Versos con ondas
abril 20, 2009
A poesía toma o aire. Nas últimas semanas saíron á rúa tres obras de moi distinto carácter nas que se integra a lírica coa música. O último poemario dun autor consagrado coma Manolo Rivas comparte espazo nos andeis co debut neste campo da betanceira Gabriela Rodríguez. Canda a eles, Ouvirmos inclúe, na Fotobiografía Sonora de Avilés de Taramancos as versións musicadas que de poemas deste autor fixo Rodrigo Romaní. Tres aproximacións diferentes ao fenómeno dos versos con ondas.
A idea de asociar versos de música está, como é sabido, na base do canto. No entanto, o feito de distribuír en forma sonora poemas pensados no seu comezo para a lectura supón un xeito particular de reconciliación entre as dúas formas artísticas.
Desde a perspectiva do autor, Manolo Rivas é un firme defensor desta fusión, e se xa na súa antoloxía O pobo da noite un CD recollía a súa voz a recitar con acompañamento sonoro, A desaparición da neve, obra que presentaba a semana pasada, afonda neste camiño con música de Pulpiño Viascón e de César Morán. Segundo explica o autor, “para min incluír un CD no libro non é algo que se pon para que luza máis, senón que é parte constitutiva da obra. Son os poemas no ar, a se mover sobre as ondas da música”.
Audios de A desaparición da neve
1. A enigmática organización
2. Unha chamada perdida
Fonte: Manuel Rivas
A orixe da poesía
Nese sentido, Rivas reivindica a poesía recitada coma un retorno ás orixes desta arte. “Penso que iso, lonxe de ser algo novo ou experimental, o que fai é levarnos ás mesmas orixes da poesía, aos tempos nos que estaba nas rúas, nas tabernas e no espazo público das mans dos trobeiros e dos xograres. É algo que se daba en xeral en moitas partes, e especialmente na nosa tradición. Nese sentido trátase de reconstruír a poesía, para min o CD é unha parte carnal do libro de poemas. O interesante é que os medios técnicos de hoxe permítennos a viaxe íntima de ler un libro de poemas en soidade e tamén a posibilidade de viaxar cara a fóra e experimentar a dimensión comunitaria da poesía”. Precisamente as posibilidades que achegan as novas tecnoloxías á distribución deste tipo de contidos faille albiscar a este autor un futuro de fusións entre a poesía e outras artes. “No eido da cultura fanse determinados compartimentos. O teatro contemporáneo racha moito con isto, empregando música, poesía ou recursos audiovisuais. E penso que cada vez iremos máis nese sentido de crear espazos e enchelos. En definitiva a literatura é unha loita contra o baleiro, trátase de encher de verbas”.
A música alén do autor
No entanto, aínda que son moitas ocasións nas que é o autor quen aposta por esta aproximación entre xéneros, hai casos nos que a fusión se fai dun xeito alleo a el. Foi o caso do poemario Elemental, debut da betanceira Gabriela Rodríguez. A discográfica Mandeo Récords, tamén da zona, decidiu apostar por estes textos e encargouse facer unha curiosa versión sonora na que contou coa colaboración dalgúns dos máis recoñecidos dobradores do país. “A nós gústanos colaborar para dar a coñecer novos creadores, o libro pareceunos moi bo e propuxémoslle a Gabriela convertilo nun audiolibro. A condición era que ela non podía saber nada da produción ata que estivese rematada”, explica Daniel López, responsable do proxecto. “Nós interpretamos o que quería transmitir, fixemos música e buscamos a voz máis axeitada a cada caso”.
Voces alleas e efectos sonoros
A versión sonora de Elemental é unha serie de once poemas a cargo doutras tantas voces, acompañados de música e mais, curiosamente, de efectos sonoros. “Contactamos con locutores de dobraxe que toda a xente está a acostumada a escoitar en publicidade ou en cine e mais con músicos e complementamos os textos con ambientes sonoros. Isto ven a conto porque o libro fai moita referencia aos elementos da natureza. O resultado final é moi sorprendente, é a primeira vez que se poden atopar xuntos todo estes nomes nunha única produción”. Aínda máis sorprendente resulta saber que todos os participantes no proxecto colaboraron de xeito totalmente desinteresado e en moitos casos era a primeira vez que prestaban voz a poemas. “Santiago Fernández, por exemplo, xa estaba acostumado a recitar porque se dedica desde hai moitos anos ao teatro. A outros coma Jorge Ricoy, que lle pon a voz a Deus en filmes coma Os dez mandamentos chocoulles moito participar nun disco así, en xeral quedaron todos moi sorprendidos”, explica López.
Difundir as letras polo ar
A nivel do estudio de gravación “a experiencia resultou moi enriquecedora e gratificante, foi un traballo que coidamos moito e levou moito tempo”. Pola banda da autora, segundo explica López, “quedou moi sorprendida. Dicía que se xa lle impresionaba que saíse á luz algo que escribira, aínda máis o feito de que outra persoa o recitase e que saíse xusto o que ela pretendía transmitir. Conseguimos, saltando un paso, que o que ela escribiu sexa o que chega agora ao público no disco”, completa. O traballo, que está a chegar estes días ás tendas da man de Lonxa Cultural, xa deu pé a que en Mandeo Récords estean a pensar e novos lanzamentos que entrecrucen son e literatura. “Funciona moi ben á hora de difundir a literatura. Nunha charla que demos nun colexio de Curtis, puxemos os poemas e todos os rapaces, desde os pequenos ata os de dezaseis anos, quedaron todos escoitando atentamente, e todo o mundo quixo despois escribir poesía”.
Audios de Elemental
1. Lume Eterno (Voz de Jorge Ricoy)
2. In-Vento (Voz de Beatriz Bravo)
Fonte: Mandeo Récords
A perspectiva do músico
Rodrigo Romaní foi o responsable de achegarlle música aos poemas de Avilés de Taramancos que fan parte da Fotobiografía sonora que sobre este poeta, xa falecido, acaba de publicar Ouvirmos. Segundo explica este músico “os temas son en realidade a reedición dunha gravación de 2003 que se fixo con moitvo do Día das Letras dedicado a Avilés”. Aquel disco “foi unha iniciativa miña para o homenaxear, unha especie de tributo no sentido en que, se ben eramos amigos, eu non tiña a medida exacta da súa categoría poética, tiveron que pasar anos ata que me decatei de que era un monstro da literatura”. Romaní atopouse entón co reto de traballar sobre os textos dun coñecido que, para máis, estaba ausente. “Musicar poesía e algo tremendamente complicado, resulta moi distinta a letra dunha canción do que un poema para musicar. Non sabes se estás desfigurando a visión do autor. Cando está vivo pode transmitirche a súa interpretación, e noutras experiencias neste campo contei coa colaboración dos propios poetas, pero cando está morto non hai xeito. Por outra parte, resulta difícil atoparlle a musicalidade ao texto e traducilo en ritmo e notas. Neste caso en concreto contaba cunha fonte de inspiración clara que era a mestizaxe presente en Avilés”.
A importancia musical
Romaní tamén coincide coas posibilidades de difusión que lle achega o son ao texto poético. “A música, desde o comezo da historia, faise para lembrar cousas que sen ela entrarían dun xeito máis difícil. Desde os salmos da Biblia ata os rezos budistas ou coránicos, os ritmos serven para meter cousas na cabeza, e extrapolando iso podemos dicir que a música con texto chega a moita máis xente que o texto só. É unha vía de divulgación máis fácil, e por iso tamén lles gusta a moitos poetas”.
Audios: Avilés de Taramancos:Fotobiografía sonora
1. Chachauí
2. O Piano
Fonte: Rodrigo Romaní
Obviamente, os casos sinalados non son máis que unha mostra pequena dunha tendencia que se está a afianzar nos últimos anos no noso país. E é que a colaboración entre músicos e poetas está moi viva, e as novas tecnoloxías permiten a sinxela difusión de proxectos que noutros tempos poderían ter difícil saída no mercado editorial. Só no web de A Regueifa, atopamos, por exemplo, a versión do poemario Berlín que fixo María Lado co dúo Fanny e Alexandre, ou o ZOOMMM textos biónicos de Estíbaliz Espinosa. De xeito semellante, distintas propostas fusionan versos con video, fotografía ou outras artes. ¿Será mestizo o futuro dos versos?