Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Mercedes Peón finalista a mellor disco europeo do 2018 para a revista británica Songlines

O SEU DISCO 'DéIXAAS' ESTá ENTRE OS CATRO QUE ASPIRAN AO PREMIO OUTORGADO POLA PUBLICACIóN

Mercedes Peón finalista a mellor disco europeo do 2018 para a revista británica Songlines

FUSIóN | abril 24, 2019

imaxe non dispoñible

A revista musical británica Songlines, especializada en músicas do mundo, tradicionais e fusión, e cunha tiraxe en papel de 20.000 exemplares ven de colocar o disco Déixaas(Fol Music, 2018) de Mercedes Peón como finalista entre os catro albumes seleccionados como os mellores da música feita en Europa no pasado ano. Do traballo feito en Songlines recoñece os límites cruzados por Peón en canto aos canons do tradicional e dí: "Mercedes Peón presta á música popular galega unha nova imaxe e carácter contemporáneo. O seu quinto álbum afástase dos arranxos tradicionais en favor dunha paleta de sons que van desde o heavy metal ata o minimalismo abstracto, sobre a cal ela fai xemer con desinhibición a súa poesía enfeitizadora". A portuguesa Mariza, a banda danesa Dreamer’s Circus e o violinista británico Sam Sweeney so os outros tres finalistas nesta categoría europea. O vindeiro 10 de maio coñecerase a decisión do xurado conformado por un panel internacional de xornalistas especializados.

Deixaas xurde tras unha intensa etapa de investigación sobre as posibilidades da arte sonora oito anos despois do seu anterior disco, o multipremiado SOS (Fol Música, 2010). Usando de novo as bases electrónicas Peón propón un sonido industrial e duro sen abandonar as raíces da tradición, inspirada en espazos sonoros de nova natureza obtidos a partires dun traballo de campo minucioso con sons reais de máquinas pesadas en gravacións feitas en estaleiros navais, xa que Deixaas é unha metáfora ancorada na industria naval de Ferrol, unha conceptualización de realidades que visibiliza o tecido social e cultural nun mapeo sonoro subxectivo.