Canedo Rock lanza o II Rockopilatorio Ourensán
setembro 27, 2016
Seis anos despois do primeiro volume, a organización do Canedo Rock lanzaba este verán o II Rockopilatorio Ourensán. Este álbum recolle cadanseu tema de vinte bandas da provincia na súa edición física e de vinte e unha na dixital, e está dispoñible para libre descarga. Segundo explican os responsables do proxecto, a intención é dar a coñecer o traballo que fan os conxuntos en activo no panorama rockeiro ourensán. No álbum pódese escoitar desde o "rock de Cabo da Vila ao Death Metal de Upcoming Devastation a pasar polo Punk de Bergallazo, o Heavy Metal de Pacho Brea ou o Southern Rock de Fresno" segundo explican na presentación. Logo de o lanzar nas redes, o álbum terá a súa presentación ao vivo o vindeiro 1 de outubro cun concerto no Café Cultural Auriense a cargo de Cabo da Vila, Mitocondrias e Poseídos a partir das oito e media da tarde.