Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Resurrection Fest podería deixar Viveiro ante a especulación co aloxamento

A ORGANIZACIóN DO FESTIVAL DE ROCK FAI UN CHAMAMENTO á MODERACIóN DE PREZOS PARA MANTER ALí O EVENTO NO FUTURO

Resurrection Fest podería deixar Viveiro ante a especulación co aloxamento

ROCK | marzo 23, 2017

imaxe non dispoñible

A organización do festival Resurrection Fes de Viveiro ven de facer público un comunicado oficial expresando a súa opinión sobre "a situación actual que vive a comarca da Mariña ao respecto do aloxamento" durante as datas de celebración do evento musical. Segundo sinalan desde a produtora nos últimos anos incrementouse o prezo de hoteis e pisos particulares "ata máis dun 500%, incluso dende o primeiro día do anuncio das datas". Esta situación cualifícase de "inviable" desde o Resurrection Fest que fai un chamamento á moderación de prezos na localidade e na bisbarra, tanto de hostaleiros como de arrendadores particulares "xa que este escenario está xerando unha barreira inamovible para todo o público do festival que desexa vir de todas partes de España e Europa, e atópase con prezos superiores aos doutras zonas turísticas en tempada alta", din no comunicado. Os responsables do evento que atrae a Viveiro a máis de 80.000 persoas durante catro días de xullo advirten de que "a avaricia rompe o saco" e lembran que teñen alí "algo moi bo que se creou ao longo dos anos, que beneficia a todo o mundo e debemos coidalo entre todos, cada un a súa parte. Debemos darnos conta de que o aloxamento a prezos desorbitados é un dos maiores problemas que se afrontan á hora de realizar o festival, algo ante o cal estamos impotentes. Por iso cremos que debe facerse algo ao respecto e que o público non sexa o prexudicado. Do contrario, todo isto traerá consecuencias que afectarán directamente aos nosos asistentes e ao turismo xeral de toda a comarca." Non dubidan desde a produtora en asegurar que de manterse esta situación "a longo prazo, será insostible manter o festival en Viveiro".

O Resurrection Fest é a máis importante cita da península co rock duro, deixa 10,2 millóns de euros de gasto directo na zona, declarados polo festival, aos que podería engadírselles os impactos indirectos e os multiplicadores habituais nos estudos de impacto económico co cal iríamos a unha cifra moito maior. En calquera caso, só ese gasto neto supón xa o 2,7% do PIB municipal de Viveiro. Dan emprego directo a 350 persoas e calculan modestamente que xeran uns 700 postos de traballo indirectos máis. O festival recibe cada ano premios que amosan a súa proxección e calidade así como a gran aceptación da súa imaxe de marca, e no ano 2016 recibiu o Premio Fest ao mellor Festival de Gran Formato de España. A comunicación do evento de Viveiro e a actuación de Iron Maiden foron as mellores de 2016 en toda a península segundo o xurado premios Iberian festival Awards. Este ano, coa banda alemá Rammstein como cabeza de cartel e máis de 90 grupos, celebra a súa décima terceira edición e nas primeiras tres horas de venda de abonos, cando aínda non tiñan cartel confirmado, xa conseguiran ingresar 385.000 euros en entradas.