Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
No Lérez tamén se fai surf en inverno
Xénero: | 17 / 11 / 2016
O festival pontevedrés Surfing the Lerez inaugura esta fin de semana a primeira das súas edicións de inverno. A cita musical de música rock da capital provincial víñase celebrando ata o de agora unicamente nas datas de verán en na Illa das esculturas, no río Lérez, pero este ano engádelle tamén por vez primeira unha edición invernal que durante dous fins de semana encherá a Sala Karma de concertos. Este venres 18 a veterana banda Sex Museum abrirán o programa e haberá concertos tamén o sábado a cargo de Julián Maeso e do grupo The Hellbuckers. O festival manterase a semana que ven comezando o xoves cun concerto gratuíto no espazo El Pequeño Karma a cargo de Los Wawy Gravies e seguirá tamén o sábado e domingo coas actuacións en cabeza de El Twangero e Los Vinagres. No cartel tamén están bandas galegas como Thee Boas, Gold & Colt, Indy Tumbita & The Voodoo Bandits, Flip Corale, Glitter & Litter para asegurarse que o crocodilo do Lérez non deixe de moverse nin en inverno.
Guerrera presenta o seu terceiro álbum
Xénero: | 14 / 11 / 2016
Dous anos despois do seu Mauna Loa, Guerrera presenta o seu terceiro álbum, que bautizou co seu propio nome. A revista Rockdelux ten dispoñible desde hoxe para escoita en streaming o novo proxecto, no que o grupo galego achega catro novos temas. O vindeiro 18 está previsto o lanzamento da edición física, nun duplo LP. Arden cruces muertas, Mecánica certeza, Calixe e Abakuá son os títulos cos que o cuarteto amosa que está en plena forma e que continúa a súa aposta pola psicodelia, nesta ocasión a render homenaxe ao poeta Milton. O grupo visitará Compostela o vindeiro 19 de novembro para presentar este traballo no marco da festa Mataparty. A maiores, prevé concertos en Pontevedra (9 e 10 de decembro), A Coruña (16 e 17), Vigo (30), Ourense (13 de xaneiro) e Lugo (14).
Familia Caamagno competirá no festival SUNS Europe de linguas minoritarias
Xénero: | 9 / 11 / 2016
A banda Familia Caamagno coa canción Lausanne (on my mind) tomará parte na final competitiva do festival SUNS Europe 2016 o vindeiro tres de decembro en Udine (Italia). Outras nove propostas musicais competiran cos músicos galegos neste festival dedicado á música en linguas minoritarias de Europa. O festival é un punto de encontro e intercambio entre artistas, linguaxes e comunidades usando cadansúa lingua en creacións musicais, audiovisuais ou literatura. Lausanne (on my mind), canción extraída do seu Mini LP Para unha vez que saímos (Lixo Urbano, 2016), foi a peza elixida pola irreverente banda de Sigüeiro para participar neste festival.
Aphonnic continúan Indomables
Xénero: | 7 / 11 / 2016
Superar os 15.000 euros nunha campaña de crowdfunding que só pretendía recadar 10.000 amosa o apoio que suscita Aphonnic entre os seus fans. O grupo presenta, como resultado esta iniciativa Indomables, quinto traballo xa dos vigueses, que continúa a apostar por un rock enérxico e visceral. A banda achega once novos temas onde non faltan cancións con vocacións de himno como Ombligos, propostas nas que se atinxen novas cotas de enerxía como o tema Fruta fresca ou achegamentos á electrónica como La deseada. O proxecto gravouse nos Estudios Mafia do Carballiño e sae á luz da man de Maldito Records tanto en formato físico, a incluír edición en LP, como dixital.
Falece Tabe, baixista de Zënzar
Xénero: | 3 / 11 / 2016
Logo de seis meses de enfermidade, José A. Regueiro "Tabe", baixista do grupo Zënzar, falecía na mañá de onte, 2 de novembro aos 52 anos de idade. Membro fundador da banda decana do rock galego, Tabe iniciara o seu labor musical nos anos oitenta coa súa participación en Átomo, e desde aquela desenvolveu unha intensa carreira durante tres décadas. O pasado mes de decembro de 2015 daba o seu último concerto en Ourense nun recital no que tamén participaba Ruxe Ruxe. Nos últimos meses Laura Romero ocupara o seu posto nos directos de Zënzar. A morte do músico está a suscitar abondosas reacción de dor no ámbito musical do país.
