Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Xunta e a editorial Dos Acordes publican as partituras da 'Sinfonía nº 2' de Andrés Gaos
A Xunta e a editorial Dos Acordes publican as partituras da 'Sinfonía nº 2' de Andrés Gaos
novembro 7, 2019
A Xunta de Galicia e a editorial viguesa Dos Acordes volven dedicarlle un novo volume da súa colección Ars Gallaeciae Musicae ao compositor e violinista coruñés Andrés Gaos (A Coruña, 1874 - Mar del Plata, Arxentina,1959) coa publicación das partituras da súa Sinfonía nº 2 Nas montañas de Galicia. O volume ofrece nova información sobre esta obra, que agora se edita con transcrición e revisión do mestre Joám Trillo e unha introdución a cargo do musicólogo Carlos Villanueva, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Esta Sinfonía nº 2 foi composta ao longo de diferentes etapas da súa vida e, aínda que premiada en concursos auspiciados pola Institución Mitre en 1923 e polo Centro Galego de Bos Aires 30 anos máis tarde, o autor non puido ver interpretada a obra completa. Esta estrea tería lugar o 28 de xullo de 1974, 15 anos despois da súa morte, durante as xornadas organizadas polo Centro Galego de Bos Aires con motivo do centenario do seu nacemento. A estrea europea tería lugar ao ano seguinte no Teatro Colón da Coruña, con Rogelio Groba á batuta, e posteriormente sería executada pola Orquestra Sinfónica de Galicia en diferentes ocasións. Tanto con este novo título, que fai o número 33 da colección, como co volume 32 (Aires galegos e Novos aires galegos), a Xunta e Dos Acordes contribúen á celebración do Ano Gaos 2019, declarado pola USC con motivo do 60º aniversario do pasamento do autor, considerado como un dos grandes compositores galegos do pasado século.
Tamén che pode interesar:
- 21/ 7/ 2017 | A USC recibe o fondo documental do músico Andrés Gaos
- 1/ 10/ 2014 | Dos Acordes compila composicións de Xoán Montes e Juan Antonio Moreno
- 12/ 12/ 2013 | Xavier Pagès i Corella faise co premio Andrés Gaos de Composición
- 7/ 10/ 2009 | A Sinfónica comeza o ano Gaos cunha ópera inédita
- 12/ 1/ 2009 | As efemérides de Haydn, Händel ou Mendelssohn anegan as programacións das formacións galegas