Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Consternación pola inesperada morte de Mangüi Martín

O QUE FOI BAIXISTA DOS DIPLOMáTICOS FALECEU SUBITAMENTE AOS 50 ANOS

Consternación pola inesperada morte de Mangüi Martín

MISCELáNEA | xaneiro 16, 2023

imaxe non dispoñible

"Todo amor e un músico extraordinario" así definía Xurxo Souto a Mangüi Martín nun emocionado artigo publicado este domingo no xornal La Voz de Galicia apenas 24 horas despois de que se fixese pública a súa inesperada morte. Martín, de 50 anos de idade, aparecía morto na mañá do sábado no domicilio familiar, sen enfermidade previa nin causa aparente. A noticia caeu como unha bomba sobre o sector da escena musical galega e máis marcadamente na súa cidade, A Coruña, onde era moi coñecido pola súa actividade e gabado pola súa disposición e carácter. O músico, que nos seus primeiros pasos profesionais como baixista acompañou a Luar Na Lubre en varias actuacións en directo, ou formou parte de proxectos como Miki Nervio & The Bluesmakers, firmou algúns dos seus mellores achegas formando parte do Diplomáticos de Monte Alto, cos que estivo once anos, entre 1990 e 2001 e cos que gravou algúns dos máis emblemáticos traballos da formación coruñesa: 'Arroutada Pangalaica' (1991), 'Parrús' (1993), '¡Avante toda!' (1995) e 'Capetón' (1999). Na Coruña, lugar onde residía e onde creceu, malia ser natural do Ferrol, o seu falecemento causou fonda consternación, deixando clara a estima que se lle tiña, polas súas calidades non só como músico senón tamén persoais. Así, a triste nova motivou a publicación de mensaxes de condolencia que fluíron, tanto desde a escena musical e cultural da cidade herculina, como desde as súas institucións, como o propio Concello da Coruña, que tamén fixo público o seu pesar, así como varias das formacións políticas que o integran. Souto, compañeiro nos Diplomáticos, que foi quen recrutou a Mangüi para a formación deixa clara a enorme achega do músico e o fondo da súa pegada no país: "A súa liberdade foi impulso do noso bravú".