Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Publícase 'Adeus e grazas', o DVD que recolle o concerto de despedida dos NAO fai un ano

INCLúE O DISCO 'APOCALIPSE NAO' QUE RECOMPILA TRES PEZAS DOCUMENTAIS DOS TRECE ANOS DE TRAXECTORIA DO GRUPO

Publícase 'Adeus e grazas', o DVD que recolle o concerto de despedida dos NAO fai un ano

ROCK | decembro 4, 2020

nao_adeusegrazas.jpg

A banda estradense de metal rock, NAO, xa non está en activo pero celebra estes días o primeiro aniversario da súa despedida dos escenarios cunha estrea. O grupo, da man da promotora PlayPlan Cultural, publica este 7 de decembro o DVD Adeus e grazas, un traballo que recolle integramente o derradeiro directo do grupo celebrado o 7 de decembro de 2019 no recinto feiral de Amio, en Santiago de Compostela. A banda presentou fai dous anos o que sería o seu último traballo de estudio Ata que o lume se apague co cal anunciaban a súa despedida dos escenarios despois desa xira que rematou en Amio. Os integrantes de NAO decidiron poñer nese momento final a un proxecto musical de cuxo alto nivel esixía unha implicación persoal que non lles resultaba posible manter e así o explicaron nunha rolda de prensa naquel momento. A banda, ademais dunha ampla discografía e multitude de seguidores contaba co Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de Metal do ano 2015.

Durante o seu concerto que agora queda recollido neste DVD os NAO revisaron practicamente todo o seu repertorio apoiados por máis de 20 artistas no que resultou un acontecemento destacado dentro da mundo da música galega. O directo que é a base deste lanzamento en DVD prolongouse durante máis de 3 horas e nel colaboraron Picchio (Banda Bassotti), Sabela Ramil, Tanxugueiras, SonDaRúa, Rebeliom do Inframundo, Odolaren Mintzoa, Mini e Navia Rivas, Ramón Iglesias, Anxelo de Xermar, Patty Castro, Paul Zervero, Dakidarría, Pauliña, Xiana Lastra, Manuel Varela, Inés Duport, Roi Xesteira, Iago Pico, Vituco Neira e Carlos Gilino. Adeus e grazas inclúe tamén de agasallo o disco Apocalipse NAO, que recompila tres pezas documentais homónimas (I, II e III) recollidas á banda ao longo dos seus case quince anos de traxectoria. A última da triloxía, nomeada Apocalipse NAO I, inclúe material audiovisual inédito gravado após a despedida do grupo e que se poderá ver por primeira vez neste deuvedé. No traballo, tanto os membros da formación como as persoas achegadas á mesma e que compartiron as súas vivencias coa banda nestes anos falan do que supuxo o derradeiro concerto de NAO e do que significou a súa música para eles. O dobre DVD publicado por NAO e PlayPlan poderase adquirir desde o luns 7 a través da páxina web de Inquedanzas Sonoras e a partires do mércores 9 de decembro estará nos puntos habituais de distribución de Inquedanzas Sonoras.

datos do disco