Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Os Premios Martín Códax da Música presentan a décima edición este ano
Xénero:
| 6 / 3 / 2023Os Premios Martín Códax da Música fan dez anos da man da asociación Músicas ao Vivo (MAV) e abren a súa convocatoria 2023 a todos os proxectos musicais galegos vixentes e en activo durante este último ano. Como "edición da consolidación", definiron Sheila Patricia e Patty Castro, presidenta e tesoureira de MAV respectivamente, esta entrega de número redondo. Desde o seu nacemento, os premios marcáronse como obxectivo visibilizar a creatividade musical de artistas e bandas de Galicia e o potencial da música como sector estratéxico, desde o punto de vista social e económico. A edición foi presentada este luns 6 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela xunto aos patrocinadores Bodegas Martín Códax, Agadic-Xunta de Galicia e Concello de Pontevedra, faltando representación da Deputación de Pontevedra.
Fíllas de Cassandra enfía en 'Acrópole' mitoloxía grega con trad e electrónica
Xénero:
| 3 / 3 / 2023As viguesas María Pérez (1996) e Sara Faro (2001) son Fillas de Cassandra, un proxecto musical que toma coma referencia o mito de Cassandra, muller á que se lle negou á voz, e lembran que elas son porque antes houbo quen loitou, quen deu vida. É así como nace Fillas de Cassandra, que agora presenta en directo o seu primeiro disco, "Acrópole", este sábado, 4 de marzo, a partir das 21.00h na Sala Capitol de Santiago de Compostela. A voz, as percusións, o piano e os sintetizadores son os fíos cos que o dúo tece as súas composicións, que beben tanto da música e das coplas tradicionais coma da música clásica o do pop, e que agroman dun xeito natural acompañadas dunhas contundentes bases electrónicas.
Unha xira de concertos dá a coñecer a banda sonora de Negro Púrpura
Xénero:
| 2 / 3 / 2023O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle este 2 de marzo a presentación do vinilo que recolle a banda sonora de Negro Púrpura. Paulo Pascual correu coa composición da que é a primeira banda sonora do Estado realizada integramente con theremin. Considerado un dos primeiros instrumentos da música electrónica, o intérprete modula as notas mediante a posición das súas mans nun campo magnético.
Dios ke Te Crew celebra cunha xira o seu vinte aniversario
Xénero:
| 22 / 2 / 2023Unha das bandas de referencia do hip hop e o rap en galego deste século, a formación de Ordes Dios Ke Te Crew, celebra este ano os seus vinte anos de actividade. Para estás dúas décadas desde a súa formación en 2003, a banda conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock regesa aos escenarios cunha xira nomeada "Tremendos Anos 20" na que revisarán as súas últimas creacións e, moi especialmente, os grandes éxitos da súa traxectoria. A primeira parada da xira ‘Tremendos Anos 20’ será na sala Masterclub de Vigo (rúa Urzáiz) o venres 3 de marzo. Dúas semanas despois, o sábado 18, DKTC chegará até o Playa Club da Coruña, cidade á que regresa logo dos seus exitosos directos no Festival Noroeste e nas festas veciñais do barrio de Monte Alto.
Pesar polo pasamento de Moncho Díaz
Xénero:
| 20 / 2 / 2023Ramón "Moncho" Díaz falecía o pasado venres, 17 de febreiro aos 70 anos, como consecuencia dunha enfermidade que viña padecendo desde hai tempo. O monfortino foi un dos piares de Fuxan os Ventos desde o ano 1979, onde ademais de tocar as frautas e a guitarra engadía a súa poderosa voz aos temas da formación, sumando o seu timbre aos das outras emblemáticas voces, como a da súa parella Tareixa Novo. Na parte profesional, Móncho Díaz exerceu como técnico de son de radio, traballando en emisoras como Radio Obradoiro e Radio Galega. Todos os medios do país e outros a través de edicións locais, recolleron o pasamento de Díaz. Nas redes sociais a formación folk publicou unha foto de Moncho, acompañada da frase, "Sempre e máis despois", título dun poemariod e Manuel Antonio e tamén do disco gravado en directo pola formación en 1999, co que volveron ao primeiro plano da escena musical tras moitos anos sen gravar.
Måi preséntase co álbum Nigredo
Xénero:
| 17 / 2 / 2023Xa está dispoñible o disco 'Nigredo', primeiro traballo longo de Måi, unha nova formación liderada pola artista Iseo Agilda, que conta co produtor Tomás Ageitos e a cellista Margarida Mariño. Unha década de traxectoria musical en outros proxectos como Sacha na Horta e Blues do País avala a experiencia de Iseo, que con Måi fao o seu proxecto máis persoal, que presenta a través da Plataforma A Regueifa 2.0. Nos oito temas que presenta 'Nigredo' ofrécese, segundo comunica a plataforma, unha simbiose do orgánico e o artificial que vai do folk ao pop e á electrónica, unha proposta que parte dun son moi persoal, urbano e ecléctico, deseñado xunto a Tomás Ageitos na produción e composición e gravado en Estudios A Ponte. O cello de Mariño xúntase co manexo da electrónica de Ageitos que actúa sobre ás percusións tradicionais na creación de atmosferas densas e cálidas nas que sobrevoa a voz de Iseo. O disco xa pode escoitarse nas principais plataformas en rede. O álbum conta tamén coas colaboracións nas voces de Yolanda Pose (Pura Mesura), achegando o seu rap no tema "Cando volvan as mareas" do que xa hai un vídeo de presentación; e de Fernando Barroso co oud e o bouzouki no tema Inshalla.
Consternación pola inesperada morte de Mangüi Martín
Xénero:
| 16 / 1 / 2023"Todo amor e un músico extraordinario" así definía Xurxo Souto a Mangüi Martín nun emocionado artigo publicado este domingo no xornal La Voz de Galicia apenas 24 horas despois de que se fixese pública a súa inesperada morte. Martín, de 50 anos de idade, aparecía morto na mañá do sábado no domicilio familiar, sen enfermidade previa nin causa aparente. A noticia caeu como unha bomba sobre o sector da escena musical galega e máis marcadamente na súa cidade, A Coruña, onde era moi coñecido pola súa actividade e gabado pola súa disposición e carácter. O músico, que nos seus primeiros pasos profesionais como baixista acompañou a Luar Na Lubre en varias actuacións en directo, ou formou parte de proxectos como Miki Nervio & The Bluesmakers, firmou algúns dos seus mellores achegas formando parte do Diplomáticos de Monte Alto, cos que estivo once anos, entre 1990 e 2001 e cos que gravou algúns dos máis emblemáticos traballos da formación coruñesa: 'Arroutada Pangalaica' (1991), 'Parrús' (1993), '¡Avante toda!' (1995) e 'Capetón' (1999). Na Coruña, lugar onde residía e onde creceu, malia ser natural do Ferrol, o seu falecemento causou fonda consternación, deixando clara a estima que se lle tiña, polas súas calidades non só como músico senón tamén persoais. Así, a triste nova motivou a publicación de mensaxes de condolencia que fluíron, tanto desde a escena musical e cultural da cidade herculina, como desde as súas institucións, como o propio Concello da Coruña, que tamén fixo público o seu pesar, así como varias das formacións políticas que o integran. Souto, compañeiro nos Diplomáticos, que foi quen recrutou a Mangüi para a formación deixa clara a enorme achega do músico e o fondo da súa pegada no país: "A súa liberdade foi impulso do noso bravú".
O Espalla Rimas confirma a Lupe Blanco como mellor regueifeira do país
Xénero:
| 9 / 1 / 2023O Pazo da Cultura de Carballo acolleu na tarde deste sábado 7 de xaneiro a segunda edición do festival Espalla Rimas. O encontro dedicado á improvisación oral coroou de novo a Lupe Blanco como mellor reguefeira do país. A bergantiñá impúxose, ao igual que o pasado ano, na categoría RegueiAstros, onde competía contra os bergantiñáns Suso e Antonio de Xornes, os vigueses Bieito Lobariñas e Mani Braga, e O Rabelo, de Cercedo. Suso de Xornes foi finalista neste apartado.
Antía Muíño coloca a súa "Carta aberta" nas listas
Xénero:
| 13 / 12 / 2022A santiaguesa Antía Muíño, recente premio Martín Códax á Mellor Artista Emerxente, debuta en solitario co disco "Carta aberta" (Raso estudios, 2022). Con este traballo publicado en novembro xa conseguiu ser seleccionada pola plataforma dixital Spotify como embaixadora da música española na lista EQUAL, que recolle o talento feminino feito en distintos países do mundo. Muíño, que se iniciou musicalmente na música tradicional galega, transita hoxe polos sons que van do jazz, a bossa nova, o flamenco e o folk pop, sen renunciar ás sonoridades de raíz galega e cun maioritario uso do noso idioma nas súas composicións como cantautora. As súas cancións, cunha fundamental base acústica, outorgan protagonismo á súa voz, un dos puntos fortes da artista a máis da súa capacidade compositora. Antía Muíño, reside en Donostia en Gipuzkoa, onde se levou a cabo a gravación do disco en Lezoti Estuidoa e o pasado foi seleccionada dentro do proxecto de apoio a artistas emerxentes Katapulta Tour Gipuzkoa 2021.
Mallou gañan o XIV Premio Narf de música
Xénero:
| 12 / 12 / 2022O dúo Mallou, conformado por Sabela Rey e Benxamín Vázquez, acadaron o favor do xurado do XIV Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña. A gala da final, celebrada no Teatro Colón da Coruña servíu para tomar a decisión entre as propostas que chegaron a ela entre máis das trinta propostas recibidas, o grupo Noar rematou segundo e Madalena Gamalho terceira.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca