Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Terbutalina estrea Espabila gallego cun concerto en Compostela

Xénero: Rock | 31 / 10 / 2019

espabila_gallego_terbutalina.jpg

Logo de o lanzar en formato dixital a comezos do mes, xa está aquí a edición física do novo álbum de Terbutalina. A banda estrea Espabila gallego este 31 de outubro nun concerto na Sala Capitol no que os de Esteiro contarán con Mutagénicos para abrir boca a partir das 21:30 horas. Punk, pop, rock e música tradicional danse cita nos dez temas deste lanzamento nos que, como é habitual no grupo, predomina a retranca das letras. Pura Makica, Muinheira de Costa ou Marisco Barato son algúns dos títulos que se rexistraron nos estudios A Ponte de Tomás Ageitos e que ven a luz da man de Folc Récords. Polo momento o grupo non ten máis datas reservadas en Galicia para a súa xira de presentación.

Guadi Galego mergúllase de cheo na liberdade musical con 'Immersión'

Xénero: Pop | 25 / 10 / 2019

Immersion_Guadi.jpg

A estas alturas a ninguén pode sorprender que as propostas de Guadi Galego veñan desmontar prexuízos musicais. Desde que deixou Berrogüetto Galego amosouse disposta a gozar en liberdade da súa relación coa música máis alá do folk, sen excluílo, explorando todos os rexistros que a súa inspiración solicitase. Así o demostrou tanto nos seus proxectos compartidos como Nordestinas ou aCadaCanto como nos seus tres álbums en solitario Benzón (Músicas de salitre, 2009), Lúas de Outubro e Agosto (Boa Música, 2014) e O mundo está parado (Boa Música, 2016), disco este último co que ademais se aventurou nunha xira curta pero ambiciosa na súa proposta que fixo chegar a súa música a outras comunidades autónomas. O novo traballo Immersión (Altafonte, 2019) presentado en formato libro_CD e cuns poucos vinilos, ten moitas conexións co anterior e con todo o que esa xira representou de apertura a outras sensibilidades pero tamén hai temas da súa anterior discografía reinterpretados ou case reconstruídos. O resultado é unha construción musical chea de diversidade, moi persoal e clara e, polo tanto, perfecta en si mesma, que transita con naturalidade e sensibilidade entre as diversas linguas peninsulares que están presentes no disco do mesmo xeito que o fai entre o pop, o jazz, a canción de autor e o folk.

Heredeiros volven para quentar o outono

Xénero: Rock | 11 / 10 / 2019

HDC_Derretidos.jpg

Case seis anos separan este Derretidos (Dotbeat) do anterior Jard rock con fe(Airapro Producións, 2013) dos Heredeiros da Crus. Pode semellar moito pero hai que lembrar que dando un paso máis atrás na memoria xa teríamos que remotarnos 19 anos ata aquel All right Chicago [Rock’n’roll] (BOA Music, 2000) que semellaba ser o derradeiro capítulo da banda no seu momento. Despois dunha traxectoria que xa é historia do rock en galego (como relatábamos na reportaxe Unha epopeia rock desde o Barbanza) e xa consolidada a súa volta, cumplidos en 2017 os 25 anos de vida da formación con dez disco gravados nas costas, os Heredeiros chegan agora con este Derretidos ampliando o seu xa enorme repertorio cun feixe de 12 temas de puro rock and roll contundentes, de descarga guitarreira protagonista e coa marca sonora impecable da producción de Iago Lorenzo. Os integrantes da banda rondan xa a cincuentena pero seguen a dar voltas nas letras dos seus temas as mesmas cousas choqueiras coas que fixeron gran parte dos seus primeiros discos de xuventude. O sexo, a violencia, a escatoloxía e algunhas situacións dos seus entornos cotiáns seguen a ser a fonte da inspiración chea da súa habitual sorna nos temas compostos por Toño Novo "Tuchiño", non é así o caso da canción de peche do disco Soñei, unha balada asinada polo vocalista Javi Maneiro que resulta máis intimista e ancorada nos sentimentos. A banda lanzaba onte o seu primeiro videosingle, Esquimales, asinado por Xaime Miranda, que marca xa unha liña de ánimo de quentar ao persoal co seu característico espírito controvertido e provocador. HDC non defraudan nese sentido con Derretidos prometendo novos himnos para os seareiros máis acérrimos, algúns deles fillos dos seus primeiros siareiros da época do Xabarín Club. Heredeiros presentará o seu novo álbum hoxe xa no Arrecife en Vivo e posteriormente adentrarase nunha intensa xira por Europa e a Península: Londres (02/10), Barcelona (09/10), Madrid (23/10), Santiago de Compostela (30/10) e Xenebra (07/12). Derretidos xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais.

