Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Peche cultural na Coruña coa suspensión do Festival Noroeste e cancelación das festas de María Pita
Peche cultural na Coruña coa suspensión do Festival Noroeste e cancelación das festas de María Pita
agosto 7, 2020
Ningún dos moitos protocolos de seguridade que están a tomar os eventos culturais puido soster en pé a celebración que comezaba hoxe do Festival Noroeste XS Estrella Galicia ante a alarma causada polo gromo de COVID-19 que as autoridades sanitarias constataron na cidade e na comarca. O Concello herculino procedeu a suspender de xeito inmediato a celebración do festival así como o resto de festexos da axenda das Festas de María Pita en canto a Consellería de Sanidade fixo públicas as novas restricións que entrarán en vigor esta medianoite. O Concello decidiu tamén a cancelación da vindeira celebración do salón do cómic Viñetas desde o Atlántico, previsto para este mes *(actualización máis abaixo). As limitacións da Xunta para a area coruñesa limitan ao 50% de capacidade as actividades propias dos concellos da Coruña, Arteixo, Culleredo, Oleiros e Cambre, onde o peche de bares e restaurantes adiántase á unha da madrugada e decreta tamén o peche do ocio nocturno nestes e tamén en Sada, Carral, Abegondo e Bergondo. A noticia saltou hoxe a mediodía e xa está a afectar ás actividades culturais e de ocio da comarca, xa que todo tipo de festas e verbenas están prohibidas nos 9 concellos e as reunións privadas quedan limitadas a 10 persoas de máximo. Os primeiros concertos do festival corrían a cargo das bandas Cloaca, Laura Lamontaigne & Pico Amperio ás 20 horas e de Triángulo de Amor Bizarro ás 22:30, esta mesma noite e xa foron, coma o resto do programa, cancelado. As medidas terán un prazo de revisión de cinco días.
A posibilidade de peche prematuro da Feira do Libro da Coruña estivo tamén durante unhas horas correndo polos medios e as redes sociais, pero arestora mantén a súa programación e previsións a falta de ningunha comunicación oficial que indique o contrario. A Federación de Librarias de Galicia mantivo comunicación coa Xunta de Galicia, lembrándolle as fortes medidas de control sanitario que se estaban a tomar na feira coruñesa e desde o Concello non se puxeron en contacto oficialmente con eles, no peche desta noticia, para indicar ningunha revogación da licencia municipal. A Feira do Libro da Coruña está prevista ata o vindeiro día 10.
* Actualización (20:00 hrs): A XXIIIª edición do salón internacional do Cómic de A Coruña Viñetas desde o Atlántico non se dá por cancelada actualmente a falta de case dez días para a súa celebración, o luns 17 de agosto.