Noticias
O blues volve a Fisterra a contra reloxo
Xénero:
| 8 / 9 / 2020A cita coa música blues na Costa da norte, o Fisterra Blues Experience, ven de confirmar celebración e pechar cartel con tan só unha semana de antelación ao seu comezo. Así funciona agora mesmo a capacidade realista de previsión no sector cultural, que a falta de cinco días para a súa celebración os vindeiros días 11, 12 e 13 de setembro, puidemos coñecer os nomes dos artistas e as bandas que estarán presentes. A cita presentouse oficialmente o venres pasado e desde onte a oferta artística, que ofrece a presenza de nomes coñecidos da escena galega pero non renuncia tampouco a incluír referencias de corte internacional. Cun pé en cada unha desas polas está a Marcos Coll Band que actuará no evento xunto con Julian Vaughn e Mayka Edjole. The Limboos, Aló Django feat. David Regueiro, Marian Ledesma & Los Tinaquero Brothers representarán a música feita no país propiamente e tamén haberá espazo para artistas estatais e estranxeiros coma Greg Izor & Emilio Arsuaga ou El Barullo Tango. A Fisterra House Band, banda residente do festival, volverá a estar presente no evento actuando desde un barco no Blues A Bordo. Ademais, o programa inclúe pasarrúas con Brassica Rapa e unha actividade infantil a cargo de Pakolas. A Praza da Constitución e o Farod e Fisterra serán os lugares que acollerán as actuacións este ano, ademais do propio paseo en barco. Os residentes no Concello poden acceder a un cupo propio de entradas de balde para segurar que poden gozar tamén desta actividade. O evento preséntase este ano coma unha experiencia sanadora nun entorno hostil: "Agora máis que nunca, precisamos do benestar e da búsqueda dunha renovación que nos libere e nos faga presente a fraternidade, os vínculos coa comunidade, a terra e o mar, para alonxar por un tempo as hostilidades do mundo", expresa aorganización na páxina web do festival.
Compostela acolle unha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea
Xénero:
| 8 / 9 / 2020Cinco concertos, un espectáculo de danza e unha exposición sobre novas formas de notación musical compoñen o programa da nova edición das Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela. O Concello acollía onte a presentación desta iniciativa, que se desenvolverá entre o 9 e o 23 de setembro e que a entidade local organiza canda á Universidade de Santiago e o Centro Galego de Arte Contemporánea.
O ciclo 'Camiño de Cantares' impulsa a publicación de dous libros-cd a presentar en nove concertos
Xénero:
| 1 / 9 / 2020O novo ciclo musical 'Camiño de Cantares', levará á editar dous libros-cd que serán interpretados en concerto en espazos relixiosos de localidades polas que transcorre o Camiño de Santiago. O eixo desta iniciativa é a música vocal, tendo cabida propostas a capella e con acompañamento instrumental. Así mesmo, estas publicacións poñen o foco na música creada para o Apóstolo Santiago, que conta con historias do Camiño ou composta en localizacións xacobeas.As publicacións titularanse Libro de órgano da Catedral de Tui (séc. XVIII) e Libro III de Polifonía (séc. XVII- XVIII) e para contribuír á súa divulgación programáronse un total de nove concertos que se celebrarán en recintos sacros de Celanova, Santiago, padrón Tui, Melide, Ribadavia, Muxía e Oia.
Comezan as gravacións de concertos do Galicia Emerxe que se emitirán na TVG
Xénero:
| 28 / 8 / 2020O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia acolle desde onte e durante cinco semanas os traballos de gravación dos 50 concertos ao vivo de Galicia Emerxe, o programa musical creado pola Xunta de Galicia como parte do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da Covid-19. Esta iniciativa, na que participan medio centenar de artistas e grupos galegos de moi diferentes estilos, conta cun orzamento de 500.000 euros destinados a dotar de liquidez as empresas da industria musical, así como a ofrecerlles unha nova plataforma de promoción do seu traballo mediante un atractivo formato audiovisual, deseñado para a súa emisión televisiva a través da canle pública galega TVG e a súa posterior difusión en liña dos 50 programas duns 40 minutos de duración que, ademais dos concertos, incluirán a intervención dos seus respectivos protagonistas para falar sobre a súa traxectoria e os seus proxectos máis inmediatos. Nomes tan coñecidos como Xoel López, Luar na Lubre, Novedades Carminha, Susana Seivane, Mercedes Peón ou Triángulo de Amor Bizarro comparten programa con artistas que están a despuntar no panorama musical galego, como High Paw & Elephant Yards, Xoana, Blanco Palamera, Faia, Boyanka Kostova, Laura LaMontagne ou Pauliña, entre moitos outros seleccionados por unha comisión artística de entre as máis de 700 propostas recibidas a través dunha convocatoria pública.
Lugo reivindicase capital do jazz coa maior 'jam session' da historia
Xénero:
| 26 / 8 / 2020A veterana Asociación de Amigos do Jazz EscobiJazz de Lugo prepara para este vindeiro domingo 30 de agosto unha enorme festa do jazz, coa participación de máis de 150 artistas galegos nunha 'jam session' propia deste xénero homenaxeando ao grande artista, Charlie Parker . (Kansas City, 29 de agosto de 1920 - Nova York, 12 de marzo de 1955), no seu centenario. Máis de 4 horas de jazz en directo, interpretado por artistas galegos -150 dos preto de 225 censados como tales-, que pasarán a formar parte da historia musical ao transformarse na maior jam session celebrada en España. Así conciben desde a asociación este evento, que serve ao tempo para reivindicar os 30 anos de historia do festival de jazz máis lonxevo de Galicia, e a calidade dos nosos intérpretes. Dende as 13 horas e até ben entrada a tarde (17:00) nas escalinatas do Pazo Episcopal de Lugo, máis de 150 artistas irán subindo a un escenario que contará con todas as medidas de seguridade e salubridade necesarias, ao igual que o espazo reservado para o público. Pero a organización ten claro que, nestes tempos, é imprescindible apostar polo dixital, polo que o concerto poderá seguirse integramente online a través das redes sociais do festival de jazz de Lugo. O proxecto, que nace como a maior jam session da historia en España, tanto por número de intérpretes como por horas de desenvolvemento, conta co financiamento e apoio da Xunta de Galicia a través do Xacobeo21.
Milladoiro homenaxeados en pedra e terra para a historia en Nigrán
Xénero:
| 25 / 8 / 2020No Concello de Nigrán, na parroquia de Chandebrito hai xa un sitio de recordo e unha dupla homenaxe para a formación folk máis senlleira do país. Co gallo do terceiro festival Chandefolk e o concerto do grupo Milladoiro o concello levou a cabo primeiro a reforestación con 40 especies autóctonas dun espazo de 7.000 metros cadrados en colaboración coa Comunidade de Montes, que quedou bautizado coma Bosque de Maeloc en recordo do primeiro disco de Milladoiro A Galicia de Maeloc editado fai xustamente 40 anos, o primeiro disco galego en editarse en Francia. Ademais diso no mesmo Outeiro descubriuse un monumento feito polo colectivo 'Arte no Queimado' que ademais do nome do grupo inclúe unha figura fde catro metros de altura feita con 40 cubos de granito da canteira de Chandebrito representando a acumulación de pedras amontoadas por romeiros e peregrinos que definen un milladoiro. O recoñecemento feito por parte do Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes ao grupo tivo especial mención nun dos ex-membros fundadores de Milladoiro, Antón Seoane, que é veciño da zona desde fai 20 anos. O propio Seoane xunto aos membros actuais da banda participaron da reforestación e inauguración do monumento.
O Festival da Luz tomará as leiras nunha edición especial dun só día
Xénero:
| 19 / 8 / 2020Lonxe de desanimarse coas malas expectativas o Festival de la Luz de Boimorto ven de anunciar a celebración o vindeiro día 12 de setembro dunha edición especial. Os campos arredor da casa da cantante Luz Casal en Boimorto acondicionaranse para a Edición Leiras coa que o evento non quere deixar baleiro neste 2020. No formato que a organización ven de presentar entrarán 500 persoas, que se situarán nunha distribución por asentos de entre 2 e 10 persoas que son chamadas "leiras" e separadas entre sí na disposición do recinto. O cartel estará íntegramente conformado por artistas de moi diversos xéneros da escena musical galega, Eladio y los seres queridos, Terbutalina, Susana Seivane, BoyankA KostovA, Agoraphobia, Monoulious DOP e LAU. A recadación das entradas, sempre con carácter solidario, irá a parar á Cruz Vermella Galicia.
Agadic suspende de xeito fulminante durante agosto e setembro os seus ciclos de concertos en salas
Xénero:
| 18 / 8 / 2020A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo ven de frear toda a actividade musical do país que se facía baixo o seu apoio suspendendo con efecto inmediato a actividade dos circuítos Directos Xacobeo’21 en Salas e Rede Galega de Música ao Vivo. A Agadic entende que esta decisión está xustificada con base ás medidas en materia de saúde pública recollidas na Orde da Consellería de Sanidade do 15 de agosto de 2020 e no Acordo do Consello Interterritorial de Saúde do 14 de agosto de 2020 para responder á situación especial de risco derivada do incremento de casos positivos por COVID-19. Esta suspensión total que iguala de feito o trato a actividade cultural coa de ocio nocturno activouse onte con efecto inmediato e abrangue todos os concertos previstos en ambos programas durante este mes e o de setembro segundo indica a comunicación que enviou ás salas. A axencia gobernamental, Agadic asegura que facilitará ás salas afectadas a reprogramación dos concertos previstos unha vez se levanten as actuais medidas de control sanitario que obrigan ao peche dos locais de ocio nocturno, que non teñen data final arestora.
A 15ª MICE estreará o documental 'Dorothé na vila' de Alejandro Gándara e Olaia Tubío
Xénero:
| 14 / 8 / 2020A pandemia forzou en marzo á suspensión da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico uns días antes de decretarse o estado de alarma. Agora a 15ª edición da MICE do Museo do Pobo Galego en Santiago volve con novas datas de celebración, do 25 ao 29 de agosto, e cunha fórmula mixta que xa é un estándar destes tempos en aras dunha maior seguridade, na que as actividades se realizarán combinando un formato presencial e en liña. Por iso, a organización optou por unha redución da programación presencial. Destes cambios nace Cinema Bonaval, que aproveitará as noites de agosto para gozar de filmes ao aire libre baixo as estrelas do Parque de Bonaval. Esta sección, que estará formada por cinco filmes en tres sesións, reúne as liñas temáticas que ían centrar as seccións non competitivas Trazas e Impropias (adiadas ao 2021): a oralidade e a memoria histórica e das mulleres. Dentro destas proxeccións, destaca a estrea o xoves 27 de agosto ás 22h00 do documental Dorothé na vila, proxecto de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, con Lucía Estévez na edición, que recibiu o Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. A película segue os pasos, corenta anos despois, da musicóloga suíza Dorothé Schubarth na súa viaxe por Galicia a finais dos 70, cando procuraba cantos antigos que desapareceran no centro de Europa. Desta busca saíron as 300 horas de gravacións que forman o Cancioneiro Popular Galego, a maior compilación de músicas tradicionais do país, que hoxe en día están depositadas no APOI do Museo do Pobo Galego.
O concello de Viveiro tumba os concertos ao vivo do Resurrection Fest XS
Xénero:
| 13 / 8 / 2020Menos de 48 horas durou o proxecto do Resurrection Fest XS con concertos ante público na vila de Viveiro. Malia o patrocinio da Xunta á iniciativa de levar a cabo actividade musical en condicións controladas, o Concello de Viveiro denegou os permisos que farían posible o uso das instalacións municipais para o festival que pretendía reunir ata 800 persoas na vila da Mariña para asistir ao concertos programados do ciclo no que se convertera a edición deste ano. Nun comunicado o concello asegurou que esta decisión "complicada e difícil" foi tomada despois dunha análise pormenorizada e tendo en conta numerosas cuestións, coa prioridade da seguridade da veciñanza. "Vimos de ter un gromo na comarca da Mariña e a situación non é sinxela en toda Galicia, como lemos cada día nos medios de comunicación", explica a alcaldesa, María Loureiro. O goberno municipal explica que o problema non sería dentro do recinto, cun aforo limitado a 800 persoas e todos os protocolos activados, pero si no exterior, nas rúas e nos espazos públicos de Viveiro durante os dez días nos que estaba previsto celebrar o festival, nos que non sería posible garantir a seguridade. A celebración da parte virtual e en liña que xa estaba prevista seguirá adiante segundo o anunciado, os días 28 e 29 de agosto.