Mounqup e Trifulca representarán á música galega no cartel do BIME City en Bilbao

Xénero: Electrónica | 9 / 10 / 2019

imaxe non dispoñible

Trifulca e Mounqup son os dous nomes galegos finalmente seleccionados pola organización do Bizkaia International Musical Experience (BIME) para o seu programa de showcases a desenvolver en varias salas de Bilbao no marco da sétima edición deste gran evento da industria musical, que terá lugar do 30 de outubro ao 2 de novembro e no que tamén se insire o encontro profesional BIME Pro. Tanto Mounqup, cantautora de orixe francesa radicada en Ourense, como o dúo santiagués Trifulca actuarán o mércores 30 na sala Muelle tras seren elixidos polos organizadores do BIME mediante unha convocatoria pública aberta o pasado mes de agosto. A través dela, BIME garantía a presenza galega neste apartado en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo. Coa música electrónica como eixo do seu traballo, ambos terán así oportunidade de se presentar diante de programadores de festivais, managers, xornalistas e outros axentes do sector acreditados no BIME Pro. Así mesmo, a través de BIME City, o encontro ábrese de xeito gratuíto ao público xeral. Nesta nova edición, serán 40 os showcases que terán lugar en 11 salas do centro da capital biscaíña. Mounqup ten xa no seu haber un Premio Martín Códax na categoría de música electrónica en 2018 e o Premio Fran Përez Narf do certame homónimo da Deputación da Coruña en 2017.

Najla Shami saca as súas variadas raíces ao sol no seu novo disco-libro

Xénero: Fusión | 4 / 10 / 2019

najla_shami_elasabeasol.jpg

Fai seis anos, no 2013, Editorial galaxia editaba o libro-disco Na lingua que eu falo no que Najla Shami, artista compostelá de pai palestino e nai galega, interpretaba musicalmente poemas de Rosalía ademais de outros temas propios inspirados na poeta. Shami volve agora con Ela sabe a sol tamén da man de Editorial galaxia a presentar un novo traballo no mesmo formato físico de libro con CD. Neste caso son 12 cortes nos que hai sitio para que Najla saque á vista a súa multiculturalidade lingüística e musical. Cancións en galego, castelán e en árabe, lingua que tamén aparece en formato de texto no libro traducindo algunhas das letras e ademais moi presente graficamente nas páxinas, así coma a estética árabe no deseño e nas fotografías que ilustran a publicación, obra de Mara Saiz. A artista dedica este traballo o seu pai e nel vese tamén o impacto da súa primeira visita ás terras palestinas de orixe paterno.

Xulio Lorenzo asina un segundo traballo cheo de ilusión en 'Volver soñar'

Xénero: Folk | 1 / 10 / 2019

XLorenzo_volversonhar.jpg

Dous anos despois do seu primeiro traballo discográfico Cantos da ialma (Autoeditado, 2017) Xulio Lorenzo volveu pasar polo estudio cunha ducia de temas e moita ilusión representada neste novo disco Volver soñar. De novo a composición propia domina o repertorio, o gaiteiro asina dez dos temas do álbum, contando ademais cun tema tradicional e outro de Diego Bea Besada, que ademais participa nos arranxos do resto das cancións e actúa neste caso como produtor musical deixando sitio tamén para achegas eléctricas na composición sonora. Segundo Lorenzo neste novo traballo "viaxaremos aos soños da infancia, soños de ilusións" e nel atoparemos temas alegres e cheos de vida "cada un deles coa súa especial historia". No disco podemos atopar temas dedicados á súa Terra de Mos natal como Terra d´Mos, Mar d´Arousa, Filla da Roseira ou Pasacorredoiras da Torroeira e outros cque nos levan a viaxes xeográficos e temporais como Senhora do Almortâo, no que Lorenzo pon música sobre un dos temas máis emblemáticos da cultura popular da Beira Baixa de Portugal coa colaboración das voces dos pandereteiros Diego Calviño, Iván Blanco e Diego Cabaleiro; a Xota de Caroi, unha peza tradicional con connotacións sefardís. Volver Soñar gravouse nos Estudios Metrópolis de Vigo contando con Fran Álvarez como técnico e para a mestura. Na súa gravación ademais colaboraron de xeito especial nalgún dos temas as Pandereteiras Arume de Guizán ou Belém Tajes. A primeira presentación sobre escenario tivo ligar o pasado 28 de setembro, co gallo do XXV aniversario d´A Cividade de Louredo.

O festival Revoltallo de Valladares abre hoxe a súa XXVIª edición

Xénero: Rock | 6 / 9 / 2019

imaxe non dispoñible

O festival Miudo fest de música para cativos presenta o seu cartel

Xénero: Infantil | 28 / 8 / 2019

imaxe non dispoñible

Malia que son algúns os festivais de música que engaden actividades para cativos, só existe un en todo o país que está pensado exclusivamente para esa xente estatura media e gustos propios, ese é o Miudo Fest, en Mos (Pontevedra). A cuarta edición deste festival xa ten cartel e terá lugar os vindeiros 14 e 15 de setembro (sábado e domingo) na Sala Rebullón do no Territorio Cultural As Pedriñas en Tameiga. Alí reuniranse algunhas das mellores ofertas musicais para cativos que a escena galega ten, e que demostran ademais a vitalidade desta opción musical no país. A Gramola Gominola é cabeza de cartel na tarde do sábado, compartindo escenario con A Banda dos Insectos, Antón Ke (ukelele de batea ) e o reggae de Elephants Yard. O domingo estarán o mago Marco e Cé Orquestra Pantasma.

A gaiteira María López gaña o prestixioso certame Mac Crimmon

Xénero: Folk | 7 / 8 / 2019

imaxe non dispoñible

No marco desta edición do Festival Interceltique de Lorient dedicada á cultura galega a gaiteira coruñesa María López Carballo ven de deixar a súa marca ao gañar o prestixioso certame Mac Crimmon de gaita que enfronta a intérpretes galegos con asturianos desde 1986. Esta é primeira vez que unha muller galega gaña este trofeo (unha asturiana o gañou en 2010) e a duodécima que o premio cae en mans galegas neste certame que leva xa 34 edicións. Segundo informa InfoAstruries a final quedou nun empate entre María López e o asturiano Fernando Vázquez Cárcaba que se resolveou xa que as normas ditan que nestes casos a persoa máis nova leva o trofeo e a galega conta só 14 candeas polo de agora. A coruñesa presentou un amplo repertorio con temas tradicionais galegos, asturianos e bretóns. María López enpezou os seus estudos musicais con seis anos na Escola de Música Bellón Maceirase ten tocado xunto a Carlos Núñez e Susana Seivane.

O Premios Rebulir recoñecen á Coral De Ruada, 'Morris' e Rosa Cedrón

Xénero: Folk | 30 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

A Coral de Ruada, o actor Antonio Durán ‘Morris’ e a músico Rosa Cedrón fixéronse merecedores este ano de cadanseu Premio Rebulir de Cultura Galega nas modalidades de Premio Homenaxe, Artes escénicas e Música Galega, respectivamente. Os premios outorgados pola Asociación Cultural Rebulir, de Ramirás (Ourense) supoñen un recoñecemento a persoas/colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura tradicional nas súas diferentes manifestacións. A entrega do premio faise no marco da Gala central do FIR (Festival Internacional Rebulir) que este ano chega á súa XIVª edición en decembro e consiste na entrega dun diploma acreditativo e dunha estatuílla que sempre elabora algún artesán ou artista galego. Un xurado decidiu os nomes dos premiados de entre unha lista de finalistas que foi sometida previamente a votación popular entre os membros da asociación.

<< Inicio / Anterior . 301 a 310 de 1407 . Seguinte \ Fin >>