Pato. A gaiteira e pianista optará, como parte do Silk Road Ensemble que acompaña ao violinista Yo-Yo Ma a dous galardóns: Mellor Álbum de World Music polo disco "Sing Me Home" e Mellor Filme Musical polo documental The Music of Strangers: Yo-Yo Ma and the Silk Road Ensemble, parte do cal foi gravado seguindo á artista polas terras galegas e con participación de outros músicos do país. Non é a primeira vez que a gaiteira e pianista está presente nos Grammy , xa no ano 2010 Pato foi partícipe doutro galardón que acadou na súa colaboración con Yo-Yo Ma no disco Yo-Yo Ma and Friends: Songs of Joy and Peace que gañou o Grammy ao Mellor Álbum Clásico de Colaboracións (Best Classical Crossover Album). A gala de entrega dos premios terá lugar o vindeiro 12 de febreiro en Los Angeles.
Luar na Lubre repasa nun novo álbum 30 anos de carreira
Xénero:
| 25 / 11 / 2016Para o vindeiro nove de decembro sae á rúa XXX aniversario, o álbum co que Luar na Lubre celebra tres décadas de traballo. Segundo anuncia o grupo, o disco recolle unha selección personal que quere "non caer no convencional, sen as cancións máis coñecidas e recoñecidas" e busca "a excelencia dos temas máis agochados do noso repertorio". Canda a elas, sorpresas na forma de revisións de temas como Morrison's jig, Dun tempo para sempre ou o Soldado desgraciado, ou unha transgresora reinterpretación do clásico Fonte do Araño de Emilio Cao. Tamén se poderá ouvir a versión que Mike Oldfield fixo de O Son do Ar. Entre os colaboradores deste novo proxecto, nomes como Ismael Serrano, Coral de "Ruada", Nani García, Victor Iglesias, Christian Delgado, Fernando Fraga ou Irene Cerqueiro.
Budiño conmemora vinte anos de Paralaia
Xénero:
| 23 / 11 / 2016Hai xa vinte anos que Xosé Manuel Budiño iniciaba a súa carreira discográfica co lanzamento de Paralaia. Para conmemorar este aniversario, o gaiteiro moañés acaba de presentar unha edición remasterizada deste mítico álbum, desta volta como un libro-CD ilustrado por Ana Zon. O volume conseguiu no seu día múltiples recoñecemento como os premios da Sociedade Xeral de Autores e Editores de España (SGAE) e da Asociación de Artistas Intérpretes e Executantes de España (AIE), así como o Premio da Música en España á mellor canción en galego para Ardora. O libro-disco porase á venda a partir do 5 de decembro. Con anterioridade poderá mercarse no Culturgal, entre o 2 e o 4 de decembro.
Algarabía Folk presenta o seu CD
Xénero:
| 27 / 10 / 2016Dez temas de tradición para bailar compoñen o disco que anda a presentar Algarabía Folk. A asociación folclórica titula co seu propio nome este álbum que grabaron o pasado mesde maio nos estudios Ancestral de Ponte Caldelas. O grupo, que inclue clarinete, acordeóns, gaita, tamboril, bombo e pandeiretas, aposta por unha interpretación festiva de temas populares. O Centro Dotacional do Torroso, en Mos, acolleu o concerto de presentación do álbum o pasado 22 de outubro.
Talabarte presentan Fake un libro-disco de historias e músicas incertas
Xénero:
| 19 / 10 / 2016"Cóntase que os Talabarte viaxaron durante 15 anos a bordo do Tradincerto, e descubriron unha serie de historias que espertaron o seu interese e fascinación". Así se presenta Fake, o novo libro-disco de Talabarte, que verá a luz o 18 de novembro. Co fío condutor desas historias que non se sabe canto teñen de real e canto non, compilan ritmos bailables da tradición europea, e mesmo de alén do Atlántico: mazurcas, schottish, milongas, polskas ou tarantellas. O trío formado en 2004 por Quim Farinha (violino), Kin García (contrabaixo) e Pedro Pascual (acordeón diatónico) presenta o seu segundo traballo discográfico que estará disponible a partires do 18 de novembro en formatos físicos e dixitais. Temas de este novo traballo poderán escoitarse hoxe mesmo no Opening Concert que abre o WOMEX en Santiago e no que estará o trío como parte da representación da música galega, xunto ao Cuerteto Caramuxo, ante os profesionais acreditados na feira. O libro-disco xira en torno a "fakes" históricos, sae á venda nun gran formato: un CD de 12 temas que vai insertado nun libro de 33x33cm de 50 páxinas con ilustracións de Pablo Pastor e textos de Carlos Meixide.
Os ourensáns Os Amigos dos Músicos presentan disco
Xénero:
| 4 / 10 / 2016Xa se poden escoitar en varias plataformas dixitais os primeiros temas do primeiro disco da banda ourensana Os Amigos dos Músicos. O disco, de título homónimo ao grupo, sairá á venda o vindeiro 14 de outubro. O selo Gran Derby Records representa á banda e edita este traballo. A banda está formada por Jaime Mateo, Arcadio Nóvoa, Raúl Diz, Daniel Alonso, Druso Pedrouzo e Álvaro A. Rivera. xa está dispoñible o seu primeiro vídeo co tema A Bnada que abre o disco. O vídeo está escrito, dirixido e realizado por María Grande, artista que temén se encargou do deseño da portada do disco.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos