Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Presumido pechan traxectoria por motivos creativos

O DúO DE ELECTRO POP COMUNICAN A FIN DO PROXECTO COMúN TRAS CINCO VERTIXINOSOS ANOS

Presumido pechan traxectoria por motivos creativos

ELECTRóNICA | febreiro 1, 2021

imaxe non dispoñible

Tarci Ávila e Nacho Dafonte veñen de poñer punto final ao seu percorrido musical como Presumido. O dúo anunciou por medio dun comunicado a despedida dese singular proxecto profesional merecedor de boas críticas e recoñecemento durante estes pasados desde que en 2016 presentaran como dúo o seu primeiro disco longo Vendetta, malia que Presumido comezou en 2014 co EP Ahora mejor coma un proxecto en solitario de Tarci Ávila, músico inquieto que viña de pasar por bandas como The Blows, Eladio y los Seres Queridos, Igloo e a dirección musical do proxecto Galicia Caníbal. No seu comunicado Dafonte y Ávila atribúen unha motivación ao 100% creativa a esta decisión de fin de Presumido. "Vivimos varios anos como queriamos e agora queremos vivir de outro xeito, explorar outros territorios usando todo o aprendido para seguir crecendo como artistas e seres humanos", afirman na súa despedida. O grupo, con todo, anuncia que atenderá aos concertos que ten comprometidos con festivais adiados do pasado ano -Mad Cool, Gigante, MUWI e SilFest, enbtre outros- que se manteñen inicialmente este 2021, e emprazan aos seus seguidores a eses directos para volver compartir o seu repertorio.

Presumido supuxeron estes cinco anos unha seria e frutífera proposta de pop electrónico sempre en constante mellora creativa e experimentación. Vendetta foi un disco amplamente celebrado pola crítica a nivel estatal que estivo entre os mellores das listas anuais da prensa especializada. Tras diso a banda protagonizou un sonoro desencontro coa súa discográfica que rematou nunha campaña de recadación popular tras ter empeñado os seus instrumentos para mercar a súa liberdade e comezar a preparación do que sería o seu segundo disco Cuatro Estaciones (2019) que foi presentando en EPs ao longo de todo o ano seguindo o calendario estacional e cunha sucesión de vídeos de impecable factura. A banda tamén re-editou, xa desde a liberdade creativa o seu primeiro disco baixo o nome de Re-Vendetta(2019). Ese ano recibiron tamén o premio Maketón Cunha actitude sempre profesional e proactiva o dúo mantivo unha constante comunicación cos seus seguidores a través das redes e aproveitou as súas oportunidades de presentarse en directo para ir sumando máis, cunha posta en escena coidada e deseñada ata o detalle. A xira de Cuatro estaciones tiña moitas paradas aínda previstas o pasado ano, incluídas as de importantes festivais, que se viron truncadas pola pandemia. Desde o seu confinamento, que compartiron ambos, seguiron creando pezas alegóricas da situación que foron presentando en redes con videoclips sempre refrescantes. De aí saíron temas como Encerrados, No apareces e este pasado Nadal a canción Volveremos a brindar que xa non chegarán a formar parte dun futuro disco longo. Esta despedida ten tamén o seu propio tema e con ela veñen de facer pública a canción Quiero respirar, na que teñen a participación da voz da artista mexicana Pau Sotomayor. Con ela Presumido saen da escena musical coa mesma virtuosidade, elegancia e sentimento co que estivo marcado o seu percorrer estes anos, deixando feito un magnífico repertorio cheo de himnos, sensibilidade e música de baile sobre o que sempre pagará a pena voltar.