Ir ao contido directamente.


Noticias

Ith fan un disco de balance vital en código rock con 'Frear o momento'

Xénero: Rock | 21 / 12 / 2020

ith_frearomomento.jpg

Xa está dispoñible nas plataformas dixitais e á venda en formato físico Frear o momento (Rocket Music), o novo traballo longo da banda de rock Ith. Gravado coma o anterior en Abrigueiro Estudios (Friol, Lugo), este é o terceiro disco de estudio dos de Xanceda (Mesía) dous anos despois de O mínimo que o contén todo (2018) e ofrece oito temas novos, algúns con aires pop-rock pero en xeral de rock enérxico, con claras raíces de heavy metal en forma de longos punteos que buscan os límites, riffs ferroviarios e descargas de músculo cunha percusión poderosa e a presenza de voz ben asentada de Lucía da Fonte, que tamén escribe os temas.

Agadic adxudica as axudas ao talento musical entre 18 proxectos

Xénero: Miscelánea | 15 / 12 / 2020

imaxe non dispoñible

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) fixo pública a adxudicación da súa liña de axudas para a promoción do talento musical no ámbito da produción fonográfica, que se convocou este 2020 por segundo ano consecutivo. Cun orzamento de 120.000 euros que se reparte entre 18 novos traballos discográficos doutros tantos artistas e grupos a convocatoria non esgotou totalmente a súa partida. A modalidade de axudas a debuts discográficos adxudica 14.631 euros ( dunha partida 20.000 euros) a oito debuts discográficos, como os do dúo de música de raíz Caamaño & Ameixeiras, presentado por Arturo Vaquero; Grande Amore e Vera Fauna, por Ernie Producciones; o do grupo de música infantil Supermeiga e da cantautora viguesa Naraty Feel, por Regalamúsica; Espazo en Branco, por Litium Records, e mais os proxectos en solitario de Fernando Abreu (Mare) e Fernando Esclusa.

Tres Pesos voltan con Cando os animais cantaban

Xénero: Folk | 14 / 12 / 2020

trespesos_cando_animais_cantaban.jpg

Logo de tres anos de preparación, o trío Tres pesos presenta o seu segundo traballo discográfico. Felisa Segade, José Antonio Ferreira (Pepe de Calo) e Estevo Lamas autoeditan Cando os animais cantaban, unha colección de 11+1 temas orientados ao baile desde a ollada tradicional. Unha potente base rítmica que inclúe pandeiros, pandeiras, bombos, pandeiretas ou culleres acompaña as melodías de acordeón, clarinete e gaita nun proxecto que chama a recuperar o canto popular nas festas.

Reler o Cancioneiro (II): Fuliada na Vila

Xénero: Folk | 11 / 12 / 2020

Fuliada_Na_Vila_capa2.jpg

A historia do seu reencontro co patrimonio musical da familia foi o xermolo do que medrou o documental Dorothé na Vila. No entanto, Richi Casás apostou pola escrita e a composición para facer esa crónica no seu Fuliada na Vila. No libro-CD danse cita a creatividade a partir da tradición, os problemas da xeración actual para se encontrar cos sons doutros tempos e toda unha serie de cuestións arredor destes ámbitos. Na obra, atopamos un novo xeito de reler o Cancioneiro Popular Galego que compilou Dorothé Schubarth.

Publícase 'Adeus e grazas', o DVD que recolle o concerto de despedida dos NAO fai un ano

Xénero: Rock | 4 / 12 / 2020

nao_adeusegrazas.jpg

A banda estradense de metal rock, NAO, xa non está en activo pero celebra estes días o primeiro aniversario da súa despedida dos escenarios cunha estrea. O grupo, da man da promotora PlayPlan Cultural, publica este 7 de decembro o DVD Adeus e grazas, un traballo que recolle integramente o derradeiro directo do grupo celebrado o 7 de decembro de 2019 no recinto feiral de Amio, en Santiago de Compostela. A banda presentou fai dous anos o que sería o seu último traballo de estudio Ata que o lume se apague co cal anunciaban a súa despedida dos escenarios despois desa xira que rematou en Amio. Os integrantes de NAO decidiron poñer nese momento final a un proxecto musical de cuxo alto nivel esixía unha implicación persoal que non lles resultaba posible manter e así o explicaron nunha rolda de prensa naquel momento. A banda, ademais dunha ampla discografía e multitude de seguidores contaba co Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de Metal do ano 2015.

A Xunta amplía as capacidades de público en espectáculos en toda Galicia

Xénero: Miscelánea | 4 / 12 / 2020

imaxe non dispoñible

A piques de chegar á hora da aplicación das novas normativas á medianoite, publicábase no sitio web da Xunta de Galicia un novo número extraordinario do Diario Oficial de Galicia deste xoves recollendo as especificidades das medidas restritivas para o territorio galego. Na orde da Consellaría de Sanidade determínase o concreto nivel en que se atopan os concellos galegos asignando a cada un dos catro niveis actuais medidas restritivas con variación que, no caso da actividade cultural, levan desde un aumento considerable de capacidade de asistentes ata o mantemento de peche das salas de concertos e outros servizos culturais naqueles concellos coa maior alerta. Con estas medidas deixase atrás a limitación anteriormente vixente a 30 ou 60 persoas nos recintos de espectáculos con independencia do seu tamaño ou número de butacas. A clasificación destas zonas será obxecto de continua revisión periódica e a actual, establecida no decreto publicado onte, está vixente ata o vindeiro día 9 de decembro.

Estudantes de Comunicación Audiovisual fan un programa televisivo en Internet sobre o sector cultural

Xénero: Miscelánea | 3 / 12 / 2020

imaxe non dispoñible

Afondar nos efectos que a crise provocada pola covid-19 está a ter nas industrias culturais galegas e dar a coñecer como os diferentes axentes do sector "tratan de sobrevivir e evolucionar nunha contorna tan hostil". Estes son, como sinalan os seus responsables, os principais obxectivos de Somos Cultura, un serie de programas televisivos realizados por alumnado do grao en Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo que difunden a través de Youtube. Segundo informa o Duvi, o proxecto, no que participan 18 alumnos e alumnas, insírese nas actividades da materia Guión, Produción e Realización, que imparte o profesor Paulino Pérez e ten como obxectivo enfrontar ao estudantado á realización "dun programa de televisión, cun formato tipo magazine”, que, sinala, á súa vez, permítalles afondar na situación “dun sector que neste momento o está pasando mal e que ademais é tamén o seu, o da cultura". Ademais dos videos en YouTube manteñen presenza nas redes sociais con perfís en instagram, Twitter, Facebook e Tik Tok.

O Museo do Mar ofrece oito concertos no ciclo Mar de Cultura

Xénero: Miscelánea | 2 / 12 / 2020

imaxe non dispoñible

Dende hoxe, mércores 2, e ata o vindeiro domingo terá lugar no Museo do Mar de Vigo unha nova edición do ciclo de concertos Mar de Cultura, a cargo maioritariamente de artistas femininas. Oito actuacións conforman este ciclo de asistencia gratuíta pero que precisa reserva previa (a través de correo electrónico e máximo dúas entradas por petición) para o acceso dado ao restrinxidas das capacidades do recinto. Ugia Pedreira abre hoxe ás 18:00 horas o ciclo, mentres que mañá terá lugar a xornada Mar de Mulleres coas actuacións de De Vacas, Guadi Galego e Uxía e Felisa (Leilía), que se transmitirá en liña a través da páxina Facebook do Museo do Mar. Ailá, o venres, as cantautoras Silvia Penide e Carla López o sábado ás 18:00 e finalmente a actuación o domingo de Emilio Rúa como peche, completarán este ciclo que nesta ocasión quedará restrinxido para público da área de Vigo ante as restricións de mobilidade da Xunta de Galicia.

DEVALO preséntase co disco 'Noites contadas'

Xénero: Electrónica | 1 / 12 / 2020

devalo_noitescontadas.jpg

O músico coruñés David Miranda asina coma DEVALO este novo proxecto musical de quen formou parte anteriormente de bandas coma Nouvelle Cuisine ou The Cripple and The Tramp. Noites contadas (Ferror Records) é o seu primeiro traballo discográfico coma DEVALO, saído neste pasado setembro. O disco foi gravado polo propio Miranda en Bangor (Gales) e posteriormente masterizado por Jahel Piñeiro en 8 Estudios (Lugo). Noites contadas ofrece 12 temas en galego, escritos e compostos por David Miranda. As sonoridades en sintetizadores e caixas de ritmos remiten á electrónica synth-pop dos oitenta con New Order, Orchestral Manoeuvres in the Dark ou M83 coma algúns dos referentes que podemos atopar nestes temas de letras nostálxicas e imaxes lánguidas ou escuras.

O festival de jazz e blues de Ribadeo comeza esta semana a súa sexta edición

Xénero: Jazz/Blues | 1 / 12 / 2020

imaxe non dispoñible

Cunha exposición fotográfica de Cris Andina, profesional ribadense moi coñecida no mundo da música en vivo e os festivais, dará comezo este 4 de decembro o VI Festival de Jazz & Blues de Ribadeo que aínda que se fixo agardar finalmente terá lugar. A oficina de turismo da localidade lucense acolle esta exposición ata o día 19 de decembro. No auditorio municipal Hernán Naval terán lugar tres concertos os día 6, 8 e 12 de decembro. A banda bilbaína Travellin’ Brothers abre este ano o apartado musical ás 20 horas do domingo coa súa música americana de raíz. A presenza da escena musical galega correrá a cargo dos Sumrrá, o trío compostelán de jazz estará o martes 8 no auditorio de Ribadeo. O peche desta edición será o sábado 12 coa actuación de Zenet, que traerá o seu latin-jazz ao festival do norte galego.

<< Inicio / Anterior . 541 a 550 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR