Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / De botóns achega un novo repertorio para o acordeón diatónico

CARLOS QUINTá E PEDRO PASCUAL PUBLICAN ESTE CANCIONEIRO CON PEZAS TRADICIONAIS

De botóns achega un novo repertorio para o acordeón diatónico

FOLK | novembro 24, 2020

imaxe non dispoñible

Un total de cen pezas de repertorio tradicional galego "e das comarcas da contorna" adaptadas e transcritas para ser interpretadas con acordeón diatónico. Esta é a proposta que achega De botóns, un cancioneiro para este instrumento realizado de xeito pioneiro por Carlos Quintá e Pedro Pascual, logo dun exitoso crowdfunding. A obra incorpora a este acordeón tradicional pezas de repertorios que van "desde o vocal ata o de gaita, pasando polo das murgas e orquestinas, o propiamente acordeonístico ou o de outros instrumentos coma violinos e harmónicas", escritas en linguaxe musical convencional con cadansúa proposta harmónica e rítmica.

Segundo destacan os autores na presentación da obra, este traballo "proporciona un material moi interesante para empregar con outros instrumentos, ben con un obxectivo artístico, ou como punto de partida para propostas pedagóxicas dos mestres e mestras. Engadimos un apéndice de fotografías históricas, na súa meirande parte inéditas, de acordeonistas históricos da Galiza, mulleres e homes, con toda a súa documentación no referente a autoría, ano, fondo, etc; así coma unha parte bibliográfica coa orixe e información sobre o repertorio".