The Hellbuckers preséntanos os seus Demons
Xénero: | 20 / 10 / 2016
Logo de participar no Outono Códax Festival, The Hellbuckers están a continuar a xira de presentación de Demons, o seu primeiro traballo de longa duración. Soul, rock, blues e garage atópanse en 12 temas cheos de sentimento, dos que once son composicións propias e unha versión de Sam Cooke. A voz de Carla de Figueredo encarna as letras persoais do grupo e conta coa guitarra de Chewis, o baixo de Cudi e a batería Marcos para encarnar o que o grupo chama como Soul&Garage. H-Records e Tualmonteyoalmar coeditan este traballo, que chega só dous anos despois do nacemento do grupo.
O festival Resurrection finalista en tres candidaturas dos Premios Fest
Xénero: | 13 / 10 / 2016
A pesares do gran número de candidaturas de festivais galegos, dezanove en once categorías, só dúas propostas da nosa terra pasan á fase finalista dos Premios Fest, na que tres festivais compiten en cada categoría. Das votacións do público a través do sitio web e das do xurado profesional só as edicións de 2016 do Resurrection Fest e o Portamérica pasaran a ser finalistas dalgún premio. O festival metaleiro de Viveiro encabeza a clasificación con tres candidaturas nas que é finalista: Mellor Festival de Gran Formato; Mellor Campaña de Comunicación; Mellor Zona de Acampada. Pola súa banda o PortAmérica de Nigrán opta a recibir o Premio á mellor Zona de restauración, galardón que xa obtivo na anterior convocatoria dos Premios Fest. Só os festivais de Benicassim, FIB eo Rototom Sunsplah acadan o mesmo número de candidaturas que o Resurrection. Os gañadores coñeceranse o vindeiro 26 de outubro durante a celebración do Congreso Bime Pro en Bilbao. Os Premios Fest, únicos no seu xénero, recoñecen a estes eventos musicais en diferentes categorías.
Enki continúa o seu camiño no metal con Red Oak
Xénero: | 28 / 9 / 2016
Apenas un ano e medio despois do seu debut discográfico, os pontevedreses Enki atacan de novo. O cuarteto mantén nos dez temas de Red Oak a súa aposta por un son contundente con ritmos acelerados en coordenadas que transitan entre o groove metal e o death metal melódico. O álbum, autoeditado, gravouse no estudio vigués Planta Sónica e saiu á venda o pasado 15 de setembro. A sala Transylvania de Vigo acollerá o vindeiro oito de outubro un concerto da xira de presentación do traballo, co grupo acompañado por Salavelatoria.
Canedo Rock lanza o II Rockopilatorio Ourensán
Xénero: | 27 / 9 / 2016
Seis anos despois do primeiro volume, a organización do Canedo Rock lanzaba este verán o II Rockopilatorio Ourensán. Este álbum recolle cadanseu tema de vinte bandas da provincia na súa edición física e de vinte e unha na dixital, e está dispoñible para libre descarga. Segundo explican os responsables do proxecto, a intención é dar a coñecer o traballo que fan os conxuntos en activo no panorama rockeiro ourensán. No álbum pódese escoitar desde o "rock de Cabo da Vila ao Death Metal de Upcoming Devastation a pasar polo Punk de Bergallazo, o Heavy Metal de Pacho Brea ou o Southern Rock de Fresno" segundo explican na presentación. Logo de o lanzar nas redes, o álbum terá a súa presentación ao vivo o vindeiro 1 de outubro cun concerto no Café Cultural Auriense a cargo de Cabo da Vila, Mitocondrias e Poseídos a partir das oito e media da tarde.
Agoraphobia anuncia unha intensa xira para este outono
Xénero: | 8 / 9 / 2016
Un total de 17 concertos por todo o estado durante tres meses. Esta é a proposta que fai Agoraphobia no seu Brave Faneca Tour, unha intensa xira que arrincará o seis de outubro en Tenerife e rematará en Córdoba o 10 de decembro. Entremedias, a viaxe inclúe paradas en terras galegas, con recitais en Ferrol (21 de outubro), Culleredo (28 de outubro), A Coruña (5 de novembre) e Compostela (26 de novembro). Logo de rematar esta intensa rolda de concertos, Susana, Paula, Lu, Aislinn e Sabela fecharanse no estudio para gravar o que será o seu primeiro LP, logo do éxito acadado cos seus dous EPs Dirty litlle things e Ready to play, publicado o pasado ano. A xira conta co apoio do programa Artistas en Ruta de AIE, da Agadic e da axencia de management Dotbeat, que representa o grupo.
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música


