Ir ao contido directamente.


Noticias

O Marisquiño deixa Vigo con destino descoñecido

Xénero: Hip-Hop | 23 / 2 / 2021

imaxe non dispoñible

Apenas pasou un mes desde que o festival de cultura urbana O Marisquiño anunciara o seu regreso este ano á axenda do verán vigués cando a empresa fixo onte un novo comunicado no sentido contrario e mesmo anunciando a súa despedida da cidade onde leva celebrándose desde o ano 2001. A empresa promotora do evento, Factor Ulises, tomou a decisión de cancelar definitivamente a edición de 2021 sinalando a imposibilidade de obter apoios institucionais suficientes para manter o evento nas mínimas condiciones de calidade e seguridade admisibles para a organización. A incerteza sobre o apoio financeiro por parte da Xunta, unida ao recorte dun 70% da partida que o Concello de Vigo, dedicaba ao evento, que incluía ademais a achega da Deputación de Pontevedra está detrás desta decisión da organización do evento internacional que tamén apunta as dificultades que tivo que afrontar nos últimos anos para manter a celebración do festival na cidade. Factor Ulises afirma no seu comunicado que os patrocinios privados tamén tiveron unha considerable caída, razón pola cal o apoio institucional era máis necesario que nunca nesta edición.

Néboa afonda na fusión con A realidade enganosa

Xénero: Fusión | 22 / 2 / 2021

realidade_enganosa_neboa.jpg

Logo de o presentar en BandCamp, está a saír do prelo este mes de febreiro a edición en vinilo de A realidade enganosa, primeiro álbum dos catoirenses Néboa. O quinteto formado por Aloia López Ferro, Jacobo García Lafuente, Tomás Porteiro Abuín, Sandra Pérez Míguez e Lucas M. Suárez de Centi afonda na aposta por unha fusión sen límites logo de varios EPs e singles. Indietrónica, música tradicional galega, poesía elíptica, jazz de vodevil, pop alternativo, canción de autor e pop internacionalista son influencias que a banda reivindica na presentación do seu traballo, que conta con dez temas cos que "compoñen un cadro de puro minimalismo pop, con trazas que nos levan ata o pop alternativo máis experimental e sons que repiquetean no máis fondo da canción de autor tradicional".

A Orquestra Galega de Liberación leva a improvisación ao disco

Xénero: Miscelánea | 18 / 2 / 2021

orquestra_galega_libertacion_capa_1.jpg

O traballo de dezaseis músicas e músicos a improvisar baixo a dirección de Xacobe Martínez Antelo, rexistrado ao vivo na forma de dez temas. Este é o contido do primeiro álbum da Orquestra Galega de Liberación, unha formación que se deu a coñecer o pasado mes de setembro de 2020 en Compostela no marco do Festival de Artes Performativas Plataforma. Segundo explica a presentación do álbum, do mesmo nome que a banda, "toda a música deste concerto foi improvisada no momento e composta a tempo real mediante técnicas de improvisación dirixida. Ningún material viña pactado, aprendido, ou composto previamente. O noso primeiro disco é o concerto íntegro de principio a fin". A formación reúne nomes chegados do jazz, a música clásica ou a performance, como Max Gómez, LAR Legido, Javier Pereiro, Olivier Cano, Xosé Miguélez, Sheila Patricia, Elena Vázquez ou Macarena Montesinos.

O vigués Sen Senra única presenza galega nos finalistas dos Premios Odeon

Xénero: Alternativa | 17 / 2 / 2021

imaxe non dispoñible

Christian Senra, coñecido artisticamente como Sen Senra, é a única representación da escena musical galega entre os finalistas das 23 categorías do Premios Odeón de música. O vigués, que xa conseguiu destacar na prensa especializada en 2019 co seu disco Sensaciones(Sonido Muchacho) consegue grazas aos temas que foi presentando en 2020, co seu són de pop alternativo, synth-pop e trap, compartir posición finalista na categoría de Artista Odeón Alternativo con nomes tan coñecidos como Carlos Sadness, Vetusta Morla ou Fuel Fandango, entre outros. Esta é a segunda edición deste premios impulsados pola industria discográfica española a través de AGEDI, a entidade de xestión de dereitos dos produtores fonográficos. O vindeiro 10 de marzo coñeceranse os gañadores nunha cerimonia en liña. Os premios decídense a través do consumo da música por parte do público en plataformas dixitais e coas vendas en formato físico e contando coa opibnión de expertos do sector, tanto de compañías asociadas de AGEDI coma de representantes da asociación de produtores cataláns (APECAT), promotores musicais agrupados en APM, os representantes de ARTE e a Federación de la Música de España (ES_ MÚSICA).

A Deputación de Pontevedra dedica 300.000 euros a apoiar festivais musicais, audiovisuais e de artes escénicas

Xénero: Miscelánea | 15 / 2 / 2021

imaxe non dispoñible

O Goberno da Deputación de Pontevedra ven de aprobar as bases das subvencións aos festivais audiovisuais da provincia, integrados na marca provincial Rías Baixas Film Fest, e as dos festivais musicais e de artes escénicas, cun investimento total de 300.000 euros para todas estas partidas. Este ano os festivais audiovisuais verán incrementando o investimento ata os 150.000 euros, 20.000 máis que en 2020. Pola súa banda, os festivais musicais e de artes escénicas contarán este ano cunha partida de 150.000 euros. A presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, asegurou a decidida aposta do ente pola cultura como unha das prioridades nestes momentos, "a nosa aposta por un sector estratéxico e prioritario para nós como é a cultura. Non imos recortar un só euro", afirmou. Revalidar o noso apoio aos festivais é apostar pola riqueza cultural que se desenvolve na provincia".

