As citas de verán co jazz mantéñense co acento máis galego
agosto 6, 2020
O jazz ábrese paso no verán, como un xénero ao que as limitacións actuais non semellan afectar tanto coma a outros. Un público selectivo e non multitudinario e con escoita en asentos é un formato que encaixa nos hábitos dos concertos deste xénero máis que nos de rock, pop, folk, etc.. Talvez sexan esas as causas polas que os festivais de jazz seguen a aparecer nestas datas debuxando unha oferta que salpica o mapa do país. Lugo, Moaña, Rianxo e Ferrol son algúns dos sitios nos que dende hoxe mesmo o jazz comeza a soar en ciclos, festivais e programacións diversas con especial peso das figuras galegas. Como proposta máis inmediata polas rúas de Lugo comezan hoxe a soar as músicas de 5 banda de estilo Dixieland como parte do ciclo Camiño ao XXX Festival de Jazz de Lugo, que xa ven anticipando con concertos desde primeiros de ano o vindeiro festival da cidade a celebrar previsiblemente en novembro. Tamén hoxe mesmo comezan a Noites de jazz de Rianxo, unha cita que ademais poderá gozarse en liña coa retransmisión en directo dos seus concertos a través da canle en YouTube do Concello rinaxeiro. Pablo Sanmamed Trío (hoxe xoves) , pablo castaño Quarte (venres 7) e Swing Machine Orchestra (sábado 8) actuarán para presentes e alleos nesta cita.
No Ferrol, despois de repensar espazos e propostas para adaptarse ás circunstancias, o festival Jazz de Ría presenta unha cuarta edición que pese a todo, conserva intacta a esencia do festival e a súa aposta pola calidade, a diversidade, a posta en valor do patrimonio e do territorio, e o apoio incondicional ás propostas artísticas galegas. Do venres 14 ata o domingo 16 o Cantón de Molíns coma único escenario deste festival vibrará co mellor jazz galego. O cartel desta edición concéntrase nas mellores propostas de jazz do noso territorio, para evitar desprazamentos e para continuar apoiando a enorme calidade da escena jazz galega, un compromiso que o festival adquiriu dende a súa primeira edición. Así pasarán este ano por Ferrol representantes musicais de diversas perspectiva coma Marcos Teira e Ton Risco; Pablo Sanmamed Trío; EJAZZ; Por mi, swing; e Xan Campos Trío. Todos os concertos son de balde con reserva previa de entradas.
O jazz feito en Galicia será tamén a base pola que volva a soar en Moaña a música este verán. Entre o 14 e o 15 de agosto terá lugar a IVª edición que será a máis galega de todas. Esta edición do Festival de Jazz de Moaña comezará o día 14 de agosto ás 22:00 horas con Sumrrá, e o sábado 15 de agosto actuarán Wilfried Wilde Quintet, un proxecto do guitarrista francés afincado en Bueu Wilfried Wilde, que presenta o seu primeiro traballo xunto a Charley Rose no saxo, Xan Campos no piano, Demian Cabaud o contrabaixo e Iago Fernández na batería. O festival o pechará unha jam session propia do xénero. O aforo será limitado a 300 persoas e as entradas serán gratuítas e estarán dispoñibles online, na plataforma reservas.gal, e na oficina de turismo.