Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Javi Maneiro comeza percorrido como solista con 'Furtivos'
Xénero: | 4 / 4 / 2017
Desde un rock'n'roll de autor sen concesións Maneiro proxéctase por vez primeira en solitario co lanzamento do seu disco Furtivos. Mantendo a súa vixencia como vocalista titular nos Heredeiros da Crus, banda coa que xa cumpre 25 anos este 2017, Javi Maneiro sempre estivo en activo coas súas inquedanzas propias e coa súa outra banda Jabón Blue editou tres discos entre 2008 e 2012. En total 12 discos de estudo xa no seu currículo coas dúas formacións. Furtivos é o primeiro álbum que Maneiro defenderá como solista e como compositor de todas as pezas. Impulsada a súa gravación e edición a través dunha campaña de crowdfunding coa que o do Barbanza acadou superar a barreira dos 10.000 euros, chega cunha proposta de dez temas contundentes e enérxicos que recupera a esencia do rock nacional con letras que recollen anos de suor e escenario. O seu tema de lanzamento, Eclipsándolo todo xa pode escoitarse en Bandcamp.
Resurrection Fest podería deixar Viveiro ante a especulación co aloxamento
Xénero: | 23 / 3 / 2017
A organización do festival Resurrection Fes de Viveiro ven de facer público un comunicado oficial expresando a súa opinión sobre "a situación actual que vive a comarca da Mariña ao respecto do aloxamento" durante as datas de celebración do evento musical. Segundo sinalan desde a produtora nos últimos anos incrementouse o prezo de hoteis e pisos particulares "ata máis dun 500%, incluso dende o primeiro día do anuncio das datas". Esta situación cualifícase de "inviable" desde o Resurrection Fest que fai un chamamento á moderación de prezos na localidade e na bisbarra, tanto de hostaleiros como de arrendadores particulares "xa que este escenario está xerando unha barreira inamovible para todo o público do festival que desexa vir de todas partes de España e Europa, e atópase con prezos superiores aos doutras zonas turísticas en tempada alta", din no comunicado. Os responsables do evento que atrae a Viveiro a máis de 80.000 persoas durante catro días de xullo advirten de que "a avaricia rompe o saco" e lembran que teñen alí "algo moi bo que se creou ao longo dos anos, que beneficia a todo o mundo e debemos coidalo entre todos, cada un a súa parte. Debemos darnos conta de que o aloxamento a prezos desorbitados é un dos maiores problemas que se afrontan á hora de realizar o festival, algo ante o cal estamos impotentes. Por iso cremos que debe facerse algo ao respecto e que o público non sexa o prexudicado. Do contrario, todo isto traerá consecuencias que afectarán directamente aos nosos asistentes e ao turismo xeral de toda a comarca." Non dubidan desde a produtora en asegurar que de manterse esta situación "a longo prazo, será insostible manter o festival en Viveiro".
O Festival SonRías Baixas ofrece 15 bandas no seu 15º aniversario
Xénero: | 16 / 3 / 2017
Co cartel xa pechado chegará á primavera o festival de verán SonRías Baixas. A cita que se celebrará en Bueu entre o 3 e o 5 de agosto deu a coñecer esta semana os últimos nomes que completan a súa oferta musical. O Festival SonRías Baixas celebra a súa 15ª edición por todo o alto, con 15 bandas galegas, españolas e internacionais. O evento ofrece a delirante combinación de ska, punk, reggae, dub e folclore dos bosnios Dubioza Kolectiv; o dub do rei da remestura Mad Professor; a descarga enerxética dos valencianos Zoo; o ska combativo dos Dakidarría; o blues experimental dos Guerrera e o tributo aos Extremoduro dos cacereños Pedrá. Todos estes súmanse aos xa anunciados Todos Tus Muertos, Estopa, Amparanoia, SES, Narco, ao proxecto persoal do cantante de El Puchero del Hortelano, ARCO, nun cartel amplo e diverso que completarán as bandas gañadoras do concurso Sonidos Mans e máis o Dj SonRías. Rock, punk, rumba, rap, reggae, ska, dub, blues, e música de raíz conforman así un menú musical en todo caso cheo de enerxía, que vai do máis popular ao máis alternativo e co que o SonRías Baixas celebrará a súa 15ª edición tras o éxito acadado o pasado ano no que conseguíu un novo record de asistencia reuníndo a 16.500 persoas, que supuxeron para Bueu unha inxección económica de 1.200.000 euros. As entradas para esta edición do Festival están á venda na web e máis nos puntos de venda físicos por 35,5 € máis gastos.
Esquíos voltan con Nunca choveu que non escampara
Xénero: | 1 / 3 / 2017
O Pub Invictus da estrada acollerá este sábado a presentación do novo disco da banda Esquíos. Nunca choveu que non escampara será o noveno álbum desta prolífica banda de punk rock na súa década longa de existencia. Para a gravación do disco a banda repetiu nos estudios Bonhan da Coruña, onde xa fixeran o anterior traballo, e o proceso fíxose ao vivo. Aínda que manténdose fieis nas letras ao seu espírito de crítica social e combativa a banda asegura que este LP e o "máis variado e posiblemente máis melódico e psicodélico" dos seus traballos e que con entran nun novo estilo que dan en chamar "rock psicotrónico". Tras desta presentación Esquíos actuarán o vindeiro 8 de marzo na Sala Malatesta de Santiago, como parte do programa do festival Desafogha.
Bala abre Lume a discreción
Xénero: | 28 / 2 / 2017
Violeta Mosquera (batería e voces) e Anxela Baltar (guitarra e voces) fan do ruído virtude e están resultar mención imprescindible á hora de falar da escena do rock alternativo e independente sen concesións. Hoxe estréase en redes o seu novo disco Lume, gravado en Catalunya en Ultramarinos Costa Brava e Cal Pau Recordings e editado polo selo Matapadre. Nove temas de contundencia indiscutible dan boa continuidade e relevo a aquel primeiro disco Human Flesh (2015) que xa as levou por escenarios de salas e festivais. Para este ano xa se confirmou a súa aparición cun previsiblemente potente directo no cartel do Resurrection Fest e no Woodrocks e agora veñen de poñer sobre a mesa unha longa lista de concertos que comezarán este mesmo xoves, 2 de marzo, en El Pueblo café Cultural de Ourense e que incluirá ata maio 16 concertos na península ademais dun importante salto internacional con catro concertos en Tokyo e seis en Australia, catro deles en Melbourne. O tema que abre o disco, Colmillos, xa ten videoclip de fasquía dura e escura, como corresponde ao dúo que fascina a indies, heavys e punks por igual.
Vörtex consolida a súa carreira con Architects of Misfortune
Xénero: | 31 / 1 / 2017
Jacobo Sainz, Víctor García, Marcos Rodríguez e Jonathan Portela, Vörtex, continúan no seu camiño para se facer un oco no mundo da música desde Pontevedra. Dous anos despois do seu debut discográfico, acaban de presentar Architects of Misfortune. O volume recolle doce novos temas de metal alternativo no que mesturan influencias, toques de trash con momentos melódicos, e que ven a luz logo dunha exitosa campaña de crowdfunding. O álgum foi gravado por Iago Pico nos estudios Pousada de Ames.
Talésien marca co seu cuarto disco un novo inicio
Xénero: | 25 / 1 / 2017
Pasados catro anos desde o seu anterior LP , El Silencio , a banda de metal Talésien tiña xa temas preparados dabondo para un novo traballo e puxéronse a gravalo mentres iniciaban unha campaña de crowfunding a través da plataforma Verkami para acadar o financiamento necesario para rematar a produción do traballo e afrontar os gastos da súa edición e distribución. A campaña sobre pasou a cantidade consignada e o seu traballo puido ver a luz. Talésien é o traballo da banda, o nome homónimo, pouco habitual para un traballo dunha formación con esta traxectoria responde a unha reafirmación do grupo e o seu estilo e tamén a un novo inicio con forza e ganas renovadas. Aínda que presentado oficialmente o pasado mes de outubro no seu formato físico, non foi ata o pasado decembro cando o disco estivo dispoñible no formato dixital a través de todas as plataformas. Segundo a banda este á o seu disco máis traballado, completo, complexo, técnico e elaborado en el ofrecen un son máis fresco e actual, progresivo e melódico, máis grande e ambicioso. Once temas conforman o disco que se distribúe baixo o selo Suspiria Records, gravado, mesturado e masterizado, por Iago Pico nos estudios Pousada Son de Ames.
O festival A Candeloría xa ten cartel completo para a cuarta edición este febreiro
Xénero: | 23 / 1 / 2017
O festival A Candeloria dará o vindeiro 17 de febreiro inicio á tempada de festivais musicais. O evento que se celebrara os días 17 e 18 no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo celebrará a súa cuarta edición reunindo quince banda de rock entre as que hai maioría de propostas galegas pero tamén hai outras que veñen de Italia, Euskadi, Madrid ou Valencia. Á cabeza deste extenso cartel está, os italianos Talco, Soziedad Alkohólika e os valencianos Aspencat. Ruxe-Ruxe, Dakidarría os asturianos Desakato e os vascos Lendakaris Muertos compoñen a segunda liña. Oito bandas máis, ameirande delas galegas completan o programa que tentará reunír máis de catro milleiros de persoas eses días . O bono anticipado por 26 euros para os dous días xa está a venda en tendas físicas e na plataforma dixital entradasatualcance.com.
Moon Cresta presentan o seu terceiro disco Moonary
Xénero: | 9 / 12 / 2016
A banda viguesa Moon Cesta presentará este sábado ás 13 horas nunha sesión vermú no Patio de Bouzas da súa cidade o que é o seu terceiro disco Moonary. Máis de seis anos pasaron desde o seu segundo disco The sparkling radiostars & their lunatic orcresta e nesta ocasión o grupo buscou levar a cabo un álbum concibido como unha colección de `singles´ xa que recolle o percorrido que a banda fixo por 9 estudos da xeografía galega con 9 produtores diferentes, gravando en cada un a idea máis recente na que estaba traballando. Deste xeito, cada peza ofrece un momento creativo distinto dentro dun proceso que culmina nesta colección de cancións. Algunhas das pezas que compoñen este collage sonoro xa foran estreadas nestes anos en forma de `videosingles´ que o grupo foi colgando na rede e interpretando en directo, pero outras verán a luz con este lanzamento. O disco ademais supón a fichaxe dio grupo polo selo Rock Estatal Records. Durante esta presentación do sábado poderá adquirirse xa o disco, que sairá en tendas o vindeiro día 12, así como as entradas para o seu primeiro concerto de presentación que terá lugar na Sala Masterclub de Vigo o vindeiro 28 de xaneiro. Nos dez temas do disco a banda mantén o seu estilo entre o rock giuitarreiro, a psicodelia e o funk.
Vinte anos que pasaron como vinte segundos para Ruxe Ruxe
Xénero: | 30 / 11 / 2016
Tras vinte anos na escena musical como referentes do punk rock en galego os Ruxe Ruxe nin se oxidaron nin pensan desaparecer, de feito para eles todo este espectacular devir musical con 11 albumes propios editados pasoulles tan rápido que transformaron os anos en segundos no título deste novo disco de celebración do aniversario, que deron en chamar 20" . Como no seu primeiro disco Ruxe Ruxe (1999) no novo LP recuperan para a portada a imaxe dun centolo, máis vizoso aínda que o primeiro e desta vez armado cun cartucho de dinamita, deixando claro que non renuncian ás súas características distintivas orixinais de rock combativo , rock do país de corpo a corpo directo e emocional. Segundo apuntan no libreto do CD " 20" son unha nota do caderno dos días que arden entre cascallos, historias e latexos". 20" ofrece quince temas e dous 'extras' ou 'estalos' como eles os denominan entre os que se inclúe o tema Non temos medo do seu segundo LP do mesmo nome (2000).
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música


