Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O Xº Espazos Sonoros percorrerá enclaves de valor patrimonial con propostas didácticas e musicais
O Xº Espazos Sonoros percorrerá enclaves de valor patrimonial con propostas didácticas e musicais
xullo 26, 2019
A décima edición do ciclo Espazos Sonoros presentou o seu programa de concertos e actividades que comezarán o día 1 de setembro co grupo Cantaderas na igrexa de Santa Liberata, na vila de Baiona, cun programa que mestura música vocal da Idade Media con outras procedentes da tradición oral, tratando así de recuperar uns repertorios que, en grande medida, caeron no esquecemento. Serán en total oito xornadas en outros tantos lugares escollidos polo seu valor patrimonial nas catro provincias galegas. Sete deles son espazos relixiosos e un, o Pazo do Faramello en Rois (A Coruña) é un espazo civil vencellado ao patrimonio industrial. Santa María de Penamaior, Santa Cristina de Ribas de Sil, Santo Estevo de Chouzán, a Fundación Fernando Blanco de Lema, o devandito Pazo do Faramello aocllerán esteas actuación e nalgúns casos tamén as actividades previstas. A música a porán, ademais de Cantaderas, o Dúo Fracanapa, Michael Schöch, Mateo Arnáiz ou Capella de Ministrers entre outros. O 8 de outubro pecharase esta décima edición.
De entre as actividades complementarias ao ciclo de concertos destaca un obradoiro participativo, que do mesmo xeito que na pasada edición se achegaba ao mundo da construcións de instrumentos tradicionais, neste caso se dedica ao instrumento vogal: a voz na música antiga nun obradoiro que será participativo. Ademais Espazos Sonoros continúa as súas andainas con seis diferentes propostas que afondan no coñecemento e goce do patrimonio e dos seus elementos en harmónica simbiose coa música. Espazos vinculados á nosa cultura e historia, testemuñas do noso pasado industrial, educativo, etnográfico, palaciano, mosteiros, catedrais, son, entre outros, os ingredientes básicos que de ano en ano conforman a proposta de lecer, que complementa a programación musical. Espazos Sonoros recupera tamén este ano as súas "Roldas pola paisaxe organística galega" e faino cun interesante percorrido, que transcende os lindeiros xeográficos para entrar noutras paisaxes veciñas fundamentais, o cal axuda a comprender o alcance e significado que tivo a organería galega. A fronteira sur de Galicia co Reino de Portugal será a zona sobre a que se establecerá este percorrido con multitude de exemplos e casos que cruza o Miño, nunha viaxe de ida e volta, por localidades que viron traballar, desde o século XVII, multitude de organeiros e organistas galegos e portugueses. O percorrido estará guiado polo organista e experto en organería galega e portuguesa, Marco Aurélio Brescia.