Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Dios ke Te Crew celebra cunha xira o seu vinte aniversario

A FORMACIóN DE REFERENCIA DO RAP EN GALEGO INICIA EN VIGO O PERCORRIDO DE 'TREMENDOS ANOS 20'

Dios ke Te Crew celebra cunha xira o seu vinte aniversario

HIP-HOP | febreiro 22, 2023

imaxe non dispoñible

Unha das bandas de referencia do hip hop e o rap en galego deste século, a formación de Ordes Dios Ke Te Crew, celebra este ano os seus vinte anos de actividade. Para estás dúas décadas desde a súa formación en 2003, a banda conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock regesa aos escenarios cunha xira nomeada "Tremendos Anos 20" na que revisarán as súas últimas creacións e, moi especialmente, os grandes éxitos da súa traxectoria. A primeira parada da xira ‘Tremendos Anos 20’ será na sala Masterclub de Vigo (rúa Urzáiz) o venres 3 de marzo. Dúas semanas despois, o sábado 18, DKTC chegará até o Playa Club da Coruña, cidade á que regresa logo dos seus exitosos directos no Festival Noroeste e nas festas veciñais do barrio de Monte Alto.

A banda de Ordes dará a súa nova xira acompañada, sobre o escenario, doutras figuras da escena musical galega vinculadas ao trap ou o reggae. O directo de "Tremendos Anos 20", ademais, ofrecerá unha potente posta en escena audiovisual coas imaxes creadas polo artista de renome internacional e precursor do Gif Art, A.L. Crego, que interactúan co contido das cancións de DKTC. Dios Ke Te Crew é historia do rap en galego. Desde a súa formación destacou polo seu enxeño, habilidade narrativa e humor próximo á actualidade. Logo da publicación de tres LP e percorrer ducias de festivais e salas de concertos por toda Europa, DKTC publicou o pasado 2022 ‘En que ano estamos?’, un EP con cinco temas. Entre as novas cancións, acompañadas por pezas audiovisuais de Xaime Miranda, destaca un dos himnos dos últimos tempos: 'OG', con Boyanka Kostova.