Especializarse para sobrevivir
abril 21, 2009
Eran os lugares por excelencia para adquirir música, pero en cousa dunha década, practicamente a metade das tendas de música de Galicia desapareceron. Entre as que resisten, atopamos unha boa cantidade de establecementos veteráns, que en moitos casos atopan na especialización o xeito de se manter con vida. Analizamos canda a eles a situación e as perspectivas dun sector que pode ser exemplo para outro tipo de comercios culturais.
Se consideramos discos, libros e videos ou DVDs coma principais produtos culturais de venda directa, podemos observar que existen certos paralelismos en como está a evoluír o xeito en que os adquirimos. Nos tres casos atopámonos con que, en maior ou en menor medida, as tendas especializadas de calquera destes ámbitos están en crise, coas grandes superficies e mais Internet e as novas tecnoloxías coma rivais. Quizais dos tres casos sexan as tendas de discos as que sufriron, xa desde hai tempo, a reconversión máis importante no noso país. De seren practicamente o único punto no que se podía adquirir música enlatada, na actualidade semellan reconverterse en lugares para público especializado. Edicións especiais, vinilos e atención personalizada semella que son as armas para se labrar un futuro neste campo.
Grandes superficies
O pasado sábado Peggy Récords celebraba en Ourense o seu vinte aniversario, a coincidir do Record Store Day, unha celebración estadounidense que lembra a importancia das tendas de discos.
Segundo recoñece Carlos Álvarez, responsable do establecemento, “de cinco anos para acó, que máis ou menos é cando comezou a irrupción de Internet e a venda ilegal de CDs, o impacto foi brutal no noso negocio”. Ás novas tecnoloxías, desde Peggy Records engaden unha certa importancia da implantación de grandes superficies nas mudanzas do mercado. “Antes había un espazo importante para os supervendas nas tendas pequenas que agora xa non hai, e iso notárono establecementos que se dedicaban a vender eses discos”, explica. “No entanto, as grandes superficies non poden acabar cos establecementos especializados, por definición”. De xeito semellante, desde outra veterá, Elepé de Vigo (nada en 1979) Jesús Hidalgo explica que “hoxe hai moitos tipos de ocio, antes a música tiña máis importancia nese sentido e vendíanse moitos discos. Hai quince ou vinte anos non había nin DVDs, nin videoxogos nin teléfonos móbiles”. Encol das grandes superficies advirte que “agora mesmo apenas teñen discos. En xeral reduciron moito o espazo para música a prol dos DVDs, e supoño que en breve tamén lle quitarán espazo a estes para llo dar aos videoxogos”.
As que resisten
Dun xeito ou doutro, non hai dúbida de que o sector non pasa polo seu mellor momento. “Xa fecharon un lote de tendas”, explica Hidalgo. “Sobreviven as que están xestionadas por xente moi profesional que sabe continuar co negocio, pero mesmo nesas tendas, se antes traballaban cinco persoas, agora hai dúas, pero iso é tamén parte da crise do pequeno comercio en xeral”. Do mesmo xeito, Álvarez olla que “se cando abrimos podía haber cinco tendas deste tipo en Ourense, hoxe só quedamos nós”. A nivel galego, estímase que a metade das tendas deste sector desapareceron entre 2000 e 2007. Entre as que sobreviven, contémplase unha ampla veteranía, con locais coma M4 de Ferrol, fundada en 1972, Discovery da Coruña, do 85, ou Fans (Compostela) e Portobello (A Coruña) que superan o cuarto de século.
Especialización e consello
Dentro das posibles estratexias para superar os problemas do sector, en Peggy Récords adoptaron unha dupla vía de especialización e de ampliación do negocio. “Sacrificamos unha mellor ubicación comercial por un local máis grande, e incluímos unha sección de DVDs de segunda man e dedicámonos tamén a compra e venda. Pensamos que hoxe en día o amante do cine e da música sabe que ten que buscar unha tenda máis grande e máis afastada”. En Elepé, pola súa banda, teñen claro tamén que o servizo ao cliente que se oferta neste tipo de establecementos é unha importante baza a xogar para garantir o seu futuro. “Nós traemos música de todo o mundo e podemos conseguir calquera cousa, non hai problema ningún neste sentido”, explica Hidalgo. “As tendas de música son coma as librarías, as máis pequenas son as auténticas. Agora nas grandes poden ter trinta e cinco mil ou cincuenta mil libros, pero é moi posible que xusto o que ti queiras non o teñan”. Na mesma liña, Álvarez apunta que a clientela tamén se adaptou a este rol das tendas. “Antes era habitual que entrase alguén pedindo un disco de música comercial de calquera tipo, hoxe esa xente é unha minoría da que pasa pola tenda. Precisamente ese produto é o máis pirateado ao tempo que o máis caduco”.
Catálogo e vinilos
Como alternativa a ese tipo de sons, Álvarez sinala que “hoxe en día unha tenda ten que procurar unha selección musical moi boa para que aos clientes lles interese. Hai moitas edicións a bo prezo, e as novidades edítanse cada vez máis en vinilo”. Curiosamente este formato, considerado obsoleto desde mediados dos noventa, vive nos últimos anos un repunte de vendas. “Os vinilos poden ser ata un 20% do que vendemos, e debemos pensar que temos como 25.000 unidades en exposición contando tamén CDs e DVDs, senón a porcentaxe sería superior. Recuperouse o gusto por ter a portada en bo tamaño, as letras ou as fotografías do grupo. Este formato pon en valor a música”. Na actualidade, na tenda poden verse arredor de 2.000 ou 2.500 vinilos.
Coleccionistas
Canda a este formato, as edicións de coleccionista de determinados discos son outra saída para estes establecementos. “Funcionan sobre todo en artistas de culto. Nótase cando un destes lanzamentos corresponde co que o cliente demanda, cando se fan mal non funcionan. Por exemplo a edición coleccionista do último álbum de U2 tivo unha venda importantísima, practicamente a metade dos exemplares do disco que vendemos, e iso que custan 50 euros”. Tamén é certo que para conseguir un éxito deste tipo cómpre que a tenda avogue por este tipo de produtos. “Normalmente son edicións limitadas, entón tes que apostar por encargar abondas para poder responder á demanda”. Hidalgo completa o abano de opcións destes establecementos. “O vinilo, os CDs, os DVDs ou as edicións especiais son complementos necesarios. Penso que o camiño é ter discos cun certo currículo a bo prezo, chegar a xente que merca cousas que non colleu no seu momento ou que recuperan obras dos sesenta ou dos setenta. Nós tamén vendemos entradas para concertos, aínda que o único que nos reporta é publicidade”.
Futuros
No que coinciden os vendedores consultados é en que o negocio da música ten moito de vocacional. Para Álvarez, desde Ourense, “Se non se é amante da música non ten sentido estar neste negocio. En relación a outros tes unha marxe de beneficios moi baixa, é moi sacrificado e hai que se reciclar continuamente, estar ao día”, completa. De cara ao futuro, considera que “a vantaxe é que levamos tantos anos en crise que xa estamos vacinados contra elas. É certo que nas cidades pequenas será máis difícil que haxa tendas especializadas, poida que en Vigo e na Coruña resulte máis doado. O que si vexo é que a inquedanza pola música continúa, e paréceme que podemos ter un oco na sociedade”. Pola súa banda, Hidalgo apunta que “polo de agora non me preocupa o futuro. Podía gañar máis, pero polo momento voume mantendo nunha liña estable”. As propostas están aí, haberá que ver se estas estratexias de supervivencia poden axudar a outro tipo de establecementos culturais.