Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Guadi Galego premiada como exemplo da realidade plurilingüe do Estado
Guadi Galego premiada como exemplo da realidade plurilingüe do Estado
novembro 21, 2019
A Comisión de Seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística no que participan os gobernos de Euskadi, Galicia, Cataluña, Navarra, Illas Baleares e Comunidade Valenciana reunida onte no Arquivo Histórico de Euskadi para a a súa reunión ordinaria anual decidiu a concesión do Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado a Guadi Galego, polo seu último traballo Inmersión, no que recolle pezas cantadas en sete linguas da Península Ibérica (galego, éuscaro, catalán, aranés, asturiano, portugués e castelán). No mesmo acto, os representantes autonómicos fixeron pública a Declaración de Bilbao, na que recordaron que "comparten a perspectiva de multilingüismo, respecto mutuo e acción decidida en favor das linguas en situación de maior debilidade". O texto pide ao Goberno estatal "dar pasos efectivos para incorporar na súa axenda política un plan eficaz orientado ao cumprimento dos deberes que a Administración do Estado ten para coas linguas oficiais diferentes ao castelán" sobre a base "do acordo e a convivencia lingüística".
Outros temas tratados na reunión foron o próximo informe de seguimento da aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, a habilitación directa de tradutores xurados ou as solicitudes de tradución ao Ministerio de Política Territorial e Oficina das Linguas do Goberno español; a Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD, nas súas siglas en inglés), na que participan conxuntamente; a posibilidade de deseñar e implementar proxectos conxuntos no marco do Plan de impulso das tecnoloxías da linguaxe e outros proxectos europeos; a solicitude ao Ministerio de Educación e Ciencia para que se contemplen las linguas oficiais nos Premios Arquímedes. Ao encontro asistiu, en representación do goberno galego, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.