Ir ao contido directamente.


Noticias

O TradFest mantén o seu sitio nas festas do Apóstolo e multiplica os seus espazos

Xénero: Folk | 20 / 7 / 2020

imaxe non dispoñible

O pasado ano nacía o TradFest en Santiago, unha cita co folk en todas as súas expresións que entraba dentro do marco das festas do Apóstolo da capital galega con ánimo de continuidade, e dese xeito está tamén presente este ano cun día enteiro de programación o vindeiro 26 de xullo. Neste 2020 é unha edición adaptada á situación sanitaria sen renunciar a facer a festa incluíndo de novo música, canto, baile, cursos, feira, etc. Un escaparate das tradicións renovadas que nesta ocasión comprenderá dous enclaves da cidade: a Praza da Quintana cos concertos de encerramento e o Parque de Bonaval, onde se estenderá por tres espazos do parque a propia igrexa de San Domingos separando as actividades por formatos en cada un dos lugares. A nivel musical pasarán por Bonaval Barahunda, Zeltia Irevire, é Romance, Laura Lamontagne, Candorka, Porcoteixos e Anxo Lorenzo entre outros. O grupos de bailes serán Bouba, Altalaplana, Os Monifates e Cobos & Prieto darán cursos durante a xornada. Tamén haberá unha mostra de instrumentos e un mercado de libros e discos en Bonaval. As rúas da cidade estará durante o TrdFest animadas por catro ruadas e na Praza da Quintana estará a Banda Municipal de Música cun repertorio de título “De Tradición con Suso Vaamonde” e pecharán alí a xornada de TradFest ás 22:00 horas Tanxugueiras. O TradFest está promovido polo xornal La Voz de Galicia e producido desde Nordesía e aCentral Folque .

Haberá festival Noroeste de medida reducida e con homenaxes a Nonito Pereira e Jaime Manso

Xénero: Miscelánea | 17 / 7 / 2020

imaxe non dispoñible

O Noroeste Pop Rock non pisará a praia este verán nin estará nalgunhas das praciñas e rúas onde xa era habitual atopar parte do seu programa. As medidas a tomar pola seguridade sanitaria mudarán bastante a trixésima cuarta edición do festival coruñés en canto aos emprazamentos dos concertos que este ano ao minguar tamén no número destes pasa a denominarse Noroeste XS. A falta dunha confirmación por parte do consistorio municipal a praza de María Pita e a explanada de Riazor están a ser sinaladas pola prensa coruñesa coma os sitios elixidos para celebrar os 44 concertos previstos entre o 4 e o 9 de agosto na cidade herculina. Estes dous escenarios servirán ademais para homenaxear a dúas figuras esenciais do dinamismo musical da cidade, falecidos o pasado ano 2019, Jaime Manso, dono de Discos Portobello e Nonito Pereira, que foi xustamente un dos creadores do festival no ano 1986. No referido ao cartel artístico tamén faltan as confirmacións oficiais pero a prensa local apunta xa o nome de Triángulo de Amor Bizarro entre outros. Coma xa é norma dos tempos os accesos estarán limitados e malia ser gratuítos, os concertos precisarán reserva previa de entrada.

A Sinfónica de Galicia celebrará a súa nova temporada no Coliseum de A Coruña

Xénero: Clásica/Lírica | 14 / 7 / 2020

imaxe non dispoñible

A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) ven de presentar as novidades do seu programa para a temporada 20-21, que son moitas incluíndo un cambio de sede para a súas actuacións que se desprazan desde o Pazo da Ópera ao Coliseum da cidade herculina, grazas á colaboración co Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). O cambio de recinto permitirá garantir a seguridade de profesionais e público coas medidas de distanciamento impostas pola situación sanitaria, así como a programación dun gran repertorio con abundante elenco de solistas e directores. A nivel de programa a OSG terá moi presente a creación galega nesta temporada coa posta en marcha do seu Proxecto2020(21) polo que ata 11 agrupacións de cámara do conxunto orquestral estrearán 20 obras de outros tantos compositores galegos de diferentes xeracións e estilos creativos. O proxecto abarca practicamente todas as tendencias, estéticas e da creación galega actual, desde a referencia ineludible do compositor Rogelio Groba e autores recoñecidos internacionalmente e premiados como Fernando Buide, Eduardo Soutullo ou Wladimir Rosinskij ata as novas voces representadas, entre outros, por Carme Rodríguez, Hugo Gómez-Chao ou Sofía Oriana, cunha especial mención ao recentemente falecido compositor e crítico musical Julio Andrade. Ademais a OSG estreará Donna nobis pacem de Juan Durán.

O Festival de Pardiñas muda o seu formato e pasa a ser un ciclo cultural

Xénero: Folk | 14 / 7 / 2020

imaxe non dispoñible

Pendente aínda de anunciar programa, a Asociación Xermolos adiantaba onte nas súas redes sociais o novo formato co que o Festival de Pardiñas se adaptará á crise sanitaria. Segundo explica o colectivo, a XLI xeira deste evento vaise desenvolver "nun novo formato de acordo co seu título de Feira e Festa da Música e das Artes, tendo en conta as medidas de seguridade vixentes, convencidos da necesidade de manter viva a nosa cultura e música mesmo nos tempos máis arrriscados". Deste xeito, a actividade distribuirase ao longo das fins de semana do mes de agosto por diferentes espazos do Concello de Guitiriz, ao xeito dun ciclo cultural que abrangue música, audiovisual ou literatura.

Pálida lanza un novo disco de 45 minutos con dous temas

Xénero: Electrónica | 13 / 7 / 2020

palida_effects.jpg

Malia ter só dous temas o novo lanzamento de Pálida, Effects Of Sunlight (La Melona, 2020) non pode considerarse un EP, xa que entre ambos cortes, Reflection e Refraction, chegamos case aos 45 minutos de música. O artista José Garnelo "Nelo", recoñece que o disco non que “a día de hoxe” non se ve representado de todo xa que os temas foron composto a medidados de 2017 e foron atrasando o seu lanzamento por diversas causasm o que colocaría realmente este traballo entre os seus discos The Clutch (2016, La Melona) e Shönen Kingdom (2018, La Melona). Do seu novo disco Garnelo opina que é un traballo "interesante" que cre que merece a pena malia que el é moi crítico co seu propio traballo e considérao sen tapuxos "xuvenil, pouco intelixente e demasiado obvio", pero para el sacalo da gaveta e publicalo fai que quede libre o camiño "para o que estou a preparar a continuación", comenta nas súas redes sociais. Xavier Núñez realizou o masteringe Marcos Clavero é o autor das imaxes que acompañan o disco. O traballo xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. Os máis de 19 minutos de Reflection e os case 25 de Refraction manteñen eses elementos mesmerizantes do Trance que xa víamos no seu traballo de 2016, con pasaxes moi bailables e outros máis introspectivos outorgándolle, grazas a esa longa duración dos temas unhas características moi experenciais á escoita.

A agrupación Cántigas e Frores é galardoada co XIII Premio Opinión Andaina Senlleira

Xénero: Folk | 13 / 7 / 2020

imaxe non dispoñible

O XIII Premio Opinión Andaina Senlleira, que se outorga no marco dos Premios Opinión de Música de Raíz, ten xa nome. A organización dos galardóns acordou recoñecer neste ano a histórica agrupación lucense Cántigas e Frores como "un referente musical" do país. Nada en 1948 a integrar as agrupacións Frores e Silveiras e Cantigas e Aturuxos, a entidade mantén unha escola de música e baile tradicional con preto de 300 persoas inscritas en grupos de gaita, percusión, baile, canto tradicional, acordeón, violín, ou zanfona.

O 17° Ribeira Sacra presenta un cartel cheo de música galega e facilita a devolución de abonos

Xénero: Miscelánea | 10 / 7 / 2020

imaxe non dispoñible

O dinamismo que están a coller os pequenos eventos musicais coa ausencia das grandes citas multitudinarias este verán vese claramente no caso do festival 17° Ribeira Sacra que tras facer xa anuncio da celebración da súa cuarta edición entre o 30 de xullo e o 2 de agosto ven de presentar o cartel artístico que será a columna vertebral dun evento que ten ademais outras moitas actividades de ensalzamentos paisaxístico e eno-gastronómico da Ribeira Sacra. Como era de agardar os artistas galegos son maioría este ano no festival. Xoel López e Guadi Galego encabezan un cartel no que tamén están Os amigos dos músicos, os tudenses Best Boy, Laura Lamontaigne & Pico Amperio e desde Compostela os Momboi e Elba. Como artistas foráneos, aínda que moi achegados, estarán no 17° Ribeira Sacra os portugueses Cassete Pirata e repite no festival a cantante e pianista madrileña Elena  Iturrieta, ELE. Considerando o restrinxido da capacidade que este ano vai a haber para coller público a organización do festival, unha vez dado a coñecer hoxe o cartel, ven de abrir un prazo de devolución de abonos, que a día de hoxe están esgotados, para quen non estea contento coa oferta musical ou que por calquera outra razón prefira non asistir. Na busca dun público realmente entregado a disfrutar desta pequena cita na Ribeira Sacra, a organización fai así un movemento case inédito entre este tipo de eventos facilitando unha devolución a poucas semanas do seu comezo. Para os que manteñan o seu abono ofrecen en exclusiva una preventa para a edición do vindeiro ano con desconto.

O festival Sinsal expándese terra adentro co Sinsal Litoral SON EG

Xénero: Miscelánea | 7 / 7 / 2020

imaxe non dispoñible

Ante a dificultade de levar a cabo os eventos tal e como se viñan facendo, polos condicionamentos relativos aos espazos e capacidades, o festival Sinsal, que se celebraba na pequena illa de San Simón explora novos escenarios en 2020 co festival Sinsal Litoral SON Estrella Galicia. Do mércores 22 ao domingo 26 de xullo o festival levará a cabo encontros de pequeno formato ao redor da música, do patrimonio natural e industrial, coas xentes que os habitan e, en todos eles, preto do mar. Mantendo Redondela como centro das actividades o Sinsal Literal Son desenvolverase en escenarios moi diferentes coma o castelo de Soutomaior, a lonxa de Cesantes, o Centro de Interpretación de Meirande, os Astilleros Cardama e o Mosteiro de Oia. Alén da música haberá de novo espazo para os encontros de reflexións, para o audiovisual e para as andainas arredor do patrimonio. Tamén estará presente o festival de novo na Illa de San Simón, pero nun evento moi limitado que consistirá nunha xornada arredor da economía circular en colaboración coa Fundación Paideia Galiza e dirixida a público profesional.

A Deputación de Pontevedra presenta un plan de reactivación cultural

Xénero: Miscelánea | 6 / 7 / 2020

imaxe non dispoñible

Re-Acción Cultural é o nome do programa que presentaba este 3 de xullo a Deputación de Pontevedra para "democratizar a cultura, espallala por todos os recunchos da provincia e, tamén, devolver á xente que a fai posible o refuxio seguro que nos ofreceron a todas e a todos durante os momentos máis duros da pandemia". A presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, presentaba esta iniciativa dotada con 2,5 millóns de euros e que se desenvolverá nos eixes da música, o patrimonio e as rutas xacobeas, as artes escénicas, o audiovisual e o cinema, a escrita e mais as accións para espallar a cultura.

O dúo vigués Yugen Kala debuta con Nothing is original

Xénero: Electrónica | 3 / 7 / 2020

nothing_original_yungen_kala.jpg

Dous irmáns de dezaseis anos compoñen Yugen Kala, a nova proposta de música electrónica que chega desde Vigo. O seu álbum de debut Nothing is original amosa en catorce temas o talento do dúo, unha das tres propostas finalistas na categoría correspondente dos Premios Martín Códax da Música. A fusión de estilos que emprega o grupo, entre ambient, bass ou grime, achega composicións escuras e experimentais, que se foron creando entre 2017 e 2019 e que se remesturaron para achegar unha maior coherencia ao conxunto. Segundo explica a presentación, "nunha clara dialéctica entre máquina e humano, o disco é un torrente de emoción, que transporta constantemente recreacións de imaxes mentais do xeado e escuro ao íntimo e achegado".

<< Inicio / Anterior . 621 a 630 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR