Os Amigos do Músicos presentan o disco 'Segundo fogar'
abril 15, 2019
Os Amigos dos Músicos achan novo fogar nun novo disco. Case tres anos despois do seu disco de debut (Os Amigos dos Músicos, Gran Derby Records 2016) a banda ourensá presenta estes días tanto en plataformas dixitais como en tendas o novo traballo Segundo fogar (Todomedre,2019). A banda que conseguiu facerse un oco na escena pop do país entrando en numerosos carteis de festivais e conseguindo o Premio Martín Códax en 2017 na categoría POP/Indie aumenta a súa aposta por un son máis folk, aínda que mantendo bases do pop, en galego e apegado á terra e a tradición as través dos dez temas que conforman este traballo. O disco do sexteto (Jaime Mateo, Arcadio Nóvoa, Raúl Diz, Daniel Alonso, Druso Pedrouzo, Álvaro A. Rivera.) preséntase ao igual que o primeiro como un traballo de gran coherencia sonora e virtuosismo instrumental, no que as composicións corren a cargo de varios dos seus seis compoñentes. Nunha delas, Bicarelo, ademais tiran para a letra dun poema do poeta Uxío Novoneyra. O primeiro concerto onde o grupo defenderá en directo Segundo fogar será en Lugo, o 18 de maio dentro do programa do FaCeLa fest.