Noticias
Leticia Rey gaña o concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans Salas
Xénero:
| 30 / 11 / 2020A cantautora de Vila de Cruces (Pontevedra)Leticia Rey alzouse co primeiro premio no concurso de bandas galegas emerxentes Sonidos Mans Salas, un certame organizado pola Fundación Paideia Galiza, a través de Estudios Mans, e coa colaboración da Deputación da Coruña. Segundo o comunicado da Fundación Paideia, Leticia Rey sorprendeu ao xurado coa súa calidade vocal e a honestidade das súas composicións e a súa posta en escena. O primeiro premio consistirá en gravar un EP e un videoclip en Estudios Mans e a presentar o seu traballo en directo o vindeiro sábado 12 de decembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Neste ano 2020, Leticia Rey gravou e publicou o seu primeiro single, titulado Through the wind, que pode ser escoitado nas principais plataformas dixitais. Proximamente abrirase o proceso de inscrición para poder asistir de forma gratuíta á súa presentación en directo no Salón Teatro o vindeiro 12 de decembro. A banda coruñesa Lora, segunda clasificada, gravará tamén un tema e o seu videoclip en Estudios Mans. O xurado estivo formado por 3 programadoras dalgunhas das salas de concertos máis recoñecidas do panorama galego: Noe Vázquez (A Arca da Noe), Suso Santamaría (A Pousada da Galiza Imaxinaria) e Miguel de la Cierva (Náutico de San Vicente). Nesta edición, Sonidos Mans Salas contou coa inscrición de 55 participantes chegados de todo o territorio galego, sendo Demo Rumudo, Lucas Blanco, Leticia Rey, Ambigüo e Lora, as bandas e solistas escollidas para participar na audición final.
O trío Caldo faise co Premio Narf de proxectos musicais
Xénero:
| 30 / 11 / 2020Unha gala no Teatro Colón da Coruña deu a coñecer este 28 de novembro o palmarés do Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais. O trío vigués Caldo impúxose no certame que convoca anualmente a Deputación da Coruña e levou os 3.000 euros de premio. O xurado destacou esta "proposta de melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, canda pezas propias tinguidas das músicas europeas e atlánticas". Segundo apunta o fallo, o proxecto de Caldo pon o foco "na aldea de Moscoso (Pontevedra). Para isto, contaron co material das informantes Rosa e Aída Garrido, recollido polo mestre Xisco Feijóo" que empregan como fío condutor dun primeiro álbum gravado ao vivo.
Xa está aquí o novo disco de Xoel López 'Si mi rayo te alcanzara'
Xénero:
| 27 / 11 / 2020Aínda vivíamos na vida pre-pandemia cando Xoel López presentou os dous primeiros avances deste o seu quinto disco en solitario Si mi rayo te alcanzara (Esmerarte, Sony Music) que hoxe xa está dispoñible para venda e en todas as plataformas dixitais. Alma de oro era o primeiro tema que coñeciamos neste mesmo mes de febreiro de 2020, nel xa víamos que o que viña non ía decepcionar respecto de anteriores traballos do artista. Pop coidado, acompañamentos corais multitudinarios, con orgullosas influencias latinoamericanas coma nos seus anteriores traballos, letras intimistas, oníricas e evocadoras, en diálogo cun interlocutor concreto, coma no caso do segundo avance, Joana, ou directamente en narración vital para o universo coma na enerxética e entusiasta Tigre de Bengala, presentada xa no medio do confinamento. Fai un mes presentaba como último avance Si mi rayo te alcanzara, tema que dá nome ao disco e que nos conecta con outra das grandes cancións de saldar contas do repertorio de Xoel coma Todo lo que merezcas (2015).
Pakolas conta e canta a historia de ‘Ramona Órbita, a dona do tempo’
Xénero:
| 26 / 11 / 2020Paco Cerdeira, ou Pakolas, nome co que se presenta ante o público infantil e familiar, ven de sacar o que é o seu segundo libro-cd Ramona Órbita. A dona do tempo (Sonárbore , Editorial Galaxia) co que, axudado polas ilustracións de Laura Romero, e da man desta nova personaxe fai un percorrido polo tempo e a historia da humanidade contando e cantando a súa historia ao ritmo do rock. Ramona Órbita é unha súper muller labrega da Serra do Courel, xefa na horta e boa coa tecnoloxía, ecoloxista e inventora, posuidora dunha horta cibernética de patacas automáticas, e dona dunha incrible máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas. Pasando as follas e escoitando as dez cancións, percorreremos de golpe varios séculos: a Prehistoria, o Medievo, o Renacemento, a China Imperial, o antigo Exipto, a Idade Media, e mesmo viaxaremos ao futuro, con moitas aventuras, personaxes e peripecias que gustarán por igual á xente miúda e a maiores.
Berlai amosa a beleza da música feita na casa no novo disco 'Cas berlai'
Xénero:
| 24 / 11 / 2020Berlai, o proxecto musical de Xiao Berlai, anteriormente integrante e compositor de Fía na Roca, regresa co seu segundo traballo, un novo disco creado durante o confinamento desde a súa casa da aldea -por iso se chama Cas Berlai (Seispés), que é como en Lugo se refiren á casa dun - que está xa nas tendas e nas plataformas musicais. Berlai defínese coma “indie rururbano” en consecuencia lóxica á música post-bravú e o proxecto presentouse en 2016 co disco Desconhecido (Axóuxere Editora). Cas Berlai é un traballo acústico e caseiro, cantando á rutina e á beleza do cotiá. Nel, cada unha das nove cancións convértese nun espazo da casa: a cama, o corredor, o espello, o váter, a sala ou a “cas de Tróski” (o seu can). Na banda, ademais de Xiao están Pablo Pérez (baixo), Bruno Couceiro (batería) e Iago Mouriño (teclados).Todos os temas son escritos por el agás a adaptación de A lista da compra -da viúva-, un poema de Emma Pedreira galardoado co Premio Poesía Jovellanos ao Mellor Poema do Mundo. Neles fala do seu pai, morto antes de tempo, das rupturas dos amores que nos tronzaron, do amor, das súas miserias ou do seu TDAH. Como adianto publicouse en redes o videoclip No water.
De botóns achega un novo repertorio para o acordeón diatónico
Xénero:
| 24 / 11 / 2020Un total de cen pezas de repertorio tradicional galego "e das comarcas da contorna" adaptadas e transcritas para ser interpretadas con acordeón diatónico. Esta é a proposta que achega De botóns, un cancioneiro para este instrumento realizado de xeito pioneiro por Carlos Quintá e Pedro Pascual, logo dun exitoso crowdfunding. A obra incorpora a este acordeón tradicional pezas de repertorios que van "desde o vocal ata o de gaita, pasando polo das murgas e orquestinas, o propiamente acordeonístico ou o de outros instrumentos coma violinos e harmónicas", escritas en linguaxe musical convencional con cadansúa proposta harmónica e rítmica.
Chega a versión orquestral de Memorias dun Neno Labrego
Xénero:
| 24 / 11 / 2020O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle este xoves 26 de novembro a estrea dunha peza singular. A Real Filharmonía de Galicia (RFG) interpretará por vez primeira Memorias dun neno labrego, composición do músico orixe galega asentado en Nova York Aaron Siebert a partir a obra homónima de Xosé Neira Vilas. A peza, encargada pola RFG dentro da súa aposta polos compositores noveis da comunidade, "é unha obra que se nutre das raíces musicais e culturais galegas para plasmar a miña visión persoal de Galicia vencellada ao mundo reflectido na devandita novela", segundo explica o compositor. "A dramatización musical da vida de Balbino, o seu protagonista, céntrase no carácter único da súa inocencia: unha inocencia anciá, que funde infancia e vellez a través dun certo realismo máxico. Esta dicotomía é un alicerce central da miña visión da identidade de Galicia".
Guadi Galego presenta 'Costuras', quinto disco en solitario
Xénero:
| 23 / 11 / 2020Desde hoxe xa está en plataformas e á venda o que é o quinto traballo de Guadi Galego, Costuras, un disco autoeditado e distribuído a través de Altafonte. A cedeirense presenta neste novo disco 10 temas dos que ao longo das pasadas semanas xa foi deixando coñecer algúns deles coma o que dá título ao álbum. Todas as cancións son composicións de Guadi, nalgunhas conxuntamente co Carlos Abal, parella de vida persoal e musical, e tamén resultas de importancia par ao resultado final as achegas dos músicos Pau Brigada e Vic Moliner ao cargo da produción no Estudi Olivera de Banyoles, onde se gravou este Costuras igual que xa se fixera con anterior traballo Immersión(2019). Ademais a nivel de outras colaboracións o disco conta coas da cantante catalá Paula Grande, na vitalista O que ha chegar e as poetas Antía Otero intervindo cunha das súas poesías xa editadas en Zocos, e Marina Oural que fai o propio en Só con amor, a canción que pecha este disco. Ademais de no apartado musical Costuras conta súa versión física cunha obra do artista plástico Ricardo de Barreiro, que aparece tras da gris capa do disco a través da acción de rascar na portada coma nun xogo de "rasca e gaña".
Outono Códax festival saca adiante unha edición de tránsito cara o décimo aniversario
Xénero:
| 20 / 11 / 2020Este ano 2020 ao Outono Códax Festival de Santiago tocáballe celebrar o seu décimo aniversario. A organización do evento preparaba para a ocasión un cartel de excepción como a efeméride merecía con ampla presenza internacional, pero a situación sanitaria demostrou xa hai meses que non ía ser posible levar ese plan adiante. Demostrando a súa capacidade de adaptación o Outono Códax quixo manter unha cita co seu público sen deixar baleiro o 2020 pero tamén sen esgotar a posibilidade desa celebración de aniversario cun evento á altura do fito. É por iso que a edición que ven de presentar onte cartel non leva ese X da década de éxito e só aparece como Outono Códax Festival 2020, xa que será no ano cando tal celebración teña lugar en mellores condicións como é de agardar. Con todo, no que queda de ano o festival que segue a contar co apoio da adegas Martín Códax presenta unha oferta moito máis que digna para as circunstancias, tanto que as poucas entradas dispoñibles (polas restricións de capacidade) para algúns dos catros concertos que se levarán a cabo se esgotaron aos poucos de sacalas á venda. O evento como tal comezou a pasada semana coa inauguración da exposición Carteis e outras impresións da ilustradora Rebeca Losada no local de A Reixa Tenda e a presentación do poemario Desconocernos de Guille Galván (letrista de Vetusta Morla)
O ourensán Daniel Minimalia faise cun Grammy Latino
Xénero:
| 20 / 11 / 2020O músico ourensán Daniel Minimalia conseguiu o triunfo nos XXI Premios Grammy Latinos. Na gala destes galardóns internacionais, que se celebrou na noite deste 19 de novembro en Miami, o seu álbum Terra revelouse como mellor traballo instrumental do ano. Minimalia, que xa optara a este premio en 2017, lanzou en abril deste 2020 o seu novo disco coa discográfica Larrosa, a afondar na súa exploración da world music e a incorporar aires de Sudamérica ás súas composicións. Como novidades no álbum, o músico integrou por vez primeira voz a algún dos seus temas ademais de contar con colaboracións musicais, xa que ata o momento era o propio Minimalia o responsable de todas as interpretacións dos seus traballos.