Ir ao contido directamente.


Noticias

O trío pontevedrés Peña faise co Premio Narf

Xénero: Miscelánea | 22 / 11 / 2021

imaxe non dispoñible

O Teatro Colón da Coruña acollía na noite deste 21 de novembro a gala na que se decidían os Premios Narf para grupos e artistas musicais que outorga anualmente a Deputación da Coruña. Logo das actuacións das cinco propostas finalistas, o xurado seleccionou o trío pontevedrés Peña como vencedor desta edición do galardón, que conta cunha dotación de 3.000 euros en metálico.

Mercedes Peón lidera en Carballo o proxecto Somos pandeireteiras

Xénero: Folk | 22 / 11 / 2021

imaxe non dispoñible

Obradoiros de formación e un encontro aberto son os pasos cos que bota a andar Somos pandeireteiras en Carballo. A artista multidisciplinar Mercedes Peón lidera este proxecto en colaboración coa Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón), Raigañas de Cerqueda (Malpica) e Xirifeiras (Fene) e co apoio do Concello e mais da Deputación da Coruña. A iniciativa, que se presentaba na mañá deste 22 de novembro, pretende "impulsar a lexitimación da representación social das pandeireteiras como centro da transmisión musical e da palabra no eido musical tradicional contemporáneo" e propón crear unha rede provincial que conecte as tocadoras deste instrumento.

O CDG e a Fundación Groba presentan un espectáculo familiar

Xénero: Clásica/Lírica | 18 / 11 / 2021

imaxe non dispoñible

O Centro Dramático Galego (CDG), e a Fundación Rogelio Groba estrean este venres a coproducción 'O neno Groba e Música', dirixida e interpretada por Ramiro Neira. A representación terá lugar en Oleiros, no Auditorio Gabriel García Márquez ás 20,30 horas. 'O neno Groba e Música' forma parte das coproducións programadas para este ano polo CDG no marco da súa aposta por reforzar a colaboración cos distintos axentes do sector teatral de Galicia e pola descentralización da súa programación.

Xesús Fraga, Miguel Anxo Seixas ou Margarita Ledo son recoñecidos cos Premios da Crítica

Xénero: Miscelánea | 15 / 11 / 2021

imaxe non dispoñible

A Fundación Premios da Crítica de Galicia celebrou este sábado 13 de novembro en Vigo a 44 edición dos seus galardóns. O fallo recoñeceu na categoría de Creación Literaria a obra Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga, da que destacou " a perspectiva novidosa da emigración e centros cosmopolitas europeos; a construción dunha época que visibiliza e dignifica as mulleres emigrantes galegas; e a creación dun universo autoficcional sen condescendencias". Castelao. Construtor da nación. Tomo II valeulle a Miguel Anxo Seixas o premio de Investigación por unha "investigación profunda e rigorosa que se achega á figura fulcral da cultura galega".

A música volta a Pontevedra con senllos ciclos

Xénero: Miscelánea | 12 / 11 / 2021

imaxe non dispoñible

Tres recitais de Dakidarría, SonDaRúa e Boyanka Kostova este venres 12 de novembro abren a primeira edición de Que non pare a música, ciclo co que a Consellería de Cultura desembarca en Pontevedra este outono. O programa continuará sábado cun concerto de Carlos Sadness e La Casa de los Ingleses e fechará domingo cunha sesión de mañá a cargo de Furious Monkey House e Cora Velasco e a actuación de Baiuca durante a tarde.

O novo Sinsal Museo do Mar ofrece tres xornadas de música en Vigo

Xénero: Miscelánea | 11 / 11 / 2021

imaxe non dispoñible

Sinsalaudio, organizadores do festival Sinsal, ten unha nova proposta para este mes de novembro tras do recente Sinsal Outono. O Sinsal Museo do Mar 2021, un evento a celebrar na cidade Vigo ao longo de tres xornadas, nas que a organización ofrece un abano de concertos nos que convivirán as propostas de formato tradicional con outras máis conectadas coa vangarda. O cartel contará con bandas e artistas pouco habituais no ecosistema das salas de concertos ou festivais de Galicia. Este 13 de novembro terá lugar no Teatro Afundación o concerto inicial do programa coa presentación da artista portuguesa Luísa Sobral, cuxas creacións transitan entre os universos sonoros do jazz, folk ou indie. Sobral presentará en Vigo un repertorio no que destaca Rosa (2018,) un traballo íntimo e cru da creadora producido por Raül Refree, ou mesmo Luísa (2016), disco aclamado pola crítica portuguesa.

o ciclo 'Música en Salas' impulsará a celebración de 135 concertos

Xénero: Miscelánea | 8 / 11 / 2021

imaxe non dispoñible

Agora que as restricións sanitarias afrouxaron os seus requisitos, a Xunta de Galicia apoia ao sector da música ao vivo coa posta en marcha dun novo ciclo que, baixo o título Música en salas, ofrecerá durante dous meses 135 concertos de 115 artistas e bandas galegas en 19 locais das catro provincias. Esta iniciativa, á que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un orzamento de 200.000 euros, é froito do convenio asinado coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura para impulsar a recuperación da actividade musical en directo neste tipo de espazos, ademais de contar coa complicidade de Músicas ao Vivo como entidade que representa os intereses dos intérpretes.

Cancións recupera as letras de Xela Arias para Desertores

Xénero: Rock | 4 / 11 / 2021

Cancions_x_arias_desertores2.jpg

As letras que Xela Arias, homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2021, escribiu para o grupo Desertores voltan á vida. A formación reuniuse este mes de xullo para gravar nun único álbum todos os seus temas con textos da autora e este venres cinco de novembro presenta nun concerto en Vigo Cancións, o libro-CD que publica Edición Xerais a compilar este material.

Lugo volta ao Jazz na XXXI edición do seu festival

Xénero: Jazz/Blues | 3 / 11 / 2021

imaxe non dispoñible

Os estadounidenses Kenny Garrett e o Julian Lage Trio encabezan o cartel do Festival de Jazz de Lugo, que celebra este mes de novembro a súa trixésimo primeira edición. Entre os días 5 e 21 de novembro, a Cidade da Muralla acollerá ao amparo deste programa un total de vinte e cinco concertos, con nomes como Dave Weckl & Tom Kennedy Project, Black Art Jazz Collective, Ghost-Note, Huntertones, os británicos Ray Gelato & The Giants, ou o galego Abe Rábade co seu trío. Canda a el, Xacobe Martínez Antelo Quinteto, Aló Django Quartet, d’A Trío, Viruxe e Alfonso Calvo Septeto completan a presenza galega nesta xeira.

Los Eternos xa pasean o seu novo disco "Sonora"

Xénero: Rock | 29 / 10 / 2021

loseternos_sonora.jpg

A banda de Cedeira, Los Eternos, ven de sacar o seu terceiro traballo longo, "Sonora" (Milana Música / Ferror Records), unha nova incursión nas sonoridades da música americana, tras daquel "Vientos Solitarios" (Ferror Records / Cascaballo Records, 2019) co que regresaban tras un longo silencio de 9 anos. Nesta ocasión a formación ofrecen un disco máis sofisticado e rico en matices, avanzando na súa aposta, que transita desde o pop ao country, nunha evocación de paisaxes típicas do son "western".

<< Inicio / Anterior . 381 a 390 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR