Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Pablo Sanmamed reinterpreta as Cantigas de Santa María en Ben Vennas Maio
Pablo Sanmamed reinterpreta as Cantigas de Santa María en Ben Vennas Maio
xaneiro 12, 2021
Unha revisión das Cantigas de Santa María que promoveu Afonso X a mesturar as linguaxes do jazz e da música medieval. Esta é a orixinal proposta que desenvolve Pablo Sanmamed en Ben Vennas Maio, o álbum que acaba de publicar aCentral Folque. O volume, que sae en formato vinilo acompañado por fotografías de Eutropio Rodríguez e textos de Alba Cid que dialogan coas letrasorixinais, achega dez temas que se centran nos temas das cantigas, a primavera, o maio e a muller. Begoña Olavide (salterio e voz), Elena Tarrats (voz), Xurxo Varela (viola de gamba), Iago Mourinho (piano), Chus Pazos (batería) e Carlos Castro (percusións) colaboran co contrabaixista e compositor que lidera este proxecto.
Segundo adianta aCentral Folque na presentación da obra, "a liberdade compositiva e de ornamentación son dúas máximas da proposta de Ben Vennas Maio. As mans e as voces destes músicos ofrécennos unha viaxe a través de nove cantigas da autoría de Afonso X, reinterpretadas e nalgún caso musicadas para a ocasión. Estas cantigas ofrecen patróns rítmicos moi ricos que cobran outra dimensión ollados desde a cultura do jazz". O álbum está tamén dispoñible nas principais plataformas dixitais.