Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Os Carunchos presentan o seu cuarto disco na Feira dos Maios de Vigo

Xénero: Folk | 8 / 5 / 2009 + VIDEO

not_14657.jpg

O domingo día 10 de maio as 19 horas, na Praza da Constitución do Casco Vello de Vigo, terá lugar a presentación en directo do cuarto disco dos Carunchos En galego (PAI, 2009), como parte do programa de actividades organizado pola Asociación de Veciños do Casco Vello de Vigo co gallo da celebración da XXVII Festa dos Maios. Despois de xirar varios anos con Montealegre (PAI, 2005), co que festexaron o seu décimo aniversario e no que introduciron novos instrumentos, agora reaparecen con este disco gravado na Casa de Tolos que arrastra a bagaxe acumulada pola banda sobre os escenarios en todo este tempo. Como adianto pode verse na rede e a través da canle de TV de PAI Música o videoclip do tema Galicia deste novo traballo.

Fanny + Alexander adapta textos de poetas galegos no seu novo traballo

Xénero: Pop | 7 / 5 / 2009 + AUDIO + VIDEO

not_14644.jpg

Xa está na rúa (e na rede) o terceiro disco do dúo compostelán Fanny + Alexander. Seguindo na súa liña pop, Alfaias achega once temas que van do electrónico ao acústico e que contan con letras dalgunhas das máis destacadas voces da poética galega actual. Mario Regueira, Emma Couceiro, Yolanda Castaño ou Daniel Salgado son algúns dos autores que se integran no proxecto. En canto a son, o disco conta coas colaboracións de Martin Wu de The Homens, Carlos Valcárcel de Projecto Mourente ou Alex Charlón de Ataque Escampe. Alfaias está editado baixo licenza Creative Commons e pode descargarse de balde no web A Regueifa Plataforma ou adquirise neste mesmo web e en tendas.

O Imaxina Sons cumpre cinco anos achegando o jazz ao público vigués

Xénero: Jazz/Blues | 5 / 5 / 2009

imaxe non dispoñible

Naceu co obxectivo de amosar o jazz europeo, incluíndo nesta etiqueta o que se facía en Galicia. Pero non hai máis que botarlle unha ollada ao programa para ver que a quinta edición do Imaxina Sons presta atención ao jazz de todas as procedencias (Europa, América e Galicia) e todas as xeracións. O certame que organiza o concello de Vigo pretende, nesta edición de consolidación, captar a atención da crítica especializada e facerse un oco entre os eventos relevantes de jazz no Estado. Pero todo iso sen esquecer á cidadanía. A sala de concertos de Caixanova, clubes da cidade, as rúas, o MARCO, o Conservatorio... a cidade enteira será escenario, do 25 de xuño ao 5 de xullo, de conferencias, concertos, master-class, mesas redondas para exhibir o mellor jazz do momento.

O IGAEM multiplicou as funcións nos últimos anos

Xénero: Miscelánea | 30 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

A traballo do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais medrou nos últimos anos. Segundo revelan dos datos do Anuario de Estatísticas Culturais do Observatorio da Cultura, o número de funcións programadas por este organismo no noso país medrou de xeito continuado entre 2005 e 2007, tanto en danza (de 29 a 73 funcións) coma en teatro (466 a 703) ou en maxia (19 a 72). No entanto é na música onde se detecta un maior incremento, tanto no número de actuacións como no orzamento, que pasaron respectivamente de 38 a 791 concertos e de 115.254 euros a 440.836. Estes incrementos nas artes escénicas en xeral están vencellados, segundo o Observatorio, aos circuítos dedicados as artes escénicas que puxo en marcha o anterior goberno da Xunta de galicia.

¿Malos tempos para a lírica?

Xénero: Coral | 27 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

Teñen feito xiras mundiais dignas dos Rolling Stones e levan ben máis tempo ca eles en activo (aínda que semelle imposible). A Coral De Ruada celebra neste 2009 o seu noventa aniversario en plena forma e, canda a ela, outras tres históricas formacións manteñen en activo o espírito de recuperación de música popular do comezo do século XX. Botamos un ollo na actualidade das corais galegas.

A Real Academia de Belas Artes homenaxea a Milladoiro

Xénero: Folk | 23 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

A coincidir cos trinta anos do nacemento de Milladoiro, a Real Academia de Belas Artes Nuestra Señora del Rosario, da Coruña fará este sábado un acto de homenaxe a este grupo. A institución quere destacar así o traballo a prol da recuperación e da reinterpretación da música tradicional que desenvolveu a formación ao longo das últimas tres décadas. O acto desenvolverase na sede da Academia na Praza do Pintor Sotomayor o vindeiro sábado 25 de abril a partir das sete e media da tarde.

Ghaita de pedra presenta Nekiño, o seu primeiro álbum

Xénero: Folk | 22 / 4 / 2009

not_14550.jpg

Nekiño é o título do primeiro álbum do grupo folk lucense Ghaita de pedra. O disco autoeditado preséntase ao público cun concerto gratuíto o vindeiro vinte e cinco de abril. Será a partir das oito e media da tarde no auditorio Gustavo Freire de Lugo, e contará coa presenza de convidados coma Anxo Pintos, Begoña Riobó, Julio Abal ou Iván Costa. O grupo, fundado en 2001, está formado por José Varela, Lourdes Armesto, Pablo Condo, Luis Rodil e Xavi Fernández, e nas súas cancións reinterpretan temas tradicionais con influencias das músicas irlandesa e do leste de Europa.

A Coral de Ruada celebra noventa anos cun feixe de iniciativas

Xénero: Coral | 21 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

O 24 de xuño de 1919 nacía en Ourense a histórica Coral de Ruada. A formación celebra agora os seus noventa anos cun bo feixe de actividades que se desenvolverán ao longo de todo o ano da man da discográfica Ouvirmos. Por unha banda, o selo reeditará o libro que recolle a viaxe que o coro fixo por Andalucía en 1927 e recuperará as primeiras gravacións da formación nun disco conmemorativo. En setembro, o edificio Simeón de Ourense acollerá unha mostra na que se poderá contemplar o traballo gráfico de diferentes creadores arredor de Ruada, así coma un documental sobre a traxectoria do grupo e diferentes contidos didácticos. Visitas guiadas e mais a celebración do III Certame Internacional de Coros De Ruada no mes de xuño completan o programa previsto.

Especializarse para sobrevivir

Xénero: Miscelánea | 21 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

Eran os lugares por excelencia para adquirir música, pero en cousa dunha década, practicamente a metade das tendas de música de Galicia desapareceron. Entre as que resisten, atopamos unha boa cantidade de establecementos veteráns, que en moitos casos atopan na especialización o xeito de se manter con vida. Analizamos canda a eles a situación e as perspectivas dun sector que pode ser exemplo para outro tipo de comercios culturais.

Versos con ondas

Xénero: Miscelánea | 20 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

A poesía toma o aire. Nas últimas semanas saíron á rúa tres obras de moi distinto carácter nas que se integra a lírica coa música. O último poemario dun autor consagrado coma Manolo Rivas comparte espazo nos andeis co debut neste campo da betanceira Gabriela Rodríguez. Canda a eles, Ouvirmos inclúe, na Fotobiografía Sonora de Avilés de Taramancos as versións musicadas que de poemas deste autor fixo Rodrigo Romaní. Tres aproximacións diferentes ao fenómeno dos versos con ondas.

<< Inicio / Anterior . 1051 a 1060 de 1407 . Seguinte \ Fin >>