Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
A editorial Dos Acordes recupera o Quintento Monterrey
Xénero:
| 9 / 6 / 2009O Quinteto Monterrey de José Posada: nos xardíns da Tropical é o título do libro-disco que presenta este venres a editora Dos Acordes na Casa da Cultura de Verín ás 20:15 horas. A obra, resultado dunha investigación do músico Óscar Ibáñez, recupera a historia e o son desta formación de música tradicional que desenvolveu a súa actividade na Cuba a partir dos anos trinta. A obra inclúe gravacións de diferentes temas do grupo, textos introdutorios e outra documentación. No día seguinte á presentación, a Praza Xosé García Barbón de Verín acollerá un concerto de homenaxe ao grupo ás 22:30 horas.
Quince anos fiando
Xénero:
| 28 / 5 / 2009A primeira vez que Fía na Roca se subiu a un escenario, facíano coa intención de traballar coa música tradicional galega, dándolle novos aires, achegándoa a todos os públicos. Moitas cousas mudaron desde entón, como os cambios dentro da formación, pero iso non evitou que o seu empeño inicial se mantivera intacto. E o reflexo disto pódese ver Quince maios, o seu último traballo que recolle un concerto gravado o pasado 30 de xuño no Teatro Principal de Santiago.
A evasión vai por dentro
Xénero: VIDEO + AUDIO
| 27 / 5 / 2009 +O grupo compostelán Ataque Escampe presenta estes días o seu novo disco a través da plataforma A Regueifa nunha versión dixital á que seguira nos vindeiros días de xuño unha edición en formato físico que se distribuirá en tendas. A grande evasión ofrece en dezanove temas unha viaxe de fuxida e volta a modo de epopea, con historias que “son coma souvenirs: pequenas e baratas na súa extensión, mais enormes ao nos transportaren ao lugar máis inseguro, capitais a arder de ruído, continentes especiais, espaciais”. Dentro da viaxe á que invita o disco hai tres pequenas pezas instrumentais dedicadas a cada un dos aeroportos galegos. O grupo muda minimamente a súa formación neste disco coa incorporación de Lois, que se ocupa dos teclados, e que substitúe o acordeón de Francesc. A grande Evasión gravouse no Home Studio do Edificio Avante (Santiago de Compostela) durante o mes de marzo e foi mesturado e masterizado en abril de 2009 por Marcos Payno e Tomás Axeitos.
Unha serie de actividades lembrarán este venres os 95 anos do Toxos e Froles
Xénero:
| 27 / 5 / 2009Debutaron nos escenarios do 29 de maio de 1914 e, desde entón, desenvolveron un traballo ininterrompido a prol da cultura galega. O Toxos e Froles cumpre noventa e catro anos este venres e vaino celebrar cunha serie de actos. Comezarán o venres no Concello de Ferrol coa entrega dos premios Letras de Bretaña para Ramón Pernas e as medallas do Reino de Merlín para Darío Villanueva. Canda isto, este mesmo venres terá lugar a tradicional homenaxe aos membros fundadores. Os actos continuarán o vindeiro 12 de xuño coa celebración do festival anual da entidade. Será nese encontro cando se lle concederá o premio “Manuel Lourenzo Barja” a Luis Alonso Girgado.
Roberto Varela anuncia un conservatorio folk en Lalín
Xénero:
| 25 / 5 / 2009O traslado do equipo do Conservatorio Folque de Lalín para a Central Folque de Santiago de Compostela deixara a capital dezana sen o seu centro de ensino de música tradicional. No entanto, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, anunciou este sábado a apertura dun novo espazo dedicado á formación neste ámbito en Lalín. A intención de Varela é "convertir este pobo no centro de referencia de Galicia en música" atendendo á solicitude que o rexedor local, Xosé Crespo, lle fixera neste sentido. Do mesmo xeito, Varela garantiu apoio para outras iniciativas locais coma a banda de música, a declaración do Pazo de Liñares coma Ben de Interese Cultural ou a creación dun centro dedicado ás artes visuais.
Con Benzón Guadi Galego presenta o seu disco máis conceptual e universal
Xénero: AUDIO + IMAXES
| 20 / 5 / 2009 +Acompañada por Guillermo Fernández e Uxía, Guadi Galego presentou hoxe o seu novo disco Benzón (Músicas de Salitre, 2009) en Compostela, nun acto que congregou a numerosos informadores e a outros músicos que participan no disco. De feito son vinte e cinco os colaboradores para os trece temas de Benzón, xa que Guadi encargou arranxos, letras e músicas numerosos compañeiros da escena musical actual entre os que están Fran Pérez “Narf”, Xavier Díaz, Abe Rábade, Quim Fariña, Xacobe Martínez Antelo, o grupo Leilía, Germán Díaz e outros moitos. Grazas a todas estas achegas presenta unha ampla variedade de estilos entre o tradicional, o pop e o jazz, nun percorrido cuxa unidade pasa pola voz da propia Guadi nun “discurso musical, que transcorre sen sobresaltos pasando por distintos tons, climas e ambientes” en palabras de Guillermo Fernández e que constitúe un dos principais atractivos do disco. Esta gran cantidade de achegas e a imposibilidade práctica de xuntalos nun escenario fan que Guadi Galego afirme que este disco non vai ser levado ao directo, deixándoo nun “disco moi conceptual” e con vocación universal que se ilustra cunhas fotografías de ceos de Galicia -unha por canción- obra de Karlos Abal, que expresan esa vocación xa que “como a música, os ceos non teñen fronteiras”, expresou Guadi . O disco xa está á venda desde hoxe distribuído pola Lonxa Cultural.
Acordeóns da emigración
Xénero: AUDIO
| 19 / 5 / 2009 +Foron os primeiros acordeonistas do noso país en facer gravacións deste instrumento. Triunfaron en Sudamérica a interpretar tangos, fox-trots ou polcas. Agora, o dúo Hermanos Moreira soa en dixital da man de Ouvirmos, que dedica a este conxunto o último número da súa colección A Tiracolo co título Acordeón Mariñeiro. Ademais do conxunto das gravacións que se conservan do grupo, o proxecto achega obras ata o de agora inéditas, cun total de 36 pezas. Ao tempo, un completo estudo afonda na carreira deste singular grupo.
O portal Ghastas Pista? celebra 10 anos de existencia
Xénero:
| 18 / 5 / 2009A web Ghastas Pista? centrada principalmente na música folk e tradicional celebra tal día como hoxe o seu décimo aniversario. Unha duración bastante sorprendente para a meirande parte dos proxectos en Internet e máis se, tomando en consideración as declaracións da súa responsable Raquel González Gamallo, comezou a facela pensando que sería "algo temporal”. Dun deseño austero e sinxelo, acorde coa súa característica non profesional o portal dá conta de producións discográficas actuais ou descatalogadas, centrándose principalmente no folk pero achegándose a outros estilos fusionados co son de raíz e converténdose nun referente da música tradicional na rede . Na súa nova etapa Ghastas Pista? pretende dar un paso máis alá e artellar unha rede social dentro do portal, arredor da música galega. Non é o único aniversario de hoxe xa que a empresa de servizos culturais Nonsí? que representa a artistas como Nani García, Fuxan os Ventos, Malvela ou Ophiusa celebra dous anos en activo.
Sae Aries imperfecto primeiro disco en solitario de Eva Carreras
Xénero: IMAXES
| 14 / 5 / 2009 +A viguesa Eva Carreras acadou fama e recoñecemento tras participar na quinta edición de Operación Triunfo na que entrou pasando un casting no que cantou xunto á súa nai a canción <í>Fía na Roca . Esta mesma canción inclúese agora no disco. Aries imperfecto editado polo selo ourensán Zouma Records en no que Eva Carreras transcende do seu paso por OT buscando un repertorio de temas de nova composición xunto a clásicos da música pop escollidos á súa medida, en total 12 temas cantados en galego, castelán e mesmo portugués nos que busca demostrar a súa capacidade artística e o seu estilo persoal. A través da páxina web de Zouma Records. A artista está tamén preparando a súa participación o vindeiro 12 de setembro no espectáculo de música e danza en vivo "O camiño" onde, xunto a un grande elenco de artistas, representa a historia dun peregrino cara Santiago de Compostela.
Primeiro disco do Xacobe Martínez Antelo Trío xa á venda
Xénero:
| 13 / 5 / 2009O Xacobe Martínez Antelo Trío é o segundo proxecto baixo o nome deste contrabaixista compostelán que tamén ostenta a titularidade dun quinteto e participa doutros proxectos musicais como U-lo Trío ou Sumrrá. O trío preséntase agora no mercado discográfico cunha gravación homónima do grupo e na que o contrabaixista, xunto ao saxofonista Pablo Castaño e o batería Max Gómez ofrecen nove cortes de jazz contemporáneo do seu repertorio orixinal. O disco Xacobe Martínez Antelo Trío está editado baixo o selo pontevedrés Free Code Jazz Records e xa pode mercarse na rede.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca