Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
GZMúsica edita unha video-lista dos temas galegos máis escoitados en 2019
Xénero:
| 9 / 12 / 2019A colleita musical deste ano que xa está a dar os derradeiros pasos resultou, unha vez máis, moi completa e variada, chea de calidade e de creatividade. O magazine GZMúsica ven da presentar unha lista de reprodución en YouTube de 101 videoclips de artistas galegos que este ano foron os que máis soaron, os máis reproducidos. Para iso, a equipa de estatísticas de GZmúsica levaron a cabo, segundo eles mesmos din, unha análise das reproducións de cancións nas diversas plataformas habituais de música : número de reproducións en Youtube e Spotify, o número de seguidores nestas plataformas dixitais e noutras como Deezer, bandcamps dos artistas, tempo de publicación, etc. O resultado son máis de 6 horas de creatividade musical e tamén audiovisual feitas no país. A meirande parte das cancións son en galego, pero tamén hai espazo para algunha en outros idiomas. Os estilos son do máis variado, desde o rock ao reggae, a música electrónica, ou o trad, entre outros e os nomes daas bandas e artistas poden ser daqueles máis coñecidos como de outros emerxentes ou que teñen un nicho fiel de seguidores.
A Banda da Loba presenta o seu segundo disco 'Fábrica de Luz'
Xénero:
| 5 / 12 / 2019En decembro de 2017 saíu á rúa o primeiro traballo discográfico da Banda da Loba, Bailando as rúas (Seispés). Tras o gran éxito acadado e despois de dar máis de setenta concertos en ano e medio, dentro e fóra do noso territorio, preséntannos agora o seu novo traballo, Fábrica de luz no que estas cinco mulleres ofrecen doce novas cancións baixo o seu particular estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk, etc. Segundo elas Fábrica de luz é un traballo de creación, reflexión e homenaxe en torno á idea de nai entendida nun sentido amplo. Así, a banda ve na lingua e a terra as primeiras nais, fábricas de luz. "As creadoras que nos precederon e as que nos acompañan nesta viaxe son tamén fábricas de luz. As nosas nais, as vosas nais, todas as nais son fábricas de luz. Son fogar, tempo e amor incondicional. Son poder, loita e memoria. Son todo o que nos permite ser hoxe tamén fábrica de luz", din no comunicado de saída deste traballo. Ademais o disco fai unha chiscadela á música dos 80 coas súas luces e cores, que xa é visible no seu primeiro vídeo Fabricando luz cunha chamada ás discotecas, tanto no ritmo de base como na estética de luces e brillos. Xiana Lastra (voz), Estela Rodríguez (violín), Andrea Porto (guitarra e baixo), Inés Mirás (guitarra e teclado) e Marcela Porto (percusión) son os "cinco motores" desta formación que se define como banda feminina que fai música "con M de muller". O traballo xa foi obxecto dunha presentación no Culturgal, pero será o vindeiro1 8 de xaneiro de 2020 na Sala Capitol de Compostela onde se fará a presentación principal antes de continuar cunha xira que as levará por toda Galicia nos vindeiros meses e que pronto anunciarán.
Estrea de 'O Loro de Carlos V' de Nani García e a OSG
Xénero:
| 3 / 12 / 2019Os vindeiros días 5 (xoves) e 6 de decembro (venres), o Teatro Colón da Coruña acollerá as representacións de estrea da primeira ópera buffa galega. O Loro de Carlos V. A coprodución de Favola in Mvsica co Teatro Colón da Coruña e o Centro Dramático Galego conta coa participación de Miguelanxo Prado, o barítono Borja Quiza, e o compositor Nani García, autor da música e co-autor do libreto con María Inés Cuadrado, xunto a outras grandes figuras da escena e da lírica. A OSG , con Diego García Rodríguez na dirección, leva o peso musical desta obra a medio camiño entre o teatro e a ópera que escenifica un conto infantil de Michel de Ghelderode. A produción conta coas voces de Borja Quiza, Francisco Corujo e Helena Abad. Miguelanxo Prado como deseñador de personaxes e escenografía, María Peinado na dirección escénica e Baltasar Patiño na dirección técnica. O formato recitado-cantado do libreto permitira seguir perfectamente o devir dunha historia cómica pensada para toda a familia. O día 7 a obra se representará no Pazo da Cultura de Narón.
María Fumaça presenta 'O veleiro verde'
Xénero:
| 28 / 11 / 2019O tren de María Fumaça segue percorrendo novas rutas e agora faise á mar con O veleiro verde (Sonárbore Galaxia, 2019), un novo libro-disco no que Uxía Senlle e Sérgio Tannus volven encabezar este proxecto musical integrador coas composicións de Chus Domínguez e as ilustracións de Pablo Pastor. Desta volta a familia María Fumaça ofrece un percorrer que vai medrando en gustos e influenzas do mesmo xeito que medra Ruí, o maquinista arredor do que se fai o proxecto e que xa está na adolescencia o que conduce a unha evolución lóxica nun proxecto vivo e en constante movemento, que deste xeito tamén acompaña a aquela rapazada que creceu con el. Así, buscan unha maior contundencia sonora con "máis flow, ventos, metais, rock rebelde, co noso Ruiguetón, e funk, sen esquecer o tradicional, marca da casa", aseguran. A dirección musical segue a cargo de Sérgio Tannus quen nesta ocasión tamén se encargou da edición e as mesturas conseguindo un son depurado e brillante. No capítulo das colaboracións este libro-disco conta con varias importantes. O recoñecido actor e humorista Carlos Blanco compuxo e canta Estou plof, dedicada a Ruí e a todas as nenas e nenos que teñen un mal día. Ico (do grupo O Sonoro Maxín) pon a súa forza e a defensa dos nosos xogos populares en Fago o camiño. Alfonso Pato, guionista e director do Festival de Cans, escribiu dúas letras ás que pon música Chus Domínguez: A pita de Fita e A árbore de Manolo, dedicadas aos avós de Ruí. O veleiro verde iniciará o seu percorrer o próximo domingo 1 de decembro na carpa do Culturgal ás 17.30 horas.
Unha xornada e un documental recuperan a figura do trobador Martín de Padrozelos
Xénero:
| 26 / 11 / 2019Sarria acolle o vindeiro 30 de novembro a xornada Trobador no Camiño. Andares pola lírica de Martín de Padrozelos, un encontro que quere reivindicar a figura do está considerado o primeiro trobador do país. A iniciativa conta cunha mesa redonda na que Lois Celeiro, José Martinho Montero Santalha, Baldomero Iglesias, Xulio Pardo de Neyra e Dulce Fernández Graña abordarán esta figura do século XI e a súa importancia na lírica medieval galego-portuguesa. O proxecto, promovido pola Asociación de Xornalistas e estudosos do camiño de Santiago inclúe tamén a proxección dun documental do mesmo nome que a xornada, no que Xoán Piñeiro percorre as paisaxes vencelladas a este personaxe histórico.
Falece Nonito Pereira 'alma mater' do dinamismo musical na Coruña
Xénero:
| 26 / 11 / 2019A Nonito Pereira Revuelta (A Coruña, 1943-2019) débeselle a entrada do folk galego no concepto da "música celta" grazas aos seus traballos como produtor no selo Abrente, con Emilio Cao e Milladoiro na década dos 70, polos que recibiu varios premios nacionais e internacionais. Ademais diso el foi un dos elementos indispensables para situar A Coruña no mapa da música moderna despois dos anos 60. A noticia hoxe do seu falecemento deixa orfo ao xornalismo musical galego que tivo nel un referente inescusable a través das paxinas de múltiples xornais, emisoras de radio e televisión; na TVG presentou o programa Radio Onte. Pero Nonito foi moito máis ca iso, a música formaba parte da súa vida enteira e de todas as súas actividades. Tivo unha tenda de discos, levou a dirección e a cabina do Playa Club da Coruña e foi promotor de concertos e festivais, como o Noroeste Pop Rock da Coruña. Era tío de Fernando Pereira, que tamén forma parta da historia musical galega como promotor de concertos e dono da mítica discoteca Clangor de Santiago. Na súa faceta de crítico musical para calquera artista ou banda de Galicia facer chegar ás mans de Nonito Pereira un traballo seu era toda unha garantía, coñecendo o ollar aberto e desprexuizado que tiña cara todos os estilos e a experiencia sonora que atesouraba. O seu fillo Nonito Pereira Jr. mantén a vinculación co mundo da música seguindo os pasos do seu pai, que atesouraba unha das meirande coleccións discográficas particulares de Galicia. Pai e fillo presentaban xuntos na Domus da súa cidade o pasado mes de outubro a Asociación Cultural Nonito Pereira que ten como obxectivos “ desenvolver a cultura musical na cidade d’A Coruña e, por extensión, en Galicia”, segundo declararon nese momento. Pereira xa está agora no olimpo musical xunto aos “ilustres” da música aos que tanto tempo e enerxía dedicou.
Tanxugueiras sacan o seu 'Contrapunto' para explorar os límites no trad
Xénero:
| 25 / 11 / 2019Tras da consecución este ano do premio Martín Códax da Música e no 2018 do premio a Mellor álbum galego dos Premios MIN da Música Independente co seu primeiro disco, había moitas miradas postas con expectación o seguinte paso a dar por esta formación de tres novas mulleres que chegaban para poñer o seu selo persoal na música tradicional. Agora con Contrapunto (Calaverita Records e PlayPlan) Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro avanzan nun son propio, o do Trad contemporáneo que vai sumando adeptos desprexuizados e co que exploran os límites da música tradicional e déixanse influír por outros ritmos e tamén polas novas formas da cultura urbana. Coa presentación anticipada dos dous primeiros temas do disco en vídeo o trío deixa xa clara esta intención de participar das correntes urbanas, pero sen perder de vista a raíz tradicional a partires da que fan crecer o seu proxecto. Na intención declarada de Tanxugueiras está amosar que a música tradicional galega pode avanzar, renovarse a cada paso e acadar novos escenarios a través de dez temas confeccionados a partir de letras tradicionais e renovados con arranxos actuais. As tres asumiron nesta ocasión a definición tanto artística como musical de Contrapunto, no que tamén contaron coa coprodución do músico Isaac Palacín. Contrapunto é, polo tanto, un disco sen corsés, feito dende a tradición pero sen amarres no pasado, feito sen prexuízos e que se engrandece dunha escoita sen eles tamén. O disco xa está en todas as plataformas dixitais.
Guadi Galego premiada como exemplo da realidade plurilingüe do Estado
Xénero:
| 21 / 11 / 2019A Comisión de Seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística no que participan os gobernos de Euskadi, Galicia, Cataluña, Navarra, Illas Baleares e Comunidade Valenciana reunida onte no Arquivo Histórico de Euskadi para a a súa reunión ordinaria anual decidiu a concesión do Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado a Guadi Galego, polo seu último traballo Inmersión, no que recolle pezas cantadas en sete linguas da Península Ibérica (galego, éuscaro, catalán, aranés, asturiano, portugués e castelán). No mesmo acto, os representantes autonómicos fixeron pública a Declaración de Bilbao, na que recordaron que "comparten a perspectiva de multilingüismo, respecto mutuo e acción decidida en favor das linguas en situación de maior debilidade". O texto pide ao Goberno estatal "dar pasos efectivos para incorporar na súa axenda política un plan eficaz orientado ao cumprimento dos deberes que a Administración do Estado ten para coas linguas oficiais diferentes ao castelán" sobre a base "do acordo e a convivencia lingüística".
Marcelo Dobode presenta o proxecto en solitario 'Turoqua'
Xénero:
| 12 / 11 / 2019Marcelo Dobode defínese a sí mesmo como un artista multidisciplinar que transita entre os escenarios do teatro, como escenógrafo, a música e as artes plásticas. Esta semana presenta os froitos do seu traballo na vertente musical, o seu primeiro proxecto en solitario, Turoqua (Nakra, 2019). O proxecto Dobode está en liña con outros proxectos que nos últimos tempos buscan a fusión de sons desde unha sólida base tradicional conformando unha opción de "Trad contemporáneo" que traspasa as fronteiras habituais e descoloca as etiquetas coas súas melodías onde teñen cabida os instrumentos eléctricos e de percusión propios da música jazz, pop ou rock, xunto con algunhas das súas características na parte dos arranxos. O concepto de Turoqua, sorprende, pero ao mesmo tempo, agarima pola . Intensidade sonora na calma poética dos retrousos da creación colectiva e nos compostos polo propio Marcelo. Carballeira é a canción que sae como carta de presentación do disco que sairá en formato dixital e físico. A estrea será no Teatro Principal de Pontevedra este domingo 17 de novembro. No concerto, contará cos mesmos músicos dos que se rodeou na gravación: Adrián Saavedra (arranxista e productor, teclados), Felix Rodríguez (percusión) Ramon Orencio (Mon)(guitarras), Xacobo Prieto (baixo).
A Xunta e a editorial Dos Acordes publican as partituras da 'Sinfonía nº 2' de Andrés Gaos
Xénero:
| 7 / 11 / 2019A Xunta de Galicia e a editorial viguesa Dos Acordes volven dedicarlle un novo volume da súa colección Ars Gallaeciae Musicae ao compositor e violinista coruñés Andrés Gaos (A Coruña, 1874 - Mar del Plata, Arxentina,1959) coa publicación das partituras da súa Sinfonía nº 2 Nas montañas de Galicia. O volume ofrece nova información sobre esta obra, que agora se edita con transcrición e revisión do mestre Joám Trillo e unha introdución a cargo do musicólogo Carlos Villanueva, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Esta Sinfonía nº 2 foi composta ao longo de diferentes etapas da súa vida e, aínda que premiada en concursos auspiciados pola Institución Mitre en 1923 e polo Centro Galego de Bos Aires 30 anos máis tarde, o autor non puido ver interpretada a obra completa. Esta estrea tería lugar o 28 de xullo de 1974, 15 anos despois da súa morte, durante as xornadas organizadas polo Centro Galego de Bos Aires con motivo do centenario do seu nacemento. A estrea europea tería lugar ao ano seguinte no Teatro Colón da Coruña, con Rogelio Groba á batuta, e posteriormente sería executada pola Orquestra Sinfónica de Galicia en diferentes ocasións. Tanto con este novo título, que fai o número 33 da colección, como co volume 32 (Aires galegos e Novos aires galegos), a Xunta e Dos Acordes contribúen á celebración do Ano Gaos 2019, declarado pola USC con motivo do 60º aniversario do pasamento do autor, considerado como un dos grandes compositores galegos do pasado século.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca