Noticias
A Asociación de Gaiteiros Galegos analiza a tradición en feminino
Xénero:
| 19 / 11 / 2020O Concello de Rianxo acolle este 22 de novembro o encontro Tradición en feminino. A Asociación de Gaiteiros Galegos coordina esta iniciativa que pretende "reivindicar o enorme e imprescindible papel que tivo e ten a muller para a preservación e transmisión da nosa riqueza cultural". No programa, que se poderá seguir en liña a través do Facebook do colectivo, Maruxa dos Rosales, percusionista de Rianxo, dará a coñecer a súa experiencia pioneira como parte un grupo de gaiteiros desde os anos 60.
Créase a Asociación Cultural República Musical Mardi Gras arredor da sala coruñesa
Xénero:
| 18 / 11 / 2020Este pasado luns, 16 de novembro, a sala de concertos Mardi Gras da Coruña facía o seu 21 aniversario, nun contexto no que a súa actividade está totalmente impedida polas restricións decretadas pola Xunta de Galicia desde o pasado mes de agosto. Tras ver pechar outras salas importantes da súa área coma o Bâbâ Bar e o Fórum Celticum os responsables da Mardi Gras quixeron comezar a poñer as ferramentas necesarias para a súa permanencia ata a fin da pandemia e argallaron o plan "Salvar a Mardi Gras". Coincidindo co seu aniversario presentaron a Asociación Cultural República Musical Mardi Gras, un proxecto colaborativo que inclúe a protección das salas coruñesas en risco nestes momentos, agrupadas na campaña #ApoyaTuSala (Mardi Gras, Jazz Filloa, Garufa Club, e o propio Bâbâ Bar en concepto de axuda á liquidación) pero que pretende ir moito máis alá converténdose nun axente cultural máis con alcance fóra dos límites da Coruña, ata en toda Galicia, xa que ése é o rango no que foi rexistrada a súa constitución. Nos dous días que levan coa proposta enriba da mesa xa recibiron máis de 300 correos electrónicos interesándose sobre o xeito de asociarse. Entre os remitentes hai concelleiros e músicos da cidade herculina pero tamén todo tipo de xentes que conciben a Sala Mardi Gras coma parte da súa vida presente ou pasada nestes 21 anos de actividade deste templo musical. Segundo os organizadores hai quen incluso pregunta se pode inscribir como socio xa a un bebé con vistas ao futuro.
Teo Cardalda nomeado presidente da SGAE en Galicia
Xénero:
| 13 / 11 / 2020Teo Cardalda (Vigo, 1962) exercerá a representación da Sociedad General de Autores y Editores (SGAE) en Galicia á fronte dun Consello Territorial onde tamén están outros músicos e representantes do audiovisual. O coñecido músico fundador de Golpes Bajos e Cómplices foi designado pola recentemente elixida xunta directiva da SGAE para ser o presidente do Consello Territorial sucedendo a Juan Rivas e Rodrigo Romaní no cargo. Cardalda xa formara parte anteriormente dos órganos de goberno da SGAE na Xunta Directiva e foi vicepresidente de Pequeno Dereito da entidade. No órgano territorial da sociedade de xestión de dereitos está tamén presente o músico Miguel Costas, fundador de Aerolíneas Federales e Siniestro Total, entre outros proxectos musicais, Alberto Gallardo e Raquel Rodríguez Fernández. Coma representantes do colexio audiovisual entran neste consello territorial galego o guionista Víctor Sierra e o compositor Sergio Moure. A SGAE ten a a súa sede galega en Santiago de Compostela.
Sinsal Outono amosa nas redes o resultado das Microresidencias Verbum
Xénero:
| 12 / 11 / 2020As Microresidencias Verbum, o proxecto co que o Festival Sinsal sacou adiante unha edición ‘Outono’ xa están estes días a chegar ata o público pola vía virtual. O pouco normal da situación fixo que tamén a adaptación do Sinsal tivese que facerse dun xeito pouco convencional, sen público, sen que os artistas puidesen actuar nas condicións habituais. Usando as instalacións municipais do Museo Verbum de Vigo unha decena de novos artistas galegos da música a escenografía, artistas e investigadores do son e a imaxe levaron a cabo entre eles uns diálogos escénicos nos que traballaron colaborando durante unha semana. Os froitos desas interaccións está a agora a amosarse ao público do festival a través de vídeos que Sinsal vai publicando na rede. O Colectivo Nononon.Lab + Carlos Suárez + Macarena Montesinos + Yugen Kala + Rubén Abad + Mateo Mena + Elena Vázquez son os nomes artísticos que se sumaron nesta experiencia. O primeiro avance amosa a participación de Carlos Suárez e Macarena Montesinos, e nos próximos días se irán publicando máis pezas de vídeo do proceso creativo.
Piti Sanz presenta S4N7 un novo disco e proxecto musical
Xénero:
| 9 / 11 / 2020Piti Sanz é coñecido por ser un dos máis prolíficos compositores e intérpretes musicais para as artes escénicas e o audiovisual galegos, ademais tomou parte en varios proxectos puramente musicais como a banda de Luis Tosar Di Elas e tamén das máis recentes formacións de Os Resentidos. A pandemia colleuno preparando un novo proxecto propio con álbum incluído, S4N7, do que foi adiando a saída dadas as circunstancias e a dificultade de presentalo en directo. Finalmente foi no mes de outubro cando puido saír a luz este S4N7 que supón a súa volta á gravación do músico tras anos sen asinar ningún traballo e grazas ao que volve a poñerse ao fío da actualidade, neste caso coa compañía no proxecto de Adrián Arias nos teclados e Ro Muñoz na batería. Once temas conforman o disco editado por Sorte Records. Nas pistas deste traballo,m que xa está en plataformas e á venda en formato CD, Sanz demostra a súa capacidade compositiva de música e letras en temas de presencia contundente pero sin complicacións. Rock urbano de estilo impecable, cos aires de garaxe ou blues que Sanz sempre manexou con facilidade. Nalgúns casos ademais inclúe fusións latinas. O disco inclúe a reinterpretación dalgún dos seus temas composto para una banda sonora audiovisual coma a canción Dille que non que formaba parte da película 18 comidas (Alfonso Zarauza, 2010) e outros tres temas previos, os demais son composicións novas. O tema non é o único en galego do disco que tamén inclúe o tema As casiñas do Barrio Alto. Para a gravación e masterización a banda escolleu os estudios Edisco da Estrada. O tema de lanzamento do disco e que xa ten vídeo foi Todo sale mal, unha premonitoria declaración de resistencia ante calquera condición adversa cun ritmo e acabado perfectos.
O Concello da Coruña anuncia un plan de apoio económico para salas de música ao vivo
Xénero:
| 5 / 11 / 2020O Concello da Coruña comunicou hoxe que prepara un novo plan de apoio ás salas de concertos da cidade dotado con arredor de 100.000 euros, para axudar a á súa supervivencia. O peche da Sala Bâbâ Bar e do Forum Célticum de Culleredo, así como os crecentes avisos e accións por parte do sector semellan ter acadado resposta no consistorio herculino. O plan será financiado polo Consorcio de Turismo e impulsado pola área de Cultura que dirixe a alcaldesa, Inés Rey e na que agora se incorpora o músico Rómulo Sanjurjo. A fórmula elixida para apoiar estes espazos de música ao vivo será mediante a sinatura de contratos de patrocinio individuais con cada un deles e cos que se sufragará a realización de concertos e eventos nesta recta final de ano. A intención é que este tipo de negocios, especialmente afectados pola crise sanitaria, poidan terminar 2020 cun balón de osíxeno co que compensar as grandes perdas económicas que están a sufrir polas restricións derivadas da pandemia. Esta novidade irá acompañada dun decreto da Concellería de Urbanismo, en que se permitirá a apertura deste locais para a realización dos eventos programados. En caso de non poder organizalos de xeito presencial, este patrocinio daralles a opción de ofrecelos ao público en retransmisións en liña.
Comeza hoxe en Lugo o XXXº Festival de Jazz cun amplo cartel internacional
Xénero:
| 5 / 11 / 2020O festival de Jazz de Lugo chega ao trixésimo aniversario mantendo a súa cita e coas adaptacións que marca o actual contexto sanitario, que a día hoxe restrinxen a 30 persoas a capacidade dos espazos. Debido a isto algúns dos artistas duplicarán as súas actuacións para darlle cumprimento ás restricións e facilitar que os concertos cheguen ao maior número de persoas posible. A casa do Saber e o Círculo das Artes acollerán a maior parte do programa. O festival abre hoxe con dous concertos, Daniel García Trío na Casa do Saber ás 20,30 h., con entrada gratuíta previa reserva de localidades e ás 21,30 h. actuará The Old Project no Club Clavicémbalo, epicentro da actividade de jazz da cidade. Como é xa habitual a cita fai unha oferta selecta de artistas internacionais, o que posibilitará o paso polos escenarios de Lugo de artistas e formacións coma Salvador Sobral; o quinteto tributo a Charlie Parker, Jazz at The Massey Hall; Yamandú Costa; Jean Toussaint Quartet; Jezz Trío + Arnaud Desprez; a cantante albanesa suíza Elina Duni, acompañada de Rob Luft e Fred Thomas; Clarence Bekker Band ou Miryam Latrece Quartet, que pechará esta XXXª edición con dous concertos o día 15.
O programa Música na Ribeira une a promoción musical coa do Camiño de Santiago
Xénero:
| 5 / 11 / 2020A promotora do 17º Ribeira Sacra Festival inicia mañá un programa de concertos que baixo no nome de Música na Ribeira baséase na idea do Camiño de Santiago como fonte cultural de música propiamente galega, e como leito transmisor de cultura musical. O encontro conxuga a música en directo de novos talentos da escena galega en localizacións do Camiño de Santiago ao seu paso pola Ribeira Sacra. Unha iniciativa adaptada á situación actual que une a promoción da música en galego e a creación dunha peza audiovisual. Para a posta en escena contarase con Momboi, expoñente galego dunha nova xeración de artistas que fan música actual e en galego. Unha banda que fusiona a música pop con trazas de tradición latina, usando a súa lingua materna. Estarán este venres 6 de novembro no Salón de actos de Sober, ás 20.00 horas e o 7 de novembro no Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela ás 13.00 horas. Dúas citas con capacidade limitada e reserva previa a través do correo electrónico info@festivalribeirasacra.com. Esta iniciativa de Dezasete Grados S.L. forma parte do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, que apoia a promoción da cultura local, a lingua e os profesionais galegos que se viron afectados pola situación actual cunha paralización das propostas sen precedentes.
As novas medidas contra a pandemia estenden as restricións que lle afectan á cultura
Xénero:
| 5 / 11 / 2020O endurecemento das medidas contra a Covid-19 e a súa ampliación a 60 concellos do país están a afectar a diferentes propostas culturais. A listaxe de medidas que entrarán en vigor na medianoite do vindeiro sábado 7 de novembro amplía o territorio no que a capacidade de actos, salas e auditorios queda restrinxida a un 50% cun límite máximo de 30 persoas. Este límite amplíase a 75 en propostas que se desenvolvan ao aire libre.
Rómulo Sanjurjo dirixira a área de Cultura da Coruña
Xénero:
| 4 / 11 / 2020O músico Rómulo Sanjurjo, membro fundador de Os Diplomáticos de Montealto é a persoa designada polo equipo de goberno do Concello da Coruña para dirixir a Área de Cultura. Así o avanza hoxe na súa sección local o xornal La Voz de Galicia citando fontes municipais. Sanjurjo é parte tamén do dúo Transportes Hernández &Sanjurjo e, segundo sinala o xornal, foi elixido polo seu coñecemento do sector cultural da Coruña, e pola súa experiencia nese mundo. A Sanjurjo tócalle agora facerse cargo dunha difícil situación co mundo da cultura reclamando accións de apoio por parte do consistorio local ante a desfeita provocada pola pandemia. O novo director chega cando están a pique de rematarse as actividades inicialmente previstas do Plan de reactivación económica, social e cultural da Coruña (PRESCO) e aínda non se coñece o seu futuro. Colectivos do sector cultural estiveron estes meses pasados organizándose para levar a cabo accións de reclamación ás administracións públicas. O peche de dúas salas da área coruñesa, Bâbâ Bar e Fórum Céltico actuaron de catalizadores para a unión colectiva no caso do sector musical, pero xa antes se creara a plataforma VAI Coruña para mellorar a vida cultural da cidade.