Unha praza en Ourense para a Coral de Ruada
maio 9, 2019
Desde hoxe mesmo unha praza da cidade de Ourense leva o nome de Praza Coral de Ruada en homenaxe da cidade a esta agrupación centenaria. A praza situada na confluencia da rúa Xoán de Novoa e a Avenida de Bos Aires da capital provincial será a que lucirá o nome deste colectivo que recentemente celebraba os seus cen anos de vida e actividade cultural e que era obxecto dun expediente de honra aberto por acordo dos catro grupos políticos con representación municipal e contando co apoio de 1.800 persoas que se sumaron a esta proposta, igual que numerosas asociacións e entidades culturais. O alcalde, a Corporación e representantes da Coral participaron nos actos que se desenvolveron primeiro no salón de plenos e posteriormente na propia praza. Nesta descubriuse a placa que lle dá o nome da Coral de Ruada "como mostra de recoñecemento e gratitude da nosa cidade a unha das agrupacións máis senlleiras e queridas, a nosa provincia. Unha fonte inesgotable de amor á nosa música, á cultura galega e as nosas tradicións, embaixadora da nosa terra en todo o mundo, sinal identitario e sementadora de paixón por Ourense e de paixón por Galicia", sinalou o alcalde.