Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Deputación de Pontevedra presenta un plan de reactivación cultural

O PROXECTO INTEGRA PROPOSTAS XA EXISTENTES E SUMA NOVAS INICIATIVAS POR UN TOTAL 2,5 MILLóNS DE EUROS

A Deputación de Pontevedra presenta un plan de reactivación cultural

MISCELáNEA | xullo 6, 2020

imaxe non dispoñible

Re-Acción Cultural é o nome do programa que presentaba este 3 de xullo a Deputación de Pontevedra para "democratizar a cultura, espallala por todos os recunchos da provincia e, tamén, devolver á xente que a fai posible o refuxio seguro que nos ofreceron a todas e a todos durante os momentos máis duros da pandemia". A presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, presentaba esta iniciativa dotada con 2,5 millóns de euros e que se desenvolverá nos eixes da música, o patrimonio e as rutas xacobeas, as artes escénicas, o audiovisual e o cinema, a escrita e mais as accións para espallar a cultura.

A etiqueta comprende unha grande cantidade de propostas xa programadas previamente pola Deputación ou que contan coa colaboración deste organismo. É o caso dos eventos que se desenvolven a nivel sonoro no marco da iniciativa Rías Baixas Fest, e mais os programas Musigal, que achega concertos a concellos da provincia, e Pontegal, centrada en colectivos de música popular.

Como grande novidade, preséntase o apartado de accións vencelladas ao patrimonio e as rutas xacobeas, que inclúe o ciclo de recitais de cámara Música no Ar, o "Re-acción nos castelos" de Soutomaior e Sobroso e mais unha proposta de Roteiros de Arquitectura. Outra das novidades será o ciclo Prendendo butacas que desenvolverá dez funcións escénicas en distintas comarcas entre outubro e decembro. A xa anunciada integración dos festivais provinciais de cinema nunha mesma marca e o desenvolvemento do proxecto Pontevedra Plató de Cinema para apoiar producións audiovisuais, son as principais medidas previstas para este ámbito. Na presentación tamén se sinalou como parte deste proxecto a Escola das Letras que se puxo en marcha recentemente ou os xa habituais roteiros literarios.