Ir ao contido directamente.


Noticias

Agadic convoca axudas para programación musical en salas privadas

Xénero: Miscelánea | 1 / 2 / 2021

imaxe non dispoñible

A Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC, ven de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases da convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas dentro da programación do Xacobeo 2021. As axudas que se concederán nun réxime de concorrencia non competitiva contan cun orzamento total de 800.000 euros e mañá abrese o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 1 de marzo. Non obstante a premura na presentación de solicitudes é case un requisito xa que, unha vez esgotado o crédito na contía máxima fixada nas bases, non se admitirán novas solicitudes aínda que a publicidade desta circunstancia se produza con posterioridade. Entre os requisitos a cumprir os proxectos financiados deberán incluír unha programación mínima de 15 concertos, cun 70 % mínimo de grupos galegos, e cun orzamento mínimo do proxecto de 20.000 euros e desenvolverse integramente en Galicia nas datas comprendidas entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de outubro de 2021.

A Xunta anuncia unha liña de axudas para salas de concertos

Xénero: Miscelánea | 22 / 1 / 2021

imaxe non dispoñible

O Consello da Xunta de Galicia aprobou na súa xuntanza do 21 de xaneiro as bases dunha nova liña de subvencións coas que o Goberno Galego quere apoiar as salas de concerto do país. Pensada para mitigar os efectos da pandemia de Covid-19 no sector, a vindeira convocatoria achegará un total de 800.000 euros que se distribuirán a razón dun máximo de 20.000 por local, co que a Xunta agarda chegar a 40 destes espazos culturais por todo o país. Segundo recolle o resumo do Consello, estas axudas pretenden "achegar liquidez aos locais de música ao vivo para enfrontar os efectos do seu peche durante estes meses, así como para retomar a súa actividade unha vez se levanten as restricións sanitarias".

Abe Rábade comeza 2021 con Sorte, o seu décimo cuarto álbum

Xénero: Jazz/Blues | 22 / 1 / 2021

portada-Sorte-Abe-Rabade-Trio.jpg

Abe Rábade comeza 2021 cargado de proxectos. O pianista e compositor acaba de presentar, no formato trío, Sorte o décimo cuarto álbum da súa carreira. O disco conta con doce composicións orixinais nas que Rábade se acompaña de Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e de Bruno Pedroso á batería. Segundo a presentación da obra "coa suxerente idea-forza da Sorte como `grupo de elementos que emerxeron por medio do azar', cada peza do álbum representa un estado de ánimo ou unha fonte magnética de inspiración". Segundo o autor "o abano estético do material vai desde a música clásica ao blues, pasando pola influencia da música tradicional de Galiza, a experimentación tímbrica de vangarda e, por suposto, os elementos interactivos e espontáneos tan propios do jazz". Publicado por Nuba e Karonte, os doce temas do álbum estrutúranse en tres trípticos, "Sorte mística", "Sorte épica", "Sorte íntima" e "Sorte lúdica".

Triángulo de Amor Bizarro obtén o seu segundo Premio Ruído

Xénero: Indie | 19 / 1 / 2021

imaxe non dispoñible

O quinto álbum de Triángulo de Amor Bizarro, que o grupo galego lanzou durante o confinamento da pasada primavera, acaba de ser recoñecido como un dos mellores discos do ano. O traballo, que ten o mesmo nome que a banda, alzouse como vencedor do Premio Ruído, que outorga o colectivo Periodistas Asociados Musicales (PAM). É a segunda vez que os de Boiro obteñen este galardón, co que xa foran recoñecidos en 2016 por Salve Discordia. O fallo destaca que o traballo "é unha declaración de principios na que dan renda solta aos sons noise e ritmos post-punk" e no que destacan temas como Vigilantes del Espejo, ASMR para ti ou Fukushima. O álbum competía con outros quince proxectos finalistas de todo o Estado.

Turnes e Casquero apostan polo son ao vivo en Fidelio 85

Xénero: Jazz/Blues | 15 / 1 / 2021

fidelio85_turnes_casquero.jpg

Javier Turnes, voz e guitarra da Bakin Blues Band e Alejandro Casquero, piano da mesma formación, estréanse como dúo con Fidelio 85. A partir dos seus instrumentos, Turnes e Casquero amplían repertorio e integran, a partir do blues versións de temas de soul, gospel e baladas, nunha aposta que gravaron ao vivo no pub compostelám Borriquita de Belém en decembro de 2019 logo de cinco anos de recitais por salas de todo o país. Unha aposta que xorde "da nudez e da intimidade dun pequeno formato" mais que "propón a potencia do directo dunha banda" para "pór sobre a mesa, sen adornos, aquilo que consideran máis verdadeiro e excitante do blues". O dúo anuncia a súa intención de continuar percorrido a desenvolver un novo álbum de temas propios.

Pablo Sanmamed reinterpreta as Cantigas de Santa María en Ben Vennas Maio

Xénero: Jazz/Blues | 12 / 1 / 2021

BenVennasMaio_sanmamed_Capa_g.jpg

Unha revisión das Cantigas de Santa María que promoveu Afonso X a mesturar as linguaxes do jazz e da música medieval. Esta é a orixinal proposta que desenvolve Pablo Sanmamed en Ben Vennas Maio, o álbum que acaba de publicar aCentral Folque. O volume, que sae en formato vinilo acompañado por fotografías de Eutropio Rodríguez e textos de Alba Cid que dialogan coas letrasorixinais, achega dez temas que se centran nos temas das cantigas, a primavera, o maio e a muller. Begoña Olavide (salterio e voz), Elena Tarrats (voz), Xurxo Varela (viola de gamba), Iago Mourinho (piano), Chus Pazos (batería) e Carlos Castro (percusións) colaboran co contrabaixista e compositor que lidera este proxecto.

O dúo Acordeireta comeza a súa andaina con Loitar cantando

Xénero: Folk | 11 / 1 / 2021

Acordeireta_loitar_cantando.jpg

Co final de decembro de 2020 comezaron as presentacións de Loitar cantando o álbum de debut do dúo Acordeireta. Cos dous instrumentos que lles dan o nome como base, Patricia González Iglesias e Alejandro Balbuena Ojea achegan no seu primeiro traballo quince cortes que parten de formas tradicionais e inclúen unha versión do Deitado frente ao mar, de Celso Emilio Ferreiro, outra do poema Aperta de Carvalho Calero, e un tema dedicado a Rosalía de Castro. Segundo sinala o grupo na súa presentaicón "Decidimos emprender esta viaxe para amosar o noso agradecemento e facer homenaxe a moitas persoas que queremos e admiramos, e que a través da súa amizade, vivencias, ensinanzas, músicas e poemas, chegaron ás nosas vidas". Ritmos de festa e de loita que ven a luz da man de Inquedanzas Sonoras.

O 17° Ribeira Sacra Festival confirma datas da quinta edición e abre a venda de abonos

Xénero: Miscelánea | 5 / 1 / 2021

imaxe non dispoñible

Un certo optimismo parece agromar para este 2021 entre os festivais de verán, que comezan xa a dar primeiros pasos en previsión dun contexto favorable á súa realización. Así o 17° Ribeira Sacra Festival ven de confirmar que este ano realizará a súa quinta edición, que ademais agarda festexar coa resolución da candidatura a Patrimonio da Humanidade. O festival ven de sacar á venda os abonos para este verán e confirmar datas, do 16 ao 18 de xullo. No 2020 este foi un dos poucos eventos que conseguiu saír adiante, aínda que con restricións de capacidade, grazas ás particularidades do seu formato. En cada un dos seus espazos (adegas, miradoiros, un catamarán con música en directo…) o festival ofrece a oportunidade de vivir a Ribeira Sacra dunha maneira diferente.

Carme Penim fecha 2020 con Cantos de terra e sal

Xénero: Fusión | 5 / 1 / 2021

cantos_de_terra_sal_carme_penim.jpg

A coincidir co final do ano 2020, Carme Penim acaba de presentar Cantos de terra e sal, un disco no que achega dez novos temas. Neste proxecto a cantora afonda na mestura letras tradicionas con tons líricos e aires de jazz. Segundo explica a propia artista na presentación da obra, na base deste proxecto están os romances e cantos que coñeceu na súa infancia no Couto Mixto, "mestura de galego e castelán, traídos polos antigos seitureiros que saían traballar a Castela". Así, a obra aposta pola "fusión deses antigos cantares, así como dalgunhas cancións das máis coñecidas da súa terra, como Negra sombra, Camariñas ou Lela, arranxadas por ela" e "interpretadas na maneira ecléctica e sen fronteiras que caracteriza o traballo" de Penim.

Presentan a banda deseñada que substitúe este ano ao festival Armadiña

Xénero: Rock | 30 / 12 / 2020

imaxe non dispoñible

O festival Armadiña Rock de Combarro, asumiu este a imposibilidade da súa celebración en agosto anunciando a edición dunha banda deseñada en substitución paliativa. A organización do evento podía presumir de ser o primeiro festival musical reconvertido neste formato. Agora ven de presentarse na sede da Deputación Provincial de Pontevedra o volume O último festi. Os autores Pablo Prado e Fernando Llor asinan esta publicación de 32 páxinas a cor que conta a historia dunha pandilla formada por dous rapaces e dúas rapazas que vivirán o seu último festival antes de separarse para dar comezo a súa etapa universitaria en diferentes cidades. O festival será a décimo segunda edición do Armadiña Rock en Combarro. Nela tamén haberá un cartaz formado por bandas musicais como Uxía Lambona e a Banda Lambona, Fanfarria Taquicardia, The Tetas Van, Sés e Heredeiros da Crus, a cuxas actuacións as e os lectores poderán chegar a través de códigos QR. De feito, os protagonistas do libro celebrarán o seu último festival visitando os lugares onde transcorre o festival no recinto histórico de Combarro, transmitindo o fomento e conservación do patrimonio material e inmaterial grazas a creación de varias localizacións clave (rúa Cega, Praza da Rualeira, Praza de San Roque), en base do traballo que investigación e recompilación que realizaron a Comisión Organizadora do Armadiña.

<< Inicio / Anterior . 531 a 540 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR