Noticias
O Resurrection Fest XS suma concertos presenciais ao seu programa virtual para este ano
Xénero:
| 12 / 8 / 2020Coa Xunta de Galicia como patrocinador principal ven de presentarse o Resurrection Fest Edición XS de 2020, que se celebrará en Viveiro a xeito de ciclo entre o 21 e o 30 de agosto, engadindo ao programa en liña previsto e anunciado unha parte de concertos ao vivo ante público. Estes concertos terán lugar no recinto habitual do festival con espazo creado especialmente para a ocasión, que estará limitado a un máximo de 800 persoas ante un único escenario e controlado en todo momento, cun período de acceso e acomodación por tramos. Os artistas confirmados para a parte presencial que se desenvolverá entre o 21 e o 30 deste mes son True Mountains, Wasted Wiltons, Lendakaris Muertos, Onza, Angelus Apatrida, Strikebach, Crisix, Brothers Till We Die; Karras Martínez & DJ Llonas e Joni Ramos & Sunday Monday Club. O 29 e 30 é tempo para a parte en liña desta edición; retransmitida en streaming, terá un carácter solidario cos afectados da covid-19. As entradas saen á veneda hoxe mesmo.
O festival Vilablues volve e celebrarase en Noia
Xénero:
| 11 / 8 / 2020Tras deixar Vilagarcía de Arousa, lugar do seu nacemento e celebración durante anos, o festival Vilablues ven de superar un momento incerto e recalar en porto na vila de Noia para celebrar alí a súa edición Vilablues 5.1. Os vindeiros 21, 22 e 23 de agosto o evento celebrarase na vila barbanzá cun cartel que xa se foi confirmando aos poucos desde hai uns días e que inclúe a reputados artistas galegos como SÉS, Adrian Costa Blues Band (& convidados) con figuras do blues nacional e internacional coma Raimundo Amador e a mítica Giselle Jackson & The Shu Shu’s. A xornada inaugural será de balde a cargo dos vigueses Dixie Town e a banda barcelonesa Koko-Jean & The Tonics no recinto principal, que estará no Escenario Mahou no patio do IES San Alberte. Ademais diso o evento estará acompañado nas rúas e prazas de Noia por un ciclo de concertos abertos salpicando toda a vila que reunirá a destacados artistas galegos baixo o título Galicia Blues en sesións vermú e de solpor. En sesión vermú Sabela King & The heartbreakers estarán na Praza do Curro o día 21:; o día 22 estarán actuando a mediodía Mad Martín Trío e no solpor Nastasia Zürcher despedirá o día desde o malecón; o día 23 actuarán Momboi e Mr.Cool.
O programa Danza 3 mantén o seu número de citas na nova edición
Xénero:
| 11 / 8 / 2020Unha actuación da agrupación O Fiadeiro abría este domingo en Mondariz a nova edición do ciclo Danza 3, dedicado ás formas tradicionais da música e das artes do movemento. O programa que promovido pola Consellería de Cultura desenvolverá nesta xeira un total de 12 actuacións, o mesmo que no 2019, ata o mes de novembro. Como é habitual serán as agrupacións Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos, integradas no colectivo XOC as que presenten os seus espectáculos no marco do programa. A vindeira actuación prevista será tamén do Fiadeiro o vindeiro 16 de agosto en Soutomaior.
Botan a andar as accións formativas do Plan de reactivación do sector cultural
Xénero:
| 11 / 8 / 2020A Consellería de Cultura anunciou este 10 de agosto un investimento de 90.000 euros en accións formativas dentro do Plan de reactivación do sector cultural ante a Covid-19. O organismo público asinou cadanseu convenio coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), a Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia (Agatec), a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e mais Escena Galega para desenvolver diferentes programas didácticos que se desenvolverán ao longo do segundo semestre de 2020.
Peche cultural na Coruña coa suspensión do Festival Noroeste e cancelación das festas de María Pita
Xénero:
| 7 / 8 / 2020Ningún dos moitos protocolos de seguridade que están a tomar os eventos culturais puido soster en pé a celebración que comezaba hoxe do Festival Noroeste XS Estrella Galicia ante a alarma causada polo gromo de COVID-19 que as autoridades sanitarias constataron na cidade e na comarca. O Concello herculino procedeu a suspender de xeito inmediato a celebración do festival así como o resto de festexos da axenda das Festas de María Pita en canto a Consellería de Sanidade fixo públicas as novas restricións que entrarán en vigor esta medianoite. O Concello decidiu tamén a cancelación da vindeira celebración do salón do cómic Viñetas desde o Atlántico, previsto para este mes *(actualización máis abaixo). As limitacións da Xunta para a area coruñesa limitan ao 50% de capacidade as actividades propias dos concellos da Coruña, Arteixo, Culleredo, Oleiros e Cambre, onde o peche de bares e restaurantes adiántase á unha da madrugada e decreta tamén o peche do ocio nocturno nestes e tamén en Sada, Carral, Abegondo e Bergondo. A noticia saltou hoxe a mediodía e xa está a afectar ás actividades culturais e de ocio da comarca, xa que todo tipo de festas e verbenas están prohibidas nos 9 concellos e as reunións privadas quedan limitadas a 10 persoas de máximo. Os primeiros concertos do festival corrían a cargo das bandas Cloaca, Laura Lamontaigne & Pico Amperio ás 20 horas e de Triángulo de Amor Bizarro ás 22:30, esta mesma noite e xa foron, coma o resto do programa, cancelado. As medidas terán un prazo de revisión de cinco días.
As citas de verán co jazz mantéñense co acento máis galego
Xénero:
| 6 / 8 / 2020O jazz ábrese paso no verán, como un xénero ao que as limitacións actuais non semellan afectar tanto coma a outros. Un público selectivo e non multitudinario e con escoita en asentos é un formato que encaixa nos hábitos dos concertos deste xénero máis que nos de rock, pop, folk, etc.. Talvez sexan esas as causas polas que os festivais de jazz seguen a aparecer nestas datas debuxando unha oferta que salpica o mapa do país. Lugo, Moaña, Rianxo e Ferrol son algúns dos sitios nos que dende hoxe mesmo o jazz comeza a soar en ciclos, festivais e programacións diversas con especial peso das figuras galegas. Como proposta máis inmediata polas rúas de Lugo comezan hoxe a soar as músicas de 5 banda de estilo Dixieland como parte do ciclo Camiño ao XXX Festival de Jazz de Lugo, que xa ven anticipando con concertos desde primeiros de ano o vindeiro festival da cidade a celebrar previsiblemente en novembro. Tamén hoxe mesmo comezan a Noites de jazz de Rianxo, unha cita que ademais poderá gozarse en liña coa retransmisión en directo dos seus concertos a través da canle en YouTube do Concello rinaxeiro. Pablo Sanmamed Trío (hoxe xoves) , pablo castaño Quarte (venres 7) e Swing Machine Orchestra (sábado 8) actuarán para presentes e alleos nesta cita.
Preséntase en concerto no festival de arpa de Noia o libro e cd sobre os instrumentos medievais da arquivolta da igrexa de San Martiño
Xénero:
| 5 / 8 / 2020O festival de arpa de Noia, Noia Harp Fest, impulsado pola figura do músico noiés Rodrígo Romaní coma director, cumpre este ano o seu quinto aniversario, manténdose nas circunstancias e presentando tres días con citas moi singulares e cada unha delas de especial importancia. Este mércores dará comezo esta quinta edición que se prolongará ata o venres e usara cada día un escenario diferente da vila. Unha das novidades importantes deste Noia Harp Fest será o proxecto de reconstrución das dúas arpas representadas na arquivolta da igrexa de San Martiño, proxecto financiado polo Concello de Noia a iniciativa da Concellería de Cultura, asesorada polo director do Festival, Rodrigo Romaní. Esta arquivolta foi realizada en 1434 e semella unha reminiscencia tardía dos pórticos románicos, dos que a mellor mostra está a tan só 35 quilómetros en Santiago de Compostela, no Pórtico da Gloria do Mestre Mateo. A reconstrución levouna a cabo o luthier galego especialista en arpas Luís Martins. A propia Igrexa de San Martiño acollerá este xoves o concerto do Noia Harp Consort presentando o libro-CD O Uniforme Movemento Divino, editado polo Concello de Noia, no que se recolle a investigación sobre o resto dos instrumentos construídos ao abeiro deste proxecto. O concerto contará con convidados especiais como o músico Abraham Cupeiro López, o cellista Millán Abeledo, o violinista Fernando Docampo e o propio construtor dos instrumentos, Luís Martíns, todos eles acompañados polo Coro Xuvenil do Concello de Noia. O libro-CD O Uniforme Movemento Divino publícase en plataformas dixitais, tanto coma documento coma as gravacións levadas a cabo, coincidindo co evento e está accesible desde a páxina web do festival para a súa descarga.
O ponteareán Eduardo Soutullo faise co premio Lawson-May de composición
Xénero:
| 4 / 8 / 2020O prestixioso premio Lawson-May de composición ten un gañador galego na súa edición 2020. O músico ponteareán Eduardo Soutullo fíxose con este galardón ao resultar escolleita a súa obra Qebui entre as 524 partituras recibidas a concurso de todo o mundo. O xurado destacou do traballo de Soutullo "a cautivadora linguaxe harmónica, as texturas exquisitas e a escrita idiomática pero orixinal para os instrumentos". As bases do certame británico pedían obras para un grupo de cámara, ata un máximo de seis intérpretes, e cunha duración de entre 7 e 15 minutos. Soutullo recibirá o premio de 3.000 libras en metálico e verá a súa obra estreada na vindeira edición do Solent Music Festival.
Fernando Llor e Miguel Porto presentan a BD Subnormal sobre acoso escolar
Xénero:
| 3 / 8 / 2020O web da editora española Panini Cómics ten xa dispoñible en prevenda Subnormal, unha banda deseñada de autoría galega. O guionista Fernando Llor e o debuxante Miguel Porto asinan esta obra que aborda o caso real de acoso escolar que sofreu o xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta. O traballo, de 152 páxinas a cor, contou co asesoramento do propio Zubizarreta para a súa realización. Está previsto que este volume chegue ás librarías a final do mes de agosto.
Presumido abren hoxe no Barco os Directos Xacobeo’21 en Salas
Xénero:
| 28 / 7 / 2020O ciclo Xacobeo’21 empeza a súa andaina na localidade ourensá do Barco de Valdeorras co concerto de Presumido. O dúo de electro-pop sae do confinamento con novos temas baixo o brazo ademais de coa continuación da xira do seu disco Cuatro estaciones(2019). Este directo inaugural terá lugar hoxe martes 28 de xullo, na sala Baixo 5. A actuación forma parte dunha longa lista de directos que se celebrarán ata o mes de outubro e que forman parte do Plan de Reactivación dos Sectores Cultural e Turístico da Xunta de Galicia, financiado integramente polo Goberno galego e coordinado pola Asociación Galega de Salas de Concertos Clubtura. Nesta mesma semana haberá outros sete concertos deste ciclo en salas de Bueu, A Coruña e Lugo. O ciclo busca reactivar o sector das salas de concertos galego, afectado de forma especialmente intensa tras a crise da COVID-19, programando bandas galegas, e realizando gravacións de todos os concertos, que de acordo coas bases da convocatoria poderán verse a través da web do proxecto, www.directosxacobeo.com, permitindo así unha maior accesibilidade á cultura galega e á música en directo.