Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Xunta amplía as capacidades de público en espectáculos en toda Galicia

A ORDE DE SANIDADE RECOLLE ESPECIFICIDADES POR ZONAS CUN MáXIMO DE CINCOCENTAS PERSOAS EN RECINTOS AXEITADOS

A Xunta amplía as capacidades de público en espectáculos en toda Galicia

MISCELáNEA | decembro 4, 2020

imaxe non dispoñible

A piques de chegar á hora da aplicación das novas normativas á medianoite, publicábase no sitio web da Xunta de Galicia un novo número extraordinario do Diario Oficial de Galicia deste xoves recollendo as especificidades das medidas restritivas para o territorio galego. Na orde da Consellaría de Sanidade determínase o concreto nivel en que se atopan os concellos galegos asignando a cada un dos catro niveis actuais medidas restritivas con variación que, no caso da actividade cultural, levan desde un aumento considerable de capacidade de asistentes ata o mantemento de peche das salas de concertos e outros servizos culturais naqueles concellos coa maior alerta. Con estas medidas deixase atrás a limitación anteriormente vixente a 30 ou 60 persoas nos recintos de espectáculos con independencia do seu tamaño ou número de butacas. A clasificación destas zonas será obxecto de continua revisión periódica e a actual, establecida no decreto publicado onte, está vixente ata o vindeiro día 9 de decembro.

As mellores noticias chegan para as demarcacións que agora mesmo están nos niveis de alerta I e II, os básico e medio. Nestas zonas, que agora son maioría en extensión pero non inclúen por exemplo as áreas de Vigo, Pontevedra e A Coruña, poden desenvolverse as actividades culturais en cines, teatros e auditorios con público sempre sentado contemplando un límite máximo de 500 persoas para lugares pechados e de mil persoas ao aire libre pero observando que a capacidade permita que se garde sempre a distancia mínima de seguridade de 1,5 m nas catro direccións entre os asistentes, salvo que se trate de persoas conviventes. Ademais nestes concellos os locais de lecer nocturno, no que están as salas de concertos, poderán abrir (coa limitación horaria de mobilidade actual) cun máximo de 50 por cento de capacidade (40 por cento en nivel II) sempre que se respecten esas distancias de separación e cos clientes sentados. Ademais de outras medidas relativas a control de fluxos de acceso e disposición de butacas, a orde lembra a obrigatoriedade do uso das máscaras e que deberá existir un rexistro de asistentes aos eventos.

Nivel III
No relativo a aquelas zonas cuxos niveis de alerta se consideran coma Nivel medio-alto (III) as restricións no relativo á cultura xa observan cambios máis limitadores que os anteriores. No caso das actividades a realizar en bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outras infraestruturas culturais os grupos poderán ser como máximo de catro persoas (dous menos que nos anteriores niveis) sexan ou non conviventes, excluído o monitor ou guía. Duascentas cincuenta persoas en espazos pechados e cincocentos ao aire libre son os máximos de capacidade de asistentes que se contempla para estes concellos de alerta nivel III no relativo á celebración de eventos e actividades en cines, teatros, auditorios e espectáculos públicos. A capacidade permitida dos recintos esixe en cada caso que se garde sempre a distancia mínima de seguridade de 1,5 m. nas catro direccións entre os asistentes. No relativo ao lecer nocturno este queda descartado neste caso xa que o horario de peche da hostalaría é ás 17:00 horas.

Restricións máximas
Nos concellos suxeitos ás medidas máis restritivas polo seu nivel de alerta adóptase a medida de peche temporal de varias actividades entre as que, no relativo ao sector cultural vense afectadas as actividades culturais e sociais de carácter recreativo, os espectáculos circenses, fican pechados os cafés-espectáculo e as salas de concertos. Os cines, teatros e auditorios poden manter a súa actividade e a súa capacidade máxima de asistentes será similar aos do nivel anterior (Nivel III), o cal é xa superior ás capacidades que ata agora estaban vixentes. Neste sentido o Decreto publicado este xoves lembra que a medida de limitación das agrupacións de persoas vai dirixida "a previr ou, polo menos, restrinxir numericamente a participación en reunións familiares ou sociais nas cales cabe apreciar un maior risco de transmisión polas circunstancias en que se realizan, por existir unha maior confianza e relaxación das medidas de seguridade, xa que teñen lugar fóra de ambientes profesionais, laborais ou outros protocolizados en que se debe usar máscara e que se rodean doutras garantías que dificultan a transmisión e o contaxio", no que é un recoñecemento da seguridade coa que se están a desenvolver os eventos culturais, altamente controlados.