Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Guadi Galego mergúllase de cheo na liberdade musical con 'Immersión'

O NOVO TRABALLO EN SOLITARIO DA CEDEIRENSE é UNHA OBRA DE DIVERSIDADES ESTILíSTICAS E LINGüíSTICAS

Guadi Galego mergúllase de cheo na liberdade musical con 'Immersión'

POP | outubro 25, 2019

Immersion_Guadi.jpg

A estas alturas a ninguén pode sorprender que as propostas de Guadi Galego veñan desmontar prexuízos musicais. Desde que deixou Berrogüetto Galego amosouse disposta a gozar en liberdade da súa relación coa música máis alá do folk, sen excluílo, explorando todos os rexistros que a súa inspiración solicitase. Así o demostrou tanto nos seus proxectos compartidos como Nordestinas ou aCadaCanto como nos seus tres álbums en solitario Benzón (Músicas de salitre, 2009), Lúas de Outubro e Agosto (Boa Música, 2014) e O mundo está parado (Boa Música, 2016), disco este último co que ademais se aventurou nunha xira curta pero ambiciosa na súa proposta que fixo chegar a súa música a outras comunidades autónomas. O novo traballo Immersión (Altafonte, 2019) presentado en formato libro_CD e cuns poucos vinilos, ten moitas conexións co anterior e con todo o que esa xira representou de apertura a outras sensibilidades pero tamén hai temas da súa anterior discografía reinterpretados ou case reconstruídos. O resultado é unha construción musical chea de diversidade, moi persoal e clara e, polo tanto, perfecta en si mesma, que transita con naturalidade e sensibilidade entre as diversas linguas peninsulares que están presentes no disco do mesmo xeito que o fai entre o pop, o jazz, a canción de autor e o folk.



Immersión son once temas xa editados e un tema inédito, Balada de Verán, cantado con Leandro Aristimuño o do que se inclúe versión en galego e en castelán. Guadi recupera en grande parte ese repertorio do seu anterior traballo e úsao para acabar de derrubar muros de todo tipo. Guadi mergúllase en si mesma deixando atrás calquera molde que se lle puidese querer impor. Aquí fai boa unha das estrofas dese Cedeira, que recupera para compartir con Iván Ferreiro, cando di: "pensar que ser libre é ser máis". Immersión é definitivamente moito máis polo libre que é, tanto nos arranxos e estilos como nesa amplitude de miras no uso de outras linguas da península. O occitano-aranés, o catalán, éuscaro, castelán, o portugués, o bable e evidentemente o galego campan ás súas anchas polos temas na voz da propia Guadi e dunha multitude de colaboracións de altura. Álex Ínsua, Judit Neddermann, Clara Peya, Vega, Iván Ferreiro, Silvia Quesada, Alidé Sans, Lisandro Aristimuño, Mikel Urdangarín, Andrés Suárez, Ana Bacalhau, Sisters In The House e Xabier Díaz achegan cadansúa colaboración. O traballo estrearase en directo o vindeiro día 15 de novembro na Sala Capitol de Santiago e xa hai datas para vela en outras localidades incluída a súa Cedeira natal. Ademais hoxe mesmo comezará en Santiago na tenda Trisquel unha serie de encontros da artista co seu público que a levarán mañá a Vigo á Libraría Cartabón e o vindeiro día 8 de novembro á Fnac da Coruña.





datos do disco