Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Deputación de Pontevedra dedica 300.000 euros a apoiar festivais musicais, audiovisuais e de artes escénicas
A Deputación de Pontevedra dedica 300.000 euros a apoiar festivais musicais, audiovisuais e de artes escénicas
febreiro 15, 2021
O Goberno da Deputación de Pontevedra ven de aprobar as bases das subvencións aos festivais audiovisuais da provincia, integrados na marca provincial Rías Baixas Film Fest, e as dos festivais musicais e de artes escénicas, cun investimento total de 300.000 euros para todas estas partidas. Este ano os festivais audiovisuais verán incrementando o investimento ata os 150.000 euros, 20.000 máis que en 2020. Pola súa banda, os festivais musicais e de artes escénicas contarán este ano cunha partida de 150.000 euros. A presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, asegurou a decidida aposta do ente pola cultura como unha das prioridades nestes momentos, "a nosa aposta por un sector estratéxico e prioritario para nós como é a cultura. Non imos recortar un só euro", afirmou. Revalidar o noso apoio aos festivais é apostar pola riqueza cultural que se desenvolve na provincia".
Para optar ás axudas os festivais audiovisuais deberán ter unha duración mínima de catro xornadas e realizar un mínimo de vinte proxeccións. Do mesmo xeito, incluír na súa programación a proxección de, como mínimo, cinco sesións ou un 10 % de títulos de produción cinematográfica ou de dirección galegas. Ademais, para acceder ás axudas será necesario que leven un mínimo de catro edicións consecutivas (sen ter en conta 2020 no que o sector estivo moi afectado pola pandemia). Baixo a marca Rías Baixas Film Fest atópanse os festivais de maior prestixio como o FIC Bueu, Novos Cinemas de Pontevedra, Festival de Cans do Porriño, Play-Doc de Tui, Galcian Freaky Film de Vigo, Primavera de Cine de Vigo, Curtas Festival do imaxinario de Vilagarcía, Festival de Cine Inclusivo de Vigo e o Curtas Armadiña.