Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Surfing the Lerez amplíase en dous días na súa novena edición

Xénero: Miscelánea | 20 / 5 / 2019

imaxe non dispoñible

O festival Surfing The Lérez xa ten cartel da súa novena edición, presentada recentemente na súa cidade, Pontevedra. Este ano a cita musical crece de acordo co seu tirón e pasa a celebrarse en dúas xornadas que ocuparan a Illa das Esculturas con case vinte actuacións en dous escenarios, con bandas de primeira liña da escena musical galega e tamén nacional e internacional e cunha mestura de xéneros para todos os gustos aínda que cao predominante presenza do rock. Os días 21 e 22 de xuño pasarán por Pontevedra os neocelandeses Labretta Suede & The Motel Six, Heredeiros da Crus, The Sex Museum, Basanta, Familia Caamagno, Thee Blind Crows, Malkeda, Ortiga, Maneiro, Holywater, Anaut, Rayo taser e a escola de rock de Paredes de Coura, entre outros. A entrada será de balde como sempre cun programa de recollida da organización redeAxuda en forma de produtos alimentarios ou de hixiene.

Unha praza en Ourense para a Coral de Ruada

Xénero: Coral | 9 / 5 / 2019

imaxe non dispoñible

Desde hoxe mesmo unha praza da cidade de Ourense leva o nome de Praza Coral de Ruada en homenaxe da cidade a esta agrupación centenaria. A praza situada na confluencia da rúa Xoán de Novoa e a Avenida de Bos Aires da capital provincial será a que lucirá o nome deste colectivo que recentemente celebraba os seus cen anos de vida e actividade cultural e que era obxecto dun expediente de honra aberto por acordo dos catro grupos políticos con representación municipal e contando co apoio de 1.800 persoas que se sumaron a esta proposta, igual que numerosas asociacións e entidades culturais. O alcalde, a Corporación e representantes da Coral participaron nos actos que se desenvolveron primeiro no salón de plenos e posteriormente na propia praza. Nesta descubriuse a placa que lle dá o nome da Coral de Ruada "como mostra de recoñecemento e gratitude da nosa cidade a unha das agrupacións máis senlleiras e queridas, a nosa provincia. Unha fonte inesgotable de amor á nosa música, á cultura galega e as nosas tradicións, embaixadora da nosa terra en todo o mundo, sinal identitario e sementadora de paixón por Ourense e de paixón por Galicia", sinalou o alcalde.

Dios ke te Crew retrata a súa madurez en O Ciclo da Serpe

Xénero: Hip-Hop | 7 / 5 / 2019

ciclo_da_serpe_diosketecrew.jpg

Logo de oito anos desde o seu anterior traballo e de se dedicar a diferentes proxectos persoais, os membros de Dios ke te crew, grupo de referencia do hip-hop galego, lanzan o seu novo disco conxunto. O Ciclo da Serpe preséntase ao público cun concerto o vindeiro 11 de maio na compostelá Sala Capitol e achega dezaseis cortes nos que o grupo mantén o seu carácter de intervención social. Cuestións como o ascenso da ultradereita, os refuxiados, as drogas, a reivindicación da liberdade de expresión, as redes sociais ou a xestión do lixo son abordados coa habitual sátira e retranca en letras traballadas que amosan a madurez do conxunto.

Mercedes Peón finalista a mellor disco europeo do 2018 para a revista británica Songlines

Xénero: Fusión | 24 / 4 / 2019

imaxe non dispoñible

A revista musical británica Songlines, especializada en músicas do mundo, tradicionais e fusión, e cunha tiraxe en papel de 20.000 exemplares ven de colocar o disco Déixaas(Fol Music, 2018) de Mercedes Peón como finalista entre os catro albumes seleccionados como os mellores da música feita en Europa no pasado ano. Do traballo feito en Songlines recoñece os límites cruzados por Peón en canto aos canons do tradicional e dí: "Mercedes Peón presta á música popular galega unha nova imaxe e carácter contemporáneo. O seu quinto álbum afástase dos arranxos tradicionais en favor dunha paleta de sons que van desde o heavy metal ata o minimalismo abstracto, sobre a cal ela fai xemer con desinhibición a súa poesía enfeitizadora". A portuguesa Mariza, a banda danesa Dreamer’s Circus e o violinista británico Sam Sweeney so os outros tres finalistas nesta categoría europea. O vindeiro 10 de maio coñecerase a decisión do xurado conformado por un panel internacional de xornalistas especializados.

Xacobe Martínez Antelo presenta 'Capturas'

Xénero: Jazz/Blues | 23 / 4 / 2019

XMA_Trio_capturas.jpg

O contrabaixista compostelán Xacobe Martínez Antelo presenta o seu novo traballo discográfico como líder de formación. Capturas (autoeditado, 2019) é o segundo disco gravado en formación de trio, existindo outros dous gravados en formación de cuarteto e quinteto. O batería Max Gómez repite nesta formación con Martínez Antelo e complétase o trío co saxo tenor de Xosé Miguelez. Capturas presenta oito temas de composición propia de Xacobe Martínez. Un traballo profundo, maduro e que está ancorado no rpesente como o demostran os títulos das pezas, desde A política lingüística de Alberte co que abre o disco a Conciliade malditos, Non alimenten ó Troll ou O precariado. Composicións todas elas orixinais e inspirada en feito cotiáns e realidades agresivas que forman parte do actual contexto vital. O disco, presentado en formato digi-pack, foi gravado, mesturado e masterizado este pasado mes de marzo nos estudos Savik Sound de José Trincado, "Triqui", un sitio habitual de músicos de jazz e onde Martínez Antelo xa ten gravado outros traballos. O disco está en plataformas dixitais e pode adquirirse no web de Martínez Antelo.

Xoán Curiel presenta o libro-cd 'Canta, miña pedra, canta' dedicado a Antonio Fraguas

Xénero: Infantil | 16 / 4 / 2019

Curiel_cantaminapedra.jpg

Cun título sacado dunha cantiga recollida preto da casa de Antonio Fraguas, Xoán Curiel presenta o disco Canta, miña pedra, canta (Sonárbore, 2019), un traballo dirixido ao público infantil e baseado na vida e obra do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Curiel ofrece nas once pezas deste libro-cd un percorrido pola tradición popular recollida en Cantigueiro de Cotobade e tamén con letras creadas para que os nenos e nenas coñezan o mestre galeguista, inseridas en sons que presentan sons tradicionais e outros máis modernos. O disco gravouse en Gourmet Sound estudio e conta con moitas colaboracións nas voces e instrumentos como a de Sérgio Tannus que engade sonoridades do Brasil en dous temas, país traído ao libro porque o pai de Fraguas tivo que emigrar a el. Curiel non dá puntada sen fío e para cada tema do disco acha unha conexión co mestre Antonio Fraguas e a súa obra.

Os Amigos do Músicos presentan o disco 'Segundo fogar'

Xénero: Pop | 15 / 4 / 2019

segundo_fogar_OADM.jpg

Os Amigos dos Músicos achan novo fogar nun novo disco. Case tres anos despois do seu disco de debut (Os Amigos dos Músicos, Gran Derby Records 2016) a banda ourensá presenta estes días tanto en plataformas dixitais como en tendas o novo traballo Segundo fogar (Todomedre,2019). A banda que conseguiu facerse un oco na escena pop do país entrando en numerosos carteis de festivais e conseguindo o Premio Martín Códax en 2017 na categoría POP/Indie aumenta a súa aposta por un son máis folk, aínda que mantendo bases do pop, en galego e apegado á terra e a tradición as través dos dez temas que conforman este traballo. O disco do sexteto (Jaime Mateo, Arcadio Nóvoa, Raúl Diz, Daniel Alonso, Druso Pedrouzo, Álvaro A. Rivera.) preséntase ao igual que o primeiro como un traballo de gran coherencia sonora e virtuosismo instrumental, no que as composicións corren a cargo de varios dos seus seis compoñentes. Nunha delas, Bicarelo, ademais tiran para a letra dun poema do poeta Uxío Novoneyra. O primeiro concerto onde o grupo defenderá en directo Segundo fogar será en Lugo, o 18 de maio dentro do programa do FaCeLa fest.

Familia Caamagno presentan o seu novo disco 'Había que intentalo'

Xénero: Pop | 12 / 4 / 2019

familiacaamagno_habiaque.jpg

Como xa ocorrera co seu anterior traballo discográfico, os sigüeiráns Familia Caamagno elixiron a Sala Capitol de Santiago para a presentación do seu novo traballo Había que intentalo (Folc Records). Estes sábado 13 de abril a banda convocará aos seus fieis e celebrar a ocasión oficialmente, acompañados ademais por outra banda da corda, os Oh Ayatollah!. A banda de power pop en galego mantén a súa liña sonora bailable, divertida e chea de enerxía e a súas letras contemporáneas apegadas ao territorio e á vida real. O novo álbum, que xa está nas plataformas dixitais, está formado por oito cancións e máis un bonus track, cos que achegan novos himnos, coma Castromil, O peor non son os cartos ou Un día espectacular. Dialogando cos seus discos anteriores, continuístas no rock & roll de inspiración 60’s pero cun afán renovador: Tabernas e rotondas, Cocogualla e Proceso Soberanista. O novo traballo, o terceiro disco editado pola banda, está gravado entre os días 2 e 7 de febreiro nos estudios Circo Perrotti de Xixón. Ao igual que os dous anteriores está producido, mesturado e masterizado por Jorge Explosión, agás o corte Canción Moderna de Occidente, que está producido, gravado e mesturado por Hevi no Laboratorio Soyuz e masterizado por Cem Oral en Jammin’ Masters (Berlín) en maio de 2018.

Faia debuta en solitario con Ao cabo leirín

Xénero: Fusión | 9 / 4 / 2019

cabo_leirin_faia2.jpg

Faia Díaz Novo, membro de De Vacas, o Coro Encaixe ou Apatacón acaba de iniciar a súa carreira en solitario. Ao cabo leirín é o título do primeiro disco de Faia, un lanzamento de seis temas no que a voz, a interpretar cantigas de feitío tradicional, aparece como protagonista absoluta. Acompañána ambientes sonoros contemporáneos que se desesnvolven en colaboración con Hevi, de Fluzo e Malandrómeda, a crear un innovador contraste. O proxecto complétase coas videocreacións de Sara Traba que acompañan cada unha das cancións. O álbum pódese escoitar íntegro no web da artista, onde tamén se poden ver os vídeos correspondentes a cada tema.

O 17° Ribeira Sacra Festival presenta artistas e espazos para a súa terceira edición

Xénero: Miscelánea | 5 / 4 / 2019

imaxe non dispoñible

O festival 17° Ribeira Sacra deu hoxe a coñecer o seu cartel de artistas confirmados para a programación Paisaxe desta terceira edición, a falta dalgunhas “sorpresas” que aínda poidan chegar, segundo Carlos Montilla, director do 17° Ribeira Sacra. Entre o 18 e o 21 de xullo Terán lugar en oito localizacións diferentes os 13 concertos das sesións Paisaxe desta terceira edición. Tres adegas, o parador de Monforte, o miradoiro de Santiorxo, a reitoral de Gundivós a Praza de España de Chantada e o barco catamarán de Doade acollerán estas actuacións. O cartel artístico "aposta pola variedade e a diferenciación" nun contexto de saturación de festivais no que, Segundo Montilla o 17° Ribeira Sacra non quere presentarse como "un festival temático" e ademais preséntase cun concepto afastado dos eventos masivos buscando un público diferente tamén. O arxentino Kevin Johansen, o estadounidense Jonathan Wilson e a a veterana banda de rock Los Enemigos encabezan as propostas este ano. Tamén están as galegas Marem Ladson e Cora Velasco, Enric Montefusco, McEnroe, Delafé, Jacobo Serra, Champs, Alberto&García, 39th& The Nortons e Soledad Vélez, esta última será quen dará o concerto a bordo do catamarán. Hoxe ás 20:00 horas dá comezo tamén no mesmo lugar da presentación, a fundación DIDAC de Santiago, o ciclo de concertos 17° Delicatessen, antesala do festival, coa actuación de Santi Araújo en entrada libre ata completar aforo.

<< Inicio / Anterior . 321 a 330 de 1407 . Seguinte \ Fin >>