Vinte anos que pasaron como vinte segundos para Ruxe Ruxe
novembro 30, 2016
Tras vinte anos na escena musical como referentes do punk rock en galego os Ruxe Ruxe nin se oxidaron nin pensan desaparecer, de feito para eles todo este espectacular devir musical con 11 albumes propios editados pasoulles tan rápido que transformaron os anos en segundos no título deste novo disco de celebración do aniversario, que deron en chamar 20" . Como no seu primeiro disco Ruxe Ruxe (1999) no novo LP recuperan para a portada a imaxe dun centolo, máis vizoso aínda que o primeiro e desta vez armado cun cartucho de dinamita, deixando claro que non renuncian ás súas características distintivas orixinais de rock combativo , rock do país de corpo a corpo directo e emocional. Segundo apuntan no libreto do CD " 20" son unha nota do caderno dos días que arden entre cascallos, historias e latexos". 20" ofrece quince temas e dous 'extras' ou 'estalos' como eles os denominan entre os que se inclúe o tema Non temos medo do seu segundo LP do mesmo nome (2000).
O disco, editado baixo o seu propio selo Lobicán records, sae este decembro á venda en formato físico e nas principais plataformas dixitais e o presentarán en directo o vindeiro sábado 10 de decembro na Sala Capitol de Compostela. A banda integrada por Héctor Ojea (batería), Xaco Barona (gaita), Carlos Freire (baixo), Vituco Neira (voz e guitarra), Miguel Duarte (guitarra) e Xan Pericán (saxofón, frautas e panderetas) estará acompañada na súa presentación da banda Deseqilibrio Mental. as entradas xa están á venda no sitio web de Ruxe Ruxe e poden verse xa algúns videos de presentación do que traen nese 20" como o do da canción que dá nome ao álbum , RE-SIS-TEN-CIA ou Botarse a andar.
Tamén che pode interesar:
- 6/ 9/ 2024 | O MUMI reúne 12 propostas musicais actuais de Galicia e Portugal para público profesional e aberto
- 17/ 3/ 2023 | Ruxe Ruxe ilumina a escuridade no seu novo disco
- 30/ 3/ 2022 | Os composteláns Radio Zapa! presentan 'Demasiado'
- 21/ 8/ 2015 | O Festival de la Luz fecha cartel con 41 grupos
- 29/ 6/ 2015 | Tu mujer nos engaña presenta o macroproxecto Malas linguas