Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Leticia Rey gaña o concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans Salas
Leticia Rey gaña o concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans Salas
novembro 30, 2020
A cantautora de Vila de Cruces (Pontevedra)Leticia Rey alzouse co primeiro premio no concurso de bandas galegas emerxentes Sonidos Mans Salas, un certame organizado pola Fundación Paideia Galiza, a través de Estudios Mans, e coa colaboración da Deputación da Coruña. Segundo o comunicado da Fundación Paideia, Leticia Rey sorprendeu ao xurado coa súa calidade vocal e a honestidade das súas composicións e a súa posta en escena. O primeiro premio consistirá en gravar un EP e un videoclip en Estudios Mans e a presentar o seu traballo en directo o vindeiro sábado 12 de decembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Neste ano 2020, Leticia Rey gravou e publicou o seu primeiro single, titulado Through the wind, que pode ser escoitado nas principais plataformas dixitais. Proximamente abrirase o proceso de inscrición para poder asistir de forma gratuíta á súa presentación en directo no Salón Teatro o vindeiro 12 de decembro. A banda coruñesa Lora, segunda clasificada, gravará tamén un tema e o seu videoclip en Estudios Mans. O xurado estivo formado por 3 programadoras dalgunhas das salas de concertos máis recoñecidas do panorama galego: Noe Vázquez (A Arca da Noe), Suso Santamaría (A Pousada da Galiza Imaxinaria) e Miguel de la Cierva (Náutico de San Vicente). Nesta edición, Sonidos Mans Salas contou coa inscrición de 55 participantes chegados de todo o territorio galego, sendo Demo Rumudo, Lucas Blanco, Leticia Rey, Ambigüo e Lora, as bandas e solistas escollidas para participar na audición final.