O café Torgal programa en liña un ciclo de concertos

Xénero: Miscelánea | 12 / 2 / 2021

imaxe non dispoñible

Coa intención de que a música ao vivo non pereza pola pandemia, o Café & Pop Torgal de Ourense anunciaba esta semana a posta en marcha Venres, un ciclo de concertos en liña. As plataformas Youtube e Twitch acollerán cada semana, entre o 19 de febreiro e o 2 de abril ás 10 da noite as retransmisións ao vivo destes recitais. Yana Zafiro, Capricornio 1, Valdivia, Marcelo Criminal, Ghoul Jaboy, Tarta Relena e Albany protagonizan o programa. As persoas asistentes poderán contirbuir co local mediante doazóns a través das propias plataformas de retransmisión.

Timparrantela preséntase con Se te quixen foi polos grelos

Xénero: Folk | 11 / 2 / 2021

timparrantela_grelos.jpg

Desde Ourense chega Timparrantela, unha formación que aposta pola fusión desde a música tradicional cunha perspectiva poética e reivindicativa. Lorena Sotelo (voz), María Blanco (violino), Olalla Rodríguez López (clarinete), Olalla López Rodríguez (saxo), Olga Brañas (piano), Raquel Huete (tuba) e Marta Figueiredo (percusión) presentan o seu primeiro traballo logo de tres anos de actividade.

As IX Xornadas sobre o Entroido de Galiza celébranse en liña

Xénero: Miscelánea | 10 / 2 / 2021

imaxe non dispoñible

Dez conferencias en liña sobre diferentes aspectos das festas de máscaras tradicionais compoñen as IX Xornadas Sobre o Entroido de Galiza. Entre os días 12 e 21 de febreiro o Facebook da Sociedade Antropolóxica Galega achegará un relatorio diario a cargo de especialistas como Lidia Mariño, Carlos Ares, José Luís Cardeo, Roberto de la Torre, Emi Cagiao ou Rafa Quintiá. Festas como as de Samede, o Courel, Manzaneda e Nergha, ou o carácter simbólico de diferentes animais como vacas e porcos nestas celebracións trataranse nas distintas sesións.

15 grupos e artistas da escena independente reinventan o último disco de TAB

Xénero: Alternativa | 3 / 2 / 2021

imaxe non dispoñible

Que Triángulo de Amor Bizarro son unha banda recoñecida e mesmo de culto na escena da música independente española é un feito que xa ninguén pon en dúbida. Aos múltiples premios e á súa constante presenza nas listas destacadas polos medios especializados ven de sumarse agora un disco que se presentará esta vindeira primavera no que ata 15 grupos ou artistas destacados do panorama independente estatal reinterpretan por enteiro o, ata de agora, último traballo discográfico da banda galega. O quinto álbum dos TAB, de nome homónimo á banda dado do revés, oɹɹɐzıqɹoɯɐǝpolnƃuɐıɹʇ (Mushroom Pillow), foi publicado o pasado ano durante o confinamento ven de recibir o Premio Ruido e está na lista de candidatos ao premio Impala ao Disco Europeo do ano da música independente. Os 12 temas do álbum serán obxecto de reinvención, remestura e reinterpretación por artistas e banda coma Sr.Chinarro, Soleá Morente, Carolina Durante, Biznaga, J (LosPlanetas), Boyanka Kostova, Joaquin Pascual, Aries Sonic Boom, Erik Urano, Castro, Las Ligas Menores, Miguel Prado, Menta e Esplendor Geométrico. O vindeiro 19 de febreiro coñecerase o primeiro avance do disco titulado Detrás del espejo. Variaciones y ecos (Mushroom Pillow, 2021) .

Presumido pechan traxectoria por motivos creativos

Xénero: Electrónica | 1 / 2 / 2021

imaxe non dispoñible

Tarci Ávila e Nacho Dafonte veñen de poñer punto final ao seu percorrido musical como Presumido. O dúo anunciou por medio dun comunicado a despedida dese singular proxecto profesional merecedor de boas críticas e recoñecemento durante estes pasados desde que en 2016 presentaran como dúo o seu primeiro disco longo Vendetta, malia que Presumido comezou en 2014 co EP Ahora mejor coma un proxecto en solitario de Tarci Ávila, músico inquieto que viña de pasar por bandas como The Blows, Eladio y los Seres Queridos, Igloo e a dirección musical do proxecto Galicia Caníbal. No seu comunicado Dafonte y Ávila atribúen unha motivación ao 100% creativa a esta decisión de fin de Presumido. "Vivimos varios anos como queriamos e agora queremos vivir de outro xeito, explorar outros territorios usando todo o aprendido para seguir crecendo como artistas e seres humanos", afirman na súa despedida. O grupo, con todo, anuncia que atenderá aos concertos que ten comprometidos con festivais adiados do pasado ano -Mad Cool, Gigante, MUWI e SilFest, enbtre outros- que se manteñen inicialmente este 2021, e emprazan aos seus seguidores a eses directos para volver compartir o seu repertorio.

<< Inicio / Anterior . 521 a 530 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR