Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O festival Vilablues volve e celebrarase en Noia

ADRIáN COSTA, SéS, RAIMUNDO AMADOR E GISELLE JACKSON CONFORMAN O CARTEL DESTA EDICIóN 5.1

O festival Vilablues volve e celebrarase en Noia

JAZZ/BLUES | agosto 11, 2020

imaxe non dispoñible

Tras deixar Vilagarcía de Arousa, lugar do seu nacemento e celebración durante anos, o festival Vilablues ven de superar un momento incerto e recalar en porto na vila de Noia para celebrar alí a súa edición Vilablues 5.1. Os vindeiros 21, 22 e 23 de agosto o evento celebrarase na vila barbanzá cun cartel que xa se foi confirmando aos poucos desde hai uns días e que inclúe a reputados artistas galegos como SÉS, Adrian Costa Blues Band (& convidados) con figuras do blues nacional e internacional coma Raimundo Amador e a mítica Giselle Jackson & The Shu Shu’s. A xornada inaugural será de balde a cargo dos vigueses Dixie Town e a banda barcelonesa Koko-Jean & The Tonics no recinto principal, que estará no Escenario Mahou no patio do IES San Alberte. Ademais diso o evento estará acompañado nas rúas e prazas de Noia por un ciclo de concertos abertos salpicando toda a vila que reunirá a destacados artistas galegos baixo o título Galicia Blues en sesións vermú e de solpor. En sesión vermú Sabela King & The heartbreakers estarán na Praza do Curro o día 21:; o día 22 estarán actuando a mediodía Mad Martín Trío e no solpor Nastasia Zürcher despedirá o día desde o malecón; o día 23 actuarán Momboi e Mr.Cool.

O Vilablues 5.1 presentouse hoxe en Noia e a partires de mañá ao mediodía poranse á venda as entradas na plataforma Enterticket, por un prezo de 11 euros e nunha conformación por mesas de entre unha e oito persoas para cumprir cos protocolos de seguridade actuais. O festival especializado no xénero blues chegou a celebrar catro edicións en Vilagarcía polas que pasaron grandes figuras nacionais e internacionais do blues e o soul, pero a súa continuidade na vila arousá non se produciu pola imposibilidade de acordo entre o promotor musical Gúmer Meijón, responsable do evento e o goberno municipal. A súa suspensión este ano estivo sobre a mesa pero Meijón seguiu a traballar para sacalo adiante e acadou bo porto na vila barbanzá para que o ano non quedase sen Vilablues.

Ligazóns