A Coral de Ruada celebra noventa anos cun feixe de iniciativas
abril 21, 2009
O 24 de xuño de 1919 nacía en Ourense a histórica Coral de Ruada. A formación celebra agora os seus noventa anos cun bo feixe de actividades que se desenvolverán ao longo de todo o ano da man da discográfica Ouvirmos. Por unha banda, o selo reeditará o libro que recolle a viaxe que o coro fixo por Andalucía en 1927 e recuperará as primeiras gravacións da formación nun disco conmemorativo. En setembro, o edificio Simeón de Ourense acollerá unha mostra na que se poderá contemplar o traballo gráfico de diferentes creadores arredor de Ruada, así coma un documental sobre a traxectoria do grupo e diferentes contidos didácticos. Visitas guiadas e mais a celebración do III Certame Internacional de Coros De Ruada no mes de xuño completan o programa previsto.