Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
O Xº Espazos Sonoros percorrerá enclaves de valor patrimonial con propostas didácticas e musicais
Xénero:
| 26 / 7 / 2019A décima edición do ciclo Espazos Sonoros presentou o seu programa de concertos e actividades que comezarán o día 1 de setembro co grupo Cantaderas na igrexa de Santa Liberata, na vila de Baiona, cun programa que mestura música vocal da Idade Media con outras procedentes da tradición oral, tratando así de recuperar uns repertorios que, en grande medida, caeron no esquecemento. Serán en total oito xornadas en outros tantos lugares escollidos polo seu valor patrimonial nas catro provincias galegas. Sete deles son espazos relixiosos e un, o Pazo do Faramello en Rois (A Coruña) é un espazo civil vencellado ao patrimonio industrial. Santa María de Penamaior, Santa Cristina de Ribas de Sil, Santo Estevo de Chouzán, a Fundación Fernando Blanco de Lema, o devandito Pazo do Faramello aocllerán esteas actuación e nalgúns casos tamén as actividades previstas. A música a porán, ademais de Cantaderas, o Dúo Fracanapa, Michael Schöch, Mateo Arnáiz ou Capella de Ministrers entre outros. O 8 de outubro pecharase esta décima edición.
O Museo do Mar de Galicia acollerá un novo ciclo de concertos ao atardecer
Xénero:
| 18 / 7 / 2019A Xunta de Galicia ven de presentar no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, o novo ciclo de concertos: Solpores do Museo, unha proposta que aproveita os espazos públicos como contexto e escenario de actuacións musicais ao caer á tarde, ao xeito que xa ocorre en Santiago na Cidade da Cultura de Galicia co Atardecer no Gaiás. Agora a Xunta e Galicia traslada a Vigo esta idea usando para iso as instalacións dunha das súas infraestruturas na cidade, o Museo do Mar de Galicia na punta do Muíño da parroquia de Alcabre. No relativo á proposta musica coordinan o ciclo Juan Rivas e Manuel Araújo, que ofrecen un cartel cuxo principal obxectivo é poñer en relevo os traballos artistas locais, tanto emerxentes como consagrados, mediante unha programación transversal, que una a estes con artistas de traxectoria consolidada no panorama nacional. Os concertos, que se desenvolverán no serán, terán como marco o espectacular solpor na Ría de Vigo, unha estampa que gaña valor coa calidade arquitectónica do edificio do Museo do Mar, obra dos arquitectos Cesar Portela e Aldo Rossi.
Dor na música tradicional polo pasamento de Santiago Caneiro
Xénero:
| 16 / 7 / 2019Sucédense con pesar dende onte as despedidas a Santiago Caneiro Aneiros, que faleceu aos 58 anos de idade. O seu pasamento chegou con especial calado ao eido da música tradicional onde a súa labor de décadas non deixou de ser recoñecida e apreciada. Caneiro foi profesor da Escola de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón, director durante máis de dez anos da Banda de Gaitas de Narón, fundador do Obradoiro de construción de instrumentos tradicionais do mesmo Padroado e presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos entre 1993 e 2015 para pasar despois ao posto de Presidente de Honra da asociación. A súa dedicación e activismo no eido da música tradicional marcou diferenzas "desempeñando unha importante tarefa ao longo da súa vida en canto á recuperación da música tradicional galega en xeral e da gaita e da percusión en particular", segundo recoñece nun comunicado a alcaldía de Narón neste lutuoso momento. A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, trasladou o pésame do Concello e do propio Padroado da Cultura aos familiares e ás amizades de Santiago Caneiro destacando a súa gran contribución a impulsar a música e a cultura galegas nas últimas catro décadas. A mandataria naronesa agradeceu en nome da corporación a "intensa aportación de Santiago Caneiro ao Padroado da Cultura de Narón e á música tradicional galega en xeral, deixándonos un importante legado a través da súa profesionalidade", ao tempo que lamentou "a gran perda que supón o seu pasamento, unha destacada figura do panorama musical galego é á que sempre recordaremos con gran agarimo nesta cidade".
A Banda da Balbina saca a tortilla a bailar en 'Con Cebola ou Sen Cebola'
Xénero:
| 15 / 7 / 2019Non fuxen do debate, o sacan a bailar. Tres anos despois do seu disco Convertindo Cuncas en Ferrados (Sonaxe Records, 2016), A Banda da Balbina volve rexistrar en soporte de CD novos temas que se engaden ao seu repertorio festeiro co que non deixaron nunca de animar nos seus concertos. En Con Cebola ou Sen Cebola (Sonaxe Producións, 2019) o quinteto presenta once novos temas acaídos do seu estilo, con influencias da música latinoamericana sempre interpretada desde a tradición galega máis verbeneira. Desde o propio nome do disco e da canción que o abre, ata od eselño gráfico no que o CD presenta imaxe de tortilla, a banda demostra unha vez máis as súas ganas de entrar na diversión a través do humor. Ese gusto polo humor e a festa non quita senón que engade na súa proposta musical, apta para todos os públicos que estean dispostos a bailar e participar da festa. Sons mexicanos -A Chorona-, portugueses -Uma casa portuguesa- , caribeños -Pandeirada-, ou ska –O retornado- e sempre o “trad” máis fresco para tirar dos corpos cara ao baile. O disco xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais.
Carlos Núñez fai xira este verán por enclaves patrimoniais con encanto
Xénero:
| 2 / 7 / 2019O Parador de Baiona acollerá no solpor do vindeiro día 13 o inicio dunha xira moi especial do músico vigués Carlos Núñez, un dos abandeirados destacados a nivel internacional da música galega de raiz. Baixo o nome "Lugares máxicos" Núñez levará a súa música a catorce sitios especiais de grande valor patrimonial e histórico, moitos deles en chan sacro, e tanto dentro das catro provincias da comunidade galega como fóra delas. O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra) é outro dos dez concertos que poderemos ver no país e que será a segunda data deste percorrido, o día 14. O músico escolleu, como xa fixera o pasado ano, lugares moi especiais para encontrarse co público creando atmosferas “máxicas”. O día 25, coincidindo co Día da Patria Galega , o músico actuará no Claustro dos Bispos do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil en Nogueira de Ramuín (Ourense). Ademais, ata o vindeiro día 13 de agosto, Núñez tamén pasará pola Igrexa de Santa María de Abades en Silleda; a de San Martiño en Noia; o Mosteiro de Oseira; Catedral de Mondoñedo; Castelo de Monterrei e finalmente o Mosteiro de Meira, en Lugo. O vigués alternará tamén estes concertos con outras citas fóra de Galicia e de España, coas que pasará por Madrid, Barcelona, Fez (Marrocos) , Francia ou Suíza, antes de dar o salto en outubro cara a Arxentina.
O 17° Ribeira Sacra presenta o programa 'Patrimonio' encabezado por Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
Xénero:
| 1 / 7 / 2019O festival 17° Ribeira Sacra xa está a finalizar os detalles da súa edición deste ano. Se en abril presentaba o cartel de artistas que participarán na primeira das fins de semana que abarca, 17° Ribeira Sacra Paisaxe entre o 18 e 21 de xullo, agora xa desvelou as actuacións e actividades previstas na segunda fin de semana e que teñen que ver coa parte ourensá do festival englobadas como 17° Ribeira Sacra Patrimonio durante os días 26 e 27 de xullo. As actividades incluídas dentro de 17° Patrimonio terán lugar en espazos patrimoniais e de gran valor natural: o Castelo Castro Caldelas, o Parador de Santo Estevo, o canal do río Sil (a actuación será no catamarán), o Mosteiro de Santa Cristina de Concello de Ribas de Sil e A fabrica da luz. Aí actuarán artistas como Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, María José Llergo, Os Amigos dos Músicos, Benxamín Otero & Germán Díaz, Aldaolado e Allova.
Doce festivais de verán inclúense na marca Fest Galicia da Xunta
Xénero:
| 19 / 6 / 2019Unha ducia de festivais a celebrarse entre os meses de xullo e setembro conforman a segunda temporada do calendario Fest Galicia que promove a Xunta. Cantos na Maré de Pontevedra e Caudal Fest de Lugo veñen de engadirse aos 10 eventos que xa participaran na experiencia piloto do ano pasado: PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival. En todos eles, a Xunta organizará novas campañas de concienciación a prol da igualdade e da prevención da violencia de xénero, do uso do galego, do respecto medioambiental ou do fomento de valores positivos para a xuventude, que terán o seu epicentro nun renovado stand da marca, ao tempo que avanzará na medición do impacto económico e social dos festivais. Refórzase así a aposta por esta marca, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración con outros departamentos autonómicos, como vía de apoio a festivais considerados estratéxicos para a promoción do turismo musical de acordo con criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.
A 36ª Festa da Carballeira de Zas acada o seu sitio entre os grandes eventos do verán
Xénero:
| 13 / 6 / 2019A 36ª edición da Festa da Carballeira de Zas, na provincia da Coruña, fai valer a súa constancia e coloca o seu cartel entre os festivais de moda tirando de artistas consolidadas e emerxentes e apostando polo eclecticismo sen perder a raíz. Susana Seivane será cabeza de cartel na xornada do venres 2 de agosto e o multipremiado trío Tanxugueiras estará o sábado 3 tamén nesta romaría folk que reúne arredor de cinco milleiros de persoas. Elas son so dous das máis dunha ducia de actuacións previstas este ano e que inclúen tamén a fusión de Dakidarría e a proposta electrónica de Baiuca. A presenza internacional está tamén asegurada coas formacións Celtic Social Club (Francia) e Tide Lines (Escocia). O grupo Korrontxi representará a música tradicional do País Vasco. Na xornada do sábado ademais procurarase manter a esencia de romaría do evento potenciando a sesión vermú con varias actuacións importantes entre as que está o dúa Vudú, Monoulious Dop e a formación internacional Fourth Moon, ademais de Os Farrapos e outras. A Festa da Carballeira de Zas está organizada desde a Asociación Cultural Castro Meda e dedica parte da súa recadación a fins sociais, neste caso a unha asociación local de apoio a persoas con discapacidade funcional. A organización ten aberta ademais unha liña de voluntariado para colaborar no evento.
Marco Foxo recupera romances medievais para os nosos tempos no seu cuarto traballo
Xénero:
| 12 / 6 / 2019Marco Foxo acompañouse dunha vintena de músicos para gravar o seu cuarto traballo. Romances novos e vellos chega ás tendas a recoller romances medievais recollidos por Xosé Lois Foxo nas montañas ourensás, por Valdeorras, Riós, O Bolo ou o Courel. O armenio Emmanuel Hovhannisyan, os iranianos Tina Jamegarmi, Mohsen Sharifian e Habibb Meftah ou os galegos Daniel García, Óscar Ibañez, Emilio Rúa, Lucia Perez e Xabier Biscaíño fan parte deste proxecto, que inclúe temas como o Romance de Dona Ildara, Adelina, o Romance de Martín García ou Rogelio e a moza deshonrada. Canda a estes, o álbum presenta temas popularizados pola orquesta Os Padernes, como o Bicarelo do Bico do Brelo, con letra de Uxío Novoneyra. O músico apunta que a obra pretende achegar "sosego" aos oíntes actuais con estas composicións que se cantaban ao pé das lareiras.
O festival de Lorient será 'solar' grazas á calor dos 'celtas do sur' chegados de Galicia
Xénero:
| 4 / 6 / 2019"O outro Finisterre: ao final do camiño, a alegría e a calor dos celtas do sur", ese finalmente é o lema co que a 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, celebra a súa homenaxe á Galicia este vindeiro mes de agosto. Tal e como se anunciara xa o pasado ano este será un ano dedicado a Galicia. A nosa música, lingua e cultura, tamén a gastronómica, estarán presentes durante os dez días deste evento de referencia mundial na Bretaña francesa entre o 2 e o 10 de agosto. "A edición 2019 será solar, -asegura Lisardo Lombardia o director do festival- tanto dende o punto de vista da expresión artística como da convivencia e a festa." O desembarco de artistas e formacións galegas será un feito que salpica o programa do evento con presenza da nosa terra en diferentes formatos. Desde a cea de apertura, o mesmo día 2 de agosto na que participaran as pandereteiras de Xacarandaina e os pandereteiros Os do fondo da barra, a música do país estará moi presente neste evento que ten unha asistencia estimada de 750.000 persoas. Carlos Núñez, Mercedes Peón, Milladoiro e Xosé Lois Romero & Aliboria encabezan unha representación galega na que tamén estarán a Banda de Gaitas de Forcarei, José Manuel López Josele, Abraham Cupeiro, Suso Vaamonde, Pablo Seoane, Begoña Lorenzo, Bouba, Xirandela, Davide Salvado, etc